Ecodesarrollo Gaia propón un programa educativo en institutos e entidades sociais no que colaboren Ibrahima e Magatte
Un programa educativo en institutos e entidades sociais polo respecto á diversidade e a non violencia, coa colaboración de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye. Esa é unha das propostas da ONG Ecodesarrollo Gaia que Marea Atlántica e BNG levan ao vindeiro pleno municipal incluída na moción conxunta pola que piden que se lle outorgue a estes dous cidadáns senegaleses o título de Fillos Adoptivos da Coruña.
Ibrahima e Magatte auxiliaron e defenderon a Samuel Luiz "ata o último momento" o pasado 3 de xullo de 2021, cando o rapaz foi asasinado a golpes de madrugada e en pleno centro da Coruña ao berro, segundo varias testemuñas, de "maricón". O pleno municipal aprobou por unanimidade en setembro unha moción para declaralos Fillos Adoptivos, pero o nomeamento aínda non se fixo efectivo.
"Plantáronlles cara aos asasinos", lembran as dúas formacións, que destacan que ambos "puxeron en risco a súa integridade física para prestar auxilio a Samuel Luiz e fixérono impelidos pola súa educación, polos seus valores morais, pola repulsa que lles produce a violencia irracional e a violación dos dereitos humanos".
Marea e BNG piden nunha moción conxunta que se impulse un "programa educativo pola diversidade e a non violencia"
Segundo os investigadores do caso -polo que hai dous homes en prisión provisional e dous rapaces nun centro de menores-, Ibrahima e Magatte intentaron separar os agresores de Samuel en todo momento sen poder evitar a súa morte, axudando a levantalo do chan e estendendo os brazos para deter os golpes. Tanto que aclaran que os agresores tiveron a intención de matar tamén a Ibrahima, cuxas lesións non foron máis graves pola súa fortaleza física.
Os dous puxeron en risco as súas vidas, como lembran os partidos, "pese a que tiñan moito que perder ao ser inmigrantes en situación irregular". De feito, a Secretaría de Estado de Migracións concedeulles ás poucas semanas do crime permisos de traballo e residencia a ambos.
Agora, Marea e BNG presentan esta iniciativa impulsada pola ONG EcoDesarrollo Gaia coa que pretenden que en centros educativos e entidades sociais se transmitan os "valores de fraternidade e humanidade, de defensa da diversidade e de repulsa da violencia, mostrados por Diack e Ndiaye ao tentaren salvar a vida de Samuel Luiz". "Son cada día máis necesarios, polo que esta iniciativa pretende animar á "reflexión colectiva" sobre un acontecemento terríbel que conmocionou A Coruña", aseguran respecto dun programa educativo que estaría dirixido a "desterrar a violencia da nosa sociedade".

“Cando lles preguntan a Ibrahima e Magatte por que non dubidaron nin un segundo en axudar a Samuel, a súa resposta é nítida e precisa: 'Pola nosa educación'. Unha educación que debería ser universal e espallarse", expresa a moción, que busca actuar "desde o plano formativo".
"Nos cinco meses que transcorreron desde o brutal asasinato, o goberno local da Coruña non impulsou ningunha nova política pública, nin no ámbito das diversidades nin no da educación e a non violencia. Son necesarias iniciativas que contribúan a non esquecer o crime que acabou coa vida de Samuel precisamente para que nunca volva suceder nada parecido", lembran.