Non é esaxerado afirmar que existe unha “prosa Miguel Anxo Murado”, marcada non tanto pola textura da frase, as pausas ou o ritmo, como por fuxir do efectismo e por unha pátina intelectual que poderiamos cualificar como “desapaixonamento”, que consiste en non considerar ningunha idea como esencial e ningún acontecemento social como novidoso ou excepcional, especialmente se a idea é expresada con paixón por un grupo, ou por alguén que exerza de voceiro dun grupo, e especialmente se o acontecemento é presente.
A liña entre desapaixonamento e cinismo é tan fina que alguén pouco entrenado corre o risco de esvarar ou pasarse de freada, que se lle vaia a man. Diso acusouse a Murado por un artigo sobre a violencia policial nos EUA (país que el e eu admiramos) a conto do homicidio de George Floyd. Discrepo
O Murado xornalista convócanos a non deixarnos levar polo continxente, a non poñer o carro diante dos bois e a ter a humildade de esforzarnos por entender os argumentos da postura contraria á nosa, aínda que sexa a costa de exercer de avogado do demo. O seu é un distanciamento como método en aras da obxectividade que tamén lle acaería a un detective desenganado, en branco e negro, un desapaixonamento que non sempre é doado deslindar do cinismo ou o resentimento melancólico. Na guerra dos Balcáns convivíu coa figura do francotirador e imaxes así grávanse na retina coma un golpe de sol, por moito que pechemos os ollos. Porén, a súa é unha perspectiva de outsider pacífico e observador, que resulta literariamente atractiva, cando menos para min, que me declaro admirador dos filósofos cínicos da antigüidade.
A liña entre desapaixonamento e cinismo é tan fina que alguén pouco entrenado corre o risco de esvarar ou pasarse de freada, que se lle vaia a man. Diso acusouse a Murado por un artigo sobre a violencia policial nos EUA (país que el e eu admiramos) a conto do homicidio de George Floyd. Discrepo. Cando un crítico opinou que nunha novela miña “se me fora a man” coas escenas de sexo, pareceume unha falta de respecto, coma se un escritor non meditase o que escrebe ou non o revisase a conciencia. Os escritores, Murado, eu e calquera outro, facémonos responsabeis do que enviamos á imprenta e normalmente non enviamos o que primeiro nos sae, escribir é a nosa maneira de reflexionar e o artigo resultante vén ser o noso prego de conclusións razoadas.
Do seu artigo despréndese unha análise desde o meu punto de vista errada, a de que os intercambios sociais e políticos, coma os emocionais, se dirimen exclusivamente no interior do individuo, aquilo que dicía Margaret Thatcher, “a sociedade non existe”
Penso pois que Murado escribíu o que quería escribir, ao tempo que sinto non estar de acordo con el. Do seu artigo despréndese unha análise desde o meu punto de vista errada, a de que os intercambios sociais e políticos, coma os emocionais, se dirimen exclusivamente no interior do individuo, aquilo que dicía Margaret Thatcher, “a sociedade non existe”. Eu penso que nin siquera os conflictos emocionais se circunscriben ao individuo.
Desde esa análise ao meu ver errada, toda iniciativa colectiva é víctima dun pecado orixinal, está envelenada por intereses espúreos e loitas de poder, será manexada en contra das persoas ben intencionadas e contribuirá a convertir o atranco que as suscita en calexón sen saída. A solidariedade organizada é o disfraz desa ansia de manipulación. Cando digo que este punto de partida é un erro sinto que estou a ser benévolo. Quen o suscrebe pode non ser consciente da súa presenza ou das súas motivacións pero estas resúmense no afortalamento dun statu quo que a algúns individuos lles vai ben, os que parten con vantaxe económica, social, formativa, etc. Sempre é a dereita clasista a que se aliña con estes posicionamentos de sálvese quen poida e cadaquén é responsábel das súas desgracias, ten que ser a persoa a que traballe por cambialas, non acusar a quen non as padece. Por iso nos sorprende a adhesión de Murado a este club, o cal non necesariamente implica que el sexa de dereitas, que vaia inscribirse na Asociación Nacional do Rifle ou que no próximo artigo vaia reivindicar o creacionismo ou que a Terra é chan, é máis lóxico concluír que se trata dunha coincidencia.
O importante, que o seu texto trae a debate, é o funcionamento da crueldade fría das elites que pensan que todo o que teñen o merecen, e todo o que a masa non ten, tamén o merece. Velaquí uns exemplos.
O importante, que o seu texto trae a debate, é o funcionamento da crueldade fría das elites que pensan que todo o que teñen o merecen, e todo o que a masa non ten, tamén o merece
A loita colectiva do feminismo? Non se pode xeralizar, meter todas as mulleres no mesmo saco prexudícaas e a discriminación positiva infantilízaas. Acaso non ten poder Ana Botín? Acaso non defendía as mulleres Margaret Thatcher? Non é a nosa figura nacional Rosalía de Castro? Toda discriminación é mala e quen lle puxo a esta ese nome é peor. Se lle chamásemos, como nos propios EUA, “Acción afirmativa”, soaría mellor. Por outra banda, non se pode demonizar a quen defende unha estrutura social que, machista ou non, funcionou durante séculos ou milenios, sería como demonizar os nosos pais e nais.
A loita dos traballadores e a súa asociación en sindicatos? Un movemento negativo para os propios traballadores e traballadoras, que pola vía da confrontación poden pegarse un tiro no pe e serán manexados polas estratexias politizadas das organizacións. Non se pode demonizar os empresarios, que á fin son os que crean o emprego. Se a eles lles vai ben, ao traballador iralle ben.
A loita dos pobos por seren recoñecidos como nacións? Un remexido delirante de lendas apócrifas e medias verdades abandeirado por visionarios despóticos con pouco mundo e moita vontade de imposición sobre os que pensan diferente. Que se vote libremente e as matemáticas decidan, coma se a Historia non existise, os dereitos da comunidade carecesen de valor e as circunstancias do debate e o control da opinión non xogasen o seu papel.
Estas discriminacións, e outras, defendéronse sempre desde a liberdade de elección e o respecto ao individuo, desde o Humanismo (...) Eu, de Murado, confésoo, esperaba máis
A loita das minorías raciais, motivo do artigo que tratamos? Non se malla en todos os afroamericanos, moitos deles son mesmo reverenciados, coma Michael Jordan ou Oprah. Nin todos os brancos son supremacistas do Ku Klux Klan. É máis intelixente traballar polos dereitos das persoas con independecia da súa cor, e que cadaquén sexa tratado e valorado segundo os seus méritos, argumento que leva o meu colega de letras a afirmar que, se os afroamericanos sufren máis a violencia policial, é porque protagonizan a criminalidade en maior medida. Isto é, se os matan, algo farían.
Estas discriminacións, e outras, defendéronse sempre desde a liberdade de elección e o respecto ao individuo, desde o Humanismo, igual que os xenocidios colonialistas se presentaron ao longo da Historia como evanxelización civilizatoria. No caso da violencia policial, cando non había unha cámara en cada man era doado finxir que a ignorabamos, que era froito da esaxeración de extremistas. Agora, medio século despois do linchamento de Martin Luther King e unha chea de líderes dos dereitos civís, agora que non estamos suxeitos a actos de fe senón que dispomos das estatísticas e vemos as imaxes dos abusos e asasinatos en HD, malia que só dunha mínima parte deles, que queredes...? Eu, de Murado, confésoo, esperaba máis.