O Orgullo chega con máis medo na rúa: "Hai máis agresións e medo a que custen vidas", sinala Raquel Cordeiro, de Nós Mesmas, desde Vigo. "Ser visibles é a nosa gran ferramenta de defensa", defende Ana Ojea, da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+
O Día internacional do Orgullo LGBTIQ+ chega este ano co maior amparo aos dereitos do colectivo que houbo nunca no Estado español, motivo de celebración a pesar de que falten moitos aspectos desas leis por levar á práctica, como sinalan as asociacións. Pero este 28 de xuño tamén chega nun momento no que as persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais manifestan un medo que pensaron que non volverían ter que vivir. “A sociedade na que vivimos camiña cara a ser máis aberta e diversa, doutra forma non teríamos unha lexislación referente, pero a onda reaccionaria está aí e a xente vese lexitimada porque os primeiros que lanzan discursos de odio están en postos de poder e nas institucións públicas”, explica Ana G. Fernández, presidenta da Asociación pola liberdade afectiva e sexual da Coruña.
“Somos dos Estados pioneiros en lexislar a prol dos dereitos lgbti e das mulleres, pero todos estes avances sociais sempre teñen unha resposta da ultradereita, agora representada en Vox. Cando esa parte da sociedade ve como perde privilexios, e que os colectivos que sempre tiveron como lixo –como queda moi claro na gran lona que colgaron en Madrid– acadan unha igualdade de dereitos, responde alegando que se lle están a quitar dereitos: iso é mentira. Non se lle están a restar dereitos a ninguén, estamos equiparando os dereitos de toda a cidadanía. Pero só na cidade da Coruña o ano pasado rexistramos 32 delitos de odio lgbtifóbicos”, engade a representante de Alas.
Existe un medo á involución tras unha década na que a visibilización da diversidade sexual venceu barreiras e estereotipos. “Temos máis medo que hai dez anos. Hai máis agresións e medo a que custen vidas, e tamén hai máis medo polo incremento das agresións nos espazos de ocio”, salienta Raquel Cordeiro desde a asociación Nós Mesmas da provincia de Pontevedra. Cordeiro apunta que o colectivo está á expectativa do que suceda nas eleccións xerais do 23 de xullo, que marcará o futuro das leis aprobadas, como é o caso da lei trans, en marcha desde este mesmo ano. “Sempre poñemos os nosos corpos por diante e como colectivo seguiremos facendo comunidade, con espazos para coidarnos pase o que pase”, asegura.
"A onda reaccionaria está aí e a xente vese lexitimada porque os primeiros que lanzan discursos de odio están en postos de poder e nas institucións públicas", di Ana G. Fernández, de Alas A Coruña.
“O 23X xogámonos moito, pero non só nós, calquera colectivo vulnerable. Temos que facer un esforzo en explicarlle á xente do noso arredor o importante que é votar con Orgullo nestas eleccións”, di Ana G. Fernández. “O que temos claro desde os colectivos é que non imos dar un paso atrás, os dereitos humanos non se negocian”, defende Raquel Cordeiro, quen agrega que iso non quita o medo a que esa defensa supoña agresións físicas e verbais como contrapartida.
En canto á lexislación, a presidenta de Alas defende que son as comunidades autónomas e as administracións locais as que teñen que aplicar as leis aprobadas, para o que tamén é preciso desenvolver os artigos das mesmas. Pon o exemplo da lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, que leva unha década coa maioría dos seus aspectos “sen desenvolver”, como recolle o informe elaborado no Foro Identidades e Disidencias Sexuais, organizado polo Consello da Cultura e coordinado por Carme Adán.
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, incidiu nas reunións coa Plataforma Trans e a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuales, Intersexuales y más (FELGTBI+) na importancia de denunciar “toda situación de acoso” e lembrou que a Axencia de dereitos fundamentais da Unión Europea estima que o 80% dos delitos de odio non se denuncian. O proceso de denuncia non é doado, Raquel Cordeiro apunta que en moitas ocasións hai que “loitar” para que as agresións “se recoñezan como delitos de odio”. Pola súa banda, Grande-Marlaska destaca que “existe cada vez máis sensibilidade dos corpos de seguridade ante estes delitos”.
O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia contabiliza 58 incidentes que poden ser considerados como agresións cara á comunidade lgbti galega en 2022
No Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia contabilizan 68 incidentes de odio no seu informe do ano 2022, dos cales 58 poden ser considerados como agresións cara á comunidade lgbti galega. O número de agresións “estabilízase” tras a repunta nas denuncias despois do asasinato de Samuel Luiz, e a vía pública volveu ser o principal escenario da lgbtifobia no noso país. Os datos do último Informe sobre a evolución dos delitos de odio en España (de 2021) alertan dun incremento dun 67,63% dos ataques relacionados coa orientación sexual a respecto do ano 2019, antes da pandemia.
