Le e escoita un nestes días as opinións máis ou menos lúcidas que nos diferentes medios do país se fixeron sobre os acontecementos que seguiron ao asasinato de George Floyd nos EUA. Soado foi o artigo de Miguel-Anxo Murado para La Voz no que negaba a relación do racismo con este ou calquer outro caso de afroamericanos mortos a mans da policía dese país. Nunha polémica de máis curto percorrido, o profesor Gonzalo Constenla falaba no Nós de “racismo galegofóbico” aproveitando o contexto social de mobilización antirracista para chamar a atención sobre a persecución ao galego por parte do supremacismo lingüístico españolista.
Do que ninguén (ou case) fala, é da situación que denuncian as nosas viciñas racializadas en Galiza e no conxunto do estado. George Floyd é aquí Daniel Jiménez, Ilias Tahiri, Mame Mbaye ou Lucrecia Pérez
O recurso a lugares comúns dos racismos máis de sal groso (cifras descontextualizadas sobre criminalidade, saltos de fe que apelan a “los expertos”, “los estudios”...) enténdese nun xornal de sesgo político conservador, cuxo perfil de lector é un home duns 51 anos (datos EGM) que en palabras de La Voz de Galicia ten “alta capacidad de compra, inversión y decisión” (Tarifas Prensa). Desacreditar o movemento Black Lives Matter promovendo o escepticismo branco galego na minoría negra dos EUA, é apenas un reflexo do que pretende coas minorías raciais da súa veciñanza. Mais que pasa co lector do xornal progresista?
Do que ninguén (ou case) fala, é da situación que denuncian as nosas viciñas racializadas en Galiza e no conxunto do estado. George Floyd é aquí Daniel Jiménez, Ilias Tahiri, Mame Mbaye ou Lucrecia Pérez. As afogadas anónimas nas costas españolas ou os 15 asasinados pola Guarda Civil na praia de El Tarajal, Ceuta. E en Galiza? SOS Racismo Galicia recolle no seu último informe anual que máis da metade das denuncias que reciben acontecen no ámbito institucional: vulneracións de dereitos nas oficinas de estranxeiría, no acceso á nacionalidade, á asistencia sanitaria, abusos das Forzas e Corpos de Seguridade...
Expresións como “guetización do noso idioma” só poden conectar cun perfil sociolóxico galegofalante que non ten que sobrevivir nun gueto de verdade con familia ao cargo
Seguen no reconto a discriminación no acceso a servizos como a apertura dunha conta bancaria, alugar unha vivenda ou acceder a un local de ocio, mais os nosos comentaristas “antirracistas” non ven motivos para falar do que toca preto de máis. A quen se pode dirixir exactamente un artigo en galego sobre a importancia de que as mobilizacións negras en EUA non esquezan que a súa opresión fai parte da hidra capitalista? A resposta nada evidente, quizá nola poida facilitar outra pregunta máis afiada: a quen NON se dirixe cando fala do galego avasalado polo racismo español?
Expresións como “guetización do noso idioma” só poden conectar cun perfil sociolóxico galegofalante que non ten que sobrevivir nun gueto de verdade con familia ao cargo. Porque destes, hai uns cantos tamén en Galiza. Por citarmos exemplos de sobra coñecidos ao longo do país, son o caso dos barrios de As Rañas na Coruña, O Carqueixo en Lugo, A Fontenla en Maside ou O Vao en Poio. Galegas e galegos que non se poden recoñecer nesas palabras nin sentírense parte do mesmo pobo galego “payo” que a diario os criminaliza e lles mostra o seu desprezo.
Queren falar os nosos brancos de mobilizacións populares antirracistas? Pois atendamos á mensaxe das familias do Vao, que piden a liberdade provisional para 10 mozos en prisión provisional dende hai case dous meses
A posición deste tipo de textos de difusión é, malia todo, as máis das veces totalmente inxenua. Non teñen o tipo de contido positivo racista que contrapón uns valores, unha identidade cultural á da persoa racializada. Constitúen máis ben un exercizo de “catarse” individual: queren que os brancos estadounidenses sexan antirracistas por eles mentras eles continúan o seu modo de vida europeu separados das indesexables (xitanas, inmigrantes, musulmás...). E isto si é algo co que pode empatizar o lector do xornal progresista.
Queren falar os nosos brancos de mobilizacións populares antirracistas? Pois atendamos á mensaxe das familias do Vao hai uns días a través do seu pastor, no que piden a liberdade provisional para 10 mozos en prisión provisional dende hai case dous meses, tras un conflito na veciñanza coa Policía Local. Mozos xitanos sen antecedentes e que non cometeron delito máis grave que o de supostamente romperen os cristais dun coche patrulla. “Parece ser que no nos oye nadie, nadie quiere saber nada”. Non lle falta razón ao pastor do Vao. Roma Lives Matter tamén.