A orientación e identidade sexual xa é a motivación discriminatoria máis común entre os delitos de odio

Concentración contra unha agresión homófoba en Vigo en 2022 © Avante LGBT+ Vigo

Un de cada cinco delitos de odio cometidos en España entre 2002 e 2021 tivo como obxectivo a orientación e a identidade sexual das vítimas

Un de cada cinco delitos de odio cometidos no Estado español entre os anos 2002 e 2021 tivo como obxectivo a orientación e a identidade sexual das vítimas. A inmensa maioría dos agresores son homes (86%) e de nacionalidade europea (82,7%). Máis da metade dos autores destes delitos pertence a grupos cunha ideoloxía de extrema dereita (54,3%), seguido dos grupos extremistas relixiosos (15,2%) e grupos de extrema esquerda (13%). 

Polo tanto, un 22,7% das sentenzas estudadas na Análise de casos e sentenzas en materia de racismo, xenofobia, LGTBIfobia e outras formas de intolerancia 2018-2022, presentado esta semana polo presidente do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), Vicente Guilarte, ten como motivación discriminatoria a orientación e identidade sexual da vítima. Os delitos de odio cometidos pola orixe racial ou étnica das vítimas representan o 18,8%; a motivación pola ideoloxía o 15,3% e a nacionalidade o 10,2%. Os feitos analizados tiveron lugar entre os anos 2002 e 2021, pero as resolucións xudiciais publicáronse entre 2018 e 2021. 

Anos nos que se produciron os casos analizados a través das sentenzas xudiciais CC-BY-SA CGPJ

As vítimas máis numerosas pertencen a minorías étnicas, relixiosas ou colectivos vulnerables (56,1%). Dentro desta categoría, o 64,1% das vítimas forman parte do colectivo LGBTIQ+

Entre as vítimas, o estudo describe que "a categoría máis representativa é a de minorías étnicas, relixiosas ou colectivo vulnerable (56,1%). Dentro dela, destacan as seguintes subcategorías: pertencentes ao colectivo LGBTIQ+ (64,1%), pertencentes a unha orixe racial (16,7%) ou a algunha etnia minoritaria (12,8%), sendo a xitana a máis frecuente, ou persoas con algún tipo de discapacidade (6,4%). A segunda categoría máis prevalecente é a pertenza ao colectivo de estranxeiros8 (33,8%). En menor proporción hai vítimas afiliadas a grupos de tendencias políticas claras (5%)".

Esta análise foi elaborada polos profesores Andrea Giménez-Salinas Framis, da Universidad Pontificia de Comillas, e Jon-Mirena Landa Gorostiza, da Universidad del País Vasco, no marco dun acordo de cooperación na loita contra o racismo, a xenofobia, a LGTBIfobia e outras formas de intolerancia subscrito polo CGPJ, a Fiscalía General del Estado, o Centro de Estudios Jurídicos e varios ministerios.

Os autores destacan a importancia de "coñecer de forma precisa a realidade destes comportamentos delituosos co fin de previlos"

O estudo das resolucións xudiciais que abarca este informe van desde o ano 2018 ata o ano 2022 pero, ao mesmo tempo, integra na súa esfera de valoración os estudos anteriores que cobren os anos 2014 ata o 2017. O seu obxectivo é pór luz sobre como se está utilizando o arsenal xurídico-penal no combate das condutas máis graves de intolerancia.

Os autores destacan a importancia de "coñecer de forma precisa a realidade destes comportamentos delituosos co fin de previlos, pois causan un forte impacto divisivo da convivencia polo seu enorme potencial de envelenamento da coexistencia pacífica entre grupos diferentes". Ademais, a Lei 15/2022, do 12 de xullo, integral para a igualdade de trato e a non discriminación encomenda ao CGPJ e á Fiscalía o estudo das resolucións xudiciais e administrativas.

Lugares de orixe dos acusados nas sentenzas analizadas CC-BY-SA CGPJ

A vía pública urbana é o escenario máis habitual dos delitos de odio (31,4%), sobre todo os motivados por antixitanismo, relixión, orientación sexual e nacionalidade. En segundo lugar, figuran o espazo virtual ou as telecomunicacións (teléfono, mensaxes e redes sociais) co 18,9% dos casos, relacionados en maior medida co antisemitismo e coa ideoloxía, nacionalidade e orientación sexual da vítima.

Oito de cada dez delitos de odio (o 79% dos casos) cometéronse de forma presencial, mentres que os cometidos de maneira virtual sitúanse no 18% dos casos avaliados. Cando o feito se produce de forma presencial, a violencia psicolóxica é a máis prevalecente (70%) a través de intimidacións ou ameazas. Na contorna virtual, o medio utilizado con máis frecuencia son as redes sociais (16,4%).

Os últimos datos do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia recollen 58 incidentes de odio en 2022 que poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGBTI galega

Os delitos de incitación ao odio, á violencia ou á discriminación son os máis frecuentes entre as sentenzas analizadas, representan o 62% do total. Entre os delitos de odio propiamente ditos, os que máis aparecen apuntan contra a integridade moral da vítima (44%). Neles, sete de cada dez acusados (o 69,7%) son menores de idade.

Baixa incidencia en Galicia

A distribución xeográfica dos delitos de odio é desigual no Estado. No caso de Galicia, só se cuantifica un delito de odio e é contra o colectivo LGBTIQ+, o noso país ocupa as posicións con menor incidencia (0,6%) no Estado. Catalunya é a a Comunidade Autónoma onde se rexistran con maior frecuencia (42% dos casos analizados). Séguenlle Madrid (12,8%), Castela e León e Canarias (7%), a Comunitat Valenciana (6,4%) e Andalucía (5,25 %). 

Distribución xeográfica dos casos no Estado CC-BY-SA CGPJ

Con todo, hai que ter en conta as dificultades das persoas do colectivo LGBTIQ+ para denunciar ante a xustiza as agresións tipificadas como delitos de odio. "Se unha persoa quere presentar unha denuncia por unha agresión ás veces non sabe onde ir ou, no caso de sabelo, non sempre atopa a receptividade necesaria", aseguraba Carme Adán na presentación dos resultados do Foro Identidades e Disidencias Sexuais, que coordina desde o Consello da Cultura.

Os últimos datos do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, un servizo da asociación ALAS A Coruña que conta co apoio do Concello da Coruña, recollen 68 incidentes de odio en todo o ano 2022, dos cales 58 poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGBTI galega. 

No 65% dos delitos de odio analizados neste estudo a sentenza resultou condenatoria

Condenas

No 65% dos delitos de odio analizados neste estudo a sentenza resultou condenatoria. A motivación ideolóxica é a que concentra un maior número de condenas (o 18,4%), mentres que as absolucións máis frecuentes teñen que ver con feitos discriminatorios por orientación e identidade sexual da vítima (26,2%) e pertenza a unha raza ou etnia (23,8 %), segundo recolle o informe. 

Nun terzo dos asuntos analizados (33,3%), o órgano xudicial impuxo penas de prisión, sendo esta medida a máis frecuente, cunha duración media de 1 ano, 1 mes e 4 días. O segundo lugar ocúpano as penas de multa (23%) e a de inhabilitación para o sufraxio pasivo (20,3%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.