Desde os colectivos lgbti, que tamén acoden aos centros de ensino para facer formación e divulgación, trasladan a preocupación pola rapidez coa que os discursos de odio da extrema dereita, amplificados por determinados medios de comunicación e as redes sociais, chegan ao ideario da rapazada. Escolas, institutos e centros de FP son unha peza máis da sociedade e desde a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia confirman que existe un “enaltecemento dos discursos retrógrados”, aínda que outra parte do alumnado siga “moi sensibilizado no respecto á igualdade e á diversidade”.
A coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Ana Ojea, explica que como os discursos de odio “están baseados no cisheteropatriarcado, iso engancha moito coa construción da masculinidade tóxica; e os adolescentes están nunha etapa complicada na que precisan moita reafirmación. Xa é unha etapa complicada nese sentido, pero se ademais desde a sociedade se lexitiman eses discursos, séntense moito máis fortes e lexitimados polo contexto e polo seu entorno”.
“Notamos que son os rapaces –máis que as rapazas– os que defenden eses discursos, son momentos complicados e estamos vivindo episodios de insultos a profesores lgbt visibles. Isto está comezando, a ver que pasa coa situación política e coas eleccións do 23X, pero estamos volvendo a épocas escuras nas que a visibilidade se castiga con moita violencia. A política está afectando de xeito moi negativo á convivencia pacífica e á propia paz social, que desde hai un anos gozaba dun consenso social que se está a romper”, debulla Ojea.
“A defensa da igualdade e o respecto á diversidade ten que estar no currículo de todas as materias, ata que sexa transversal de verdade non estaremos educando realmente en igualdade”, di Ana Ojea
Ana Ojea afirma que está a comezar unha deriva “regresiva e represiva” que require de accións por parte do Ministerio e da Consellería de Educación. “A defensa da igualdade e o respecto á diversidade ten que estar no currículo de todas as materias, ata que sexa transversal de verdade non estaremos educando realmente en igualdade”, destaca. As materias de igualdade de xénero, que xa eran optativas e só para o alumnado da ESO, desaparecen coa nova lei educativa e nos protocolos escolares de acoso da Consellería non está contemplado o acoso lgbtifóbico, son só dous exemplos que destacan desde a Rede.
“Temos que ter tolerancia cero: non podemos escoitar a palabra maricón como un insulto nun corredor do instituto e facernos os cegos ou os xordos. Entre os docentes lgbt da miña xeración non estamos dispostos a dar un paso atrás, non imos volver ao armario. Nos anos 90, cando estabamos no instituto como alumnado o tema era totalmente tabú. Ser visibles é a nosa gran ferramenta de defensa, a nosa resiliencia é moito maior agora que hai vinte anos”, asevera Ana Ojea.
Manifestacións do Orgullo
As mobilizacións polo Orgullo deste ano son as últimas grandes manifestacións que haberá antes dos comicios. “Ser visible tamén se naturaliza, pero agora a xente se cre con dereito a insultarte pola rúa”, lamenta Raquel Cordeiro de Nós Mesmas. “Porque ao branquear o discurso da ultradereita desde os grandes medios de comunicación o comentario que antes dirías no salón da túa casa, agora vas dicilo na rúa”, argumenta a presidenta de Alas.
A manifestación na Coruña é este mércores ás 19.30h desde a praza de Ourense e en Vigo será o 1 de xullo ás 20.30h desde A Doblada
Na Coruña, Alas organiza unha manifestación para este mesmo mércores, ás 19.30 horas, desde a praza de Ourense e ata María Pita, onde lerán o manifesto polo Día do Orgullo. Baixo o lema Orgullo LGTBI+: Revoltas do pasado, celebración do presente e conquistas de futuro mobilizaranse diferentes entidades lgbti, o movemento feminista, entidades sociais, sindicatos e partidos políticos.
En Vigo, a asociación Nós Mesmas e Avante LGBT Vigo celebran o Orgullo Crítico “sen baixar a garda” cunha xornada de convivencia para as familias lgbt no Monte Vixiador, a presentación do novo número da revista Andaina que aborda o tema trans, un taller drag na súa sede a propósito da representación na cidade olívica da obra de Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría, entre outras actividades. A manifestación será o sábado 1 de xullo ás 20.30 horas desde A Doblada ata a Porta do Sol, onde celebrarán a Festa DiversXs con concerto de Flow do Toxo e as picadiscos Yaya Dj e La que no Baila DJ.