A gran maioría dos máis de mil xitanos e xitanas que na actualidade viven na cidade de Lugo proceden dunha única familia que se asentou nos arrabaldes da urbe nos anos sesenta. A exposición O pobo xitano en Lugo, que este luns se inaugurou no Museo Provincial, fai un percorrido pola evolución desta comunidade nas últimas décadas, nun proceso de integración e normalización que, con todo, aínda non é completo, como destaca Manuel Vila López, presidente da Asociación de Promoción e Integración Xitana (APIX) da cidade.
A mostra, que se poderá ver ata este domingo 19 de outubro, foi inaugurada este luns polo responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro. Componse dunha serie de fotografías, recortes de xornais e datos estatísticos e históricos que serven para facerse coñecer todo proceso de implantación que viviron os xitanos en Lugo durante as últimas tres décadas.
Anteriormente os xitanos vivían nas zonas rurais, e percorrían a provincia comerciando co gando, sobre todo cabalos para o traballo no campo. Tamén facían cestos e vendíanllos aos paisanos para almacenaxe
Anteriormente os xitanos vivían máis ben nas zonas rurais, e percorrían a provincia comerciando co gando, sobre todo cabalos para o traballo no campo. Tamén facían cestos e vendíanllos aos paisanos para almacenaxe. "A partir dos anos 60, cando moitas persoas marchan vivir ás cidades: a Lugo e tamén a Madrid, Barcelona ou ao estranxeiro, e ademais comeza a mecanizarse o campo, deixa de usarse o gando cabalar para traballar a terra, e tamén deixan de usarse os cestos", explica Manuel Vila. "Os xitanos quedan sen medio de vida, e daquela tamén comezan a instalarse nas cidades, sobre todo nas aforas, facéndose sedentarios e dedicándose á venda ambulante ou a recoller chatarra", di.
"Nun comezo intentan integrarse como proletariado, pero moi poucos o fan. O traballo para terceiros non ía moi ben co seu carácter, e ademais poucos empresarios os contrataban. Tampouco teñen acceso ás vivendas normalizadas, e viven en chabolas", explica. "Instálanse primeiro pola zona de Fingoi, polas actuais rúa Armórica e rúa Marina Española, que naquel momento eran os arrabaldes da cidade. Era unha zona de hortas, camiños e de casas baixas, sen urbanizar. A finais dos sesenta o Ministerio de Vivenda realiza un plan de urbanización nesa zona. O Concello chega a un acordo con eles e ofrécenlles a zona de Carqueixo, onde estaba o vertedoiro municipal".
"As primeiras vivendas en Carqueixo eran chabolas de plástico e de madeira. E nin o bus chegaba alí. Xa nos anos oitenta algunhas familias acceden ás vivendas sociais de Fingoi"
"A cousa foi cambiando moito", destaca Vila, "as primeiras vivendas en Carqueixo eran chabolas de plástico e de madeira. E nin o bus chegaba alí. Xa nos anos oitenta algunhas familias acceden ás vivendas sociais de Fingoi. Pouco a pouco tamén comezan os nenos a ir ao colexio". O presidente da Asociación de Promoción e Integración Xitana salienta que "a cousa foi evolucionando para ben. Das 300 familias xitanas que viven en Lugo máis de 270 habitan en vivendas normalizadas, ben de alugueiro, ben en vivendas sociais. Máis de cen rúas de Lugo teñen unha familia xitana vivindo nelas".
"Máis de cen rúas de Lugo teñen unha familia xitana vivindo nelas"
Porén, recoñece que "falta moito para a normalización" e que "os xitanos seguen sendo uns descoñecidos para a inmensa maioría da poboación lucense". Ademais, sinala que esta normalización "é moi necesaria", pois "os xitanos teñen un crecemento vexetativo moi diferente ao resto, polo que a poboación de xitanos nas próximas décadas vai ser moito máis importante do que é hoxe". "Dos máis de mil xitanos que hai en Lugo, só 16 teñen máis de 65 anos. A media de idade é de 20 anos", engade.
A muller xitana
Na presentación, Mario Outeiro remarcou "a especial atención que se lle dá nesta mostra ao gran avance do papel da muller xitana como eixo fundamental da familia e do propio pobo, así como os esforzos realizados por fomentar a súa autonomía persoal e social”. Algo no que tamén concorda Manuel Vila: "se o mundo cambiou totalmente para os xitanos, moito máis para as mulleres xitanas, seguramente cambiou todo máis nos últimos 50 anos que nos 600 anteriores que viviron en España", di. "Imaxina o que era antes criar unha familia de dez fillos sen os servizos que hai agora, sen auga corrente...", engade.
A Asociación de Promoción e Integración Xitana (APIX) é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu nos anos 70, aínda que formalmente se fundou no 1983, co obxectivo principal da promoción integral das familias xitanas da provincia de Lugo. Así mesmo, neste tempo tamén loitaron por fomentar a implicación activa dos propios xitanos no seu propio desenvolvemento e dar a coñecer os valores culturais do pobo xitano nunha sociedade intercultural.