Este sábado 8 de abril celébrase, como todos os anos, o Día Internacional do Pobo Xitano, unha data que conmemora a organización en 1971 en Londres do primeiro Congreso Mundial Xitano, no que se adoptaron os símbolos do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella e o himno Gelem, Gelem. A conmemoración, lembra a historia deste pobo e rende homenaxe ás vítimas xitanas das distintas persecucións sufridas ao longo dos séculos, inclúe a organización en Galicia de distintos actos e actividades, impulsadas principalmente pola Fundación Secretariado Xitano.
"O recoñecemento institucional do Pobo Xitano, pero tamén a garantía da igualdade de oportunidades e de trato para os xitanos e xitanas, debe ser un compromiso efectivo dos poderes públicos", destaca a Fundación Secretariado Xitano
A entidade aproveita esta data para lanzar pezas de sensibilización social e poñer en valor a cultura xitana e para reclamar "plena igualdade dos xitanos e as xitanas". "A pesar dos avances, moitos xitanos e xitanas seguen estando por detrás e a gran distancia do resto da sociedade no goce de dereitos fundamentais como o emprego decente, a educación de calidade, unha vivenda digna ou o dereito a non ser discriminados. O recoñecemento institucional do Pobo Xitano, pero tamén a garantía da igualdade de oportunidades e de trato para os xitanos e xitanas, debe ser un compromiso efectivo dos poderes públicos", destaca a Fundación.
Celébrase a aprobación, o pasado ano, da Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación, que incorpora o antixitanismo como delito de odio no Código penal e que "supón un fito histórico para os xitanos e as xitanas que por fin ven recoñecidos séculos de discriminación e rexeitamento social"
A declaración institucional publicada pola entidade fai un chamamento a "recoñecer a contribución que os xitanos e as xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida" e celebra a aprobación, o pasado ano, da Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación, que incorpora o antixitanismo como delito de odio no Código penal e que "supón un fito histórico para os xitanos e as xitanas que por fin ven recoñecidos séculos de discriminación e rexeitamento social", sinala.
"Son moitos aínda os retos pendentes en eidos como a educación, o emprego ou o acceso a unha vivenda digna", conclúe a declaración, que lembra que este ano electoral supón "unha oportunidade para que as persoas xitanas continúen avanzando e ocupen un espazo diferente, desde dentro das institucións".
"Son moitos aínda os retos pendentes en eidos como a educación, o emprego ou o acceso a unha vivenda digna", conclúe a declaración
Ferrol, Narón Pontevedra e Lugo centraron os actos celebrados nos últimos días co gallo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano. Na Casa do Concello da cidade naval celebrouse un acto institucional o pasado luns 3 de abril, coa lectura da Declaración Institucional (aprobada por unanimidade no pleno municipal) e do Comunicado do Grupo de participación Xitana. Ademais, durante toda a semana a bandeira xitana ondeará no edificio. Ademais, no edificio administrativo da Xunta en Ferrol inaugurouse este luns a exposición "Lección Xitana", unha mostra que se poderá visitar ata o 17 de abril.
A bandeira xitana tamén ondea en Pontevedra, na Casa da Luz do Concello de Pontevedra, dende o pasado 3 de abril. No acto de colocación participaron os membros da corporación local Marcos Rey, Iván Pontes e Yoya Blanco.
Ferrol, Narón Pontevedra e Lugo centraron os actos celebrados nos últimos días en Galicia co gallo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano
En Narón pódense visitar dende hai días no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros dúas exposicións en homenaxe ao pobo xitano. A través de 32 fotografías, búscase concienciar contra a permanencia de estereotipos negativos cara á poboación xitana. Ademais, tamén na Casa do Concello da localidade ondea esta semana a bandeira xitana.
Así mesmo, en Lugo conmemorouse o Día do Pobo Xitano o pasado 21 de marzo coa visita do deputado de Participación Cidadá e alcalde de Xermade, Roberto García Pernas. Nesa xornada, levouse a cabo a plantación de árbores froiteiras no entorno do Centro de Interpretación Terras do Miño, no río Rato, un espazo de titularidade da Deputación de Lugo. A iniciativa forma parte do programa TándEM en entidades do sector público estatal, enfocado á formación específica para acadar un emprego.
A entidade presenta todos os anos o informe Discriminación e comunidade Xitana. No informe 2022 o número total de casos de discriminación denunciados ascende a 554, fronte aos 364 do ano anterior. Con todo, este forte incremento débese, en parte, a que por primeira vez se inclúen aquí as mensaxes de odio antixitano detectados en redes sociais
"O Pobo Xitano continúa vivindo nun contexto de dificultades, pero isto non pode supoñer un paso atrás nos avances que se deron na garantía de dereitos e oportunidades para os xitanos e as xitanas en España e Europa", sinálase tamén na Declaración Institucional da Fundación Secretariado Xitano. A entidade presenta todos os anos o informe Discriminación e comunidade Xitana, un acto que na súa última edición contou coa participación da Valedora do Pobo.
No informe 2022 o número total de casos denunciados ascende a 554, fronte aos 364 que se documentaron o ano anterior. Con todo, sinálase que este forte incremento se debe, en parte, a que por primeira vez se inclúen aquí as mensaxes de odio antixitano detectados en redes sociais. O documento salienta, neste senso, que "as mensaxes falsas ou de odio teñen moita máis difusión que as noticias veraces ou fiables e os impactos negativos son extremadamente perigosos".
"O Pobo Xitano continúa vivindo nun contexto de dificultades, pero isto non pode supoñer un paso atrás nos avances que se deron na garantía de dereitos e oportunidades"
No informe correspondente ao ano 2021, destacábase así mesmo que a pandemia de COVID-19 "supuxo un novo pretexto para o aumento de discursos antigitanos, que vinculaban ao pobo xitano coa transmisión do virus e o incumprimento das medidas sanitarias, xerando á súa vez odio e discriminación".