Pouco despois despois de que, no verán de 2021, o mozo Samuel Luiz fose asasinado dunha malleira na Coruña no que as súas amizades e múltiples colectivos denunciaron como unha agresión homófoba, Migracións concedeu permiso de traballo e residencia aos dous veciños da cidade que tentaran auxilialo fronte ao grupo que o matou. Escasas semanas despois, transcendía a noticia de que Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, lograran senllos postos de traballo nunha empresa de carpintaría metálica en Oza dos Ríos, Puertas Betanzos.
Este 24 de xaneiro a CIG revelaba que ambos veñen de ser despedidos. Segundo o sindicato, por acollérense ao seu dereito ás vacacións e tras un período laboral marcado polas condicións "abusivas".
Lembra a Federación de Construción e Madeira da central sindical, á que acudiron ambos traballadores, que as contratacións foran "anunciadas publicamente" pola propia empresa "tras o recoñecemento social" a Ibrahima e Magatte "pola súa valente e decidida acción para defender" a Samuel. "Nada os fixo sospeitar de que aquel aparente xesto de bondade do empresario agochaba un contrato abusivo, con xornadas intempestivas de ata 10 e 11 horas diarias polo soldo máis baixo do convenio", aseguran.
A CIG asegura que Ibrahima e Magatte foron despedidos por acollérense ao seu dereito de coller vacacións. A empresa esgrime "causas económicas e produtivas" e necesidade de persoal "máis cualificado" e anuncia a intención de emprender accións legais contra o sindicato por atribuírlle "falsidades"
Sempre segundo o divulgado pola CIG, "a situación chegou ao límite" o pasado Nadal, cando a empresa tivo coñecemento de que os dous traballadores "reservaran billetes de avión para visitaren as súas familias en Senegal", de onde son orixinarios, "coincidindo coas vacacións. "Un día antes de saír os voos -afirman- dende a empresa trataron de convencelos para que renunciasen" ao dereito ao período vacacional. Ambos negáronse e emprenderon as viaxes no momento previsto.
"En represalia, ese mesmo día foron despedidos con cadansúa carta por causas económicas" e os seus postos, recalca a CIG, cubertos "por novos operarios". "Non lles abonaron sequera a indemnización nin a liquidación salarial", engaden. Neste contexto, o sindicato coida que aquela contratación "foi unha acción publicitaria" da compañía para "presentarse falsamente" como modélica.
A empresa, pola súa banda, alén desas "causas económicas e produtivas", alega que os despedimentos se produciron por precisaren persoal "máis cualificado", segundo declaracións dun voceiro de Puertas Betanzos a La Opinión de A Coruña. Afirman ademais que ambos traballadores, aos que censura que non fosen máis "polivalentes", estaban "avisados" e que os seus cesamentos non foron "un caso de última hora". Mantén ademais que recibiron os pagamentos que lles "correspondían".
A esa reacción engadiuse este mércores, segundo fontes da empresa que cita La Voz de Galicia, o anuncio da súa decisión de emprender accións legais contra a CIG. A súa intención, din, é obter unha rectificación do comunicado feito público polo sindicato e mais unha indemnización xa que, aseguran, atribúen á compañía "falsidades" como que o despedimento fose unha "represalia" ou que fosen "vítimas dun contrato abusivo". Agregan tamén que actuaron de "boa fe" cos traballadores ao ofrecérenlles, afirma, a posibilidade de accederen a outros empregos no futuro a través dunha empresa de traballo temporal.