Identidades e disidencias sexuais: radiografía á diversidade en Galicia entre chamadas á formación e á empatía

Unha multitude con bandeiras lgbti+ CC-BY-SA Mick De Paola/Unsplash

Un centenar de persoas entre colectivos, profesionais, institucións e diferentes administracións pasou polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura, coordinado por Carme Adán, para elaborar un documento que radiografía a situación do colectivo lgbti+ en Galicia e sinala os puntos urxentes nos que mellorar, sobre todo dentro das distintas Administracións públicas

O Foro Identidades e Disidencias Sexuais, organizado desde o Consello da Cultura e coordinado por Carme Adán, presentou esta semana o estudo Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, elaborado por Daniela Ferrández, Enrique Latorre, Marta Lois, Beatriz López Rey e Martín Vázquez Añel tras diferentes encontros e debates entre colectivos e profesionais que aportan unha radiografía da cuestión inédita ata agora, a pesar de que destacan que está incompleta porque faltan datos sobre os atrancos diarios que se experimentan no noso país, pois case as únicas cifras que hai se refiren ás violencias lgbtfóbicas.

Un tema recorrente en todas as mesas de traballo foi a formación das profesionais de todos os estamentos: operadores xurídicos, forzas e corpos de seguridade, servizos sociais, medios de comunicación... A formación foi solicitada polos colectivos participantes no foro, mais tamén polas profesionais que colaboraron no proceso. Cómpre formación para poder “escoitar as necesidades das persoas lgbti+ e trasladar ás profesionais protocolos e servizos, mais tamén a empatía necesaria para fuxir da violencia institucional”, recolle o informe.

Daniela Ferrández, Lucas Platero, Carme Adán, Enrique Latorre e Marta Lois na presentación do estudo © Consello da Cultura

“Por iso nas conclusións destacamos a necesidade de ter unha formación real, non telemática. Formación entendida como concienciación das persoas, non é unha cuestión de adquirir datos ou coñecementos. Trátase de coñecer a realidade do contexto das persoas que se achegan a un servizo, e para iso a formación ten que pasar por escoitar, reflexionar sobre o que ocorre e poñerse no lugar desas persoas”, destaca Carme Adán, que tamén pon o exemplo dos módulos de Formación Profesional que van pasar a converterse en clases online para o curso que vén.

"Se unha persoa quere presentar unha denuncia por unha agresión ás veces non sabe onde ir ou, no caso de sabelo, non sempre atopa a receptividade necesaria", di Carme Adán

Para romper os estereotipos da sociedade hai que actuar desde múltiples eidos, pero hai unha peza chave: a lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, aprobada en abril de 2014 polo Parlamento e que a coordinadora do Foro Identidades e Diversidades Sexuais critica porque “a maioría dos seus aspectos están sen desenvolver”.

Era unha lei de mínimos no seu momento, e xa pasou unha década. Non hai cursos de formación suficientes, non se introduce esta perspectiva, o persoal de servizos sociais ten unha carga de traballo enorme e está saturado, os colectivos prestan a través dos convenios coa Administración moitos servizos asistenciais e tamén están saturados de carga de traballo", critica Adán. Estas agrupacións, segundo recolle o estudo, fináncianse principalmente coas cotas das persoas asociadas e moitas non contan con subvencións públicas. 

"A consecuencia de todo isto –engade Carme Adán– é que se unha persoa quere presentar unha denuncia por unha agresión ás veces non sabe onde ir ou, no caso de sabelo, non sempre atopa a receptividade necesaria na outra parte. A situación é complexa por falta de medios, recursos e programas”.

Capa da 'Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia', deseñada por Raquel Boo © Consello da Cultura

A maioría da atención á diversidade recae nos Centros de Información á Muller (CIM) dos concellos, que xa adoitan estar saturados por asuntos relacionados coas violencias machistas. Non hai profesionais nos servizos sociais especializados nas distintas identidades sexuais e, en calquera caso, falta persoal neste eido, segundo conclúe o informe. 

As autoras do estudo fan fincapé na petición de incrementar a comunicación e colaboración entre institucións e asociacións, transversalizándoa alén das áreas de Igualdade, así como aumentar o financiamento e os recursos aos colectivos para garantir o labor asistencial que exercen. Porén, non todas as solicitudes do informe precisan dunha carga orzamentaria, moitas son cuestións de vontade como contar con seccións específicas sobre temáticas lgbt+ nas bibliotecas públicas ou elaborar guías de boas prácticas que faciliten un maior desenvolvemento de accións culturais con representación do colectivo cunha perspectiva respectuosa coa diversidade sexual e de xénero.

"Introducir esa perspectiva da diversidade nos currículos educativos non é unha cuestión orzamentaria, é vontade política e priorizar"

“Por exemplo, nos centros de ensino elimínanse as optativas sobre igualdade e diversidade que estabamos impartindo, pero introducir esa perspectiva nos currículos educativos non é unha cuestión orzamentaria, é cuestión de vontade política e de priorizar”, defende Carme Adán. 

Outra das áreas que aborda a Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia é o deporte. Reclaman a actualización da lei do deporte de Galicia para incluír os aspectos lgbti+ que contempla a nova lexislación estatal, así como establecer códigos éticos e crear espazos seguros de recoñecemento e visibilidade, con especial atención á avaliación e transformación das instalacións e infraestruturas deportivas.

Desde o foro propoñen impulsar un centro de documentación galego e plans específicos de divulgación que poñan en valor no conxunto da sociedade a memoria da disidencia sexual en Galicia, ao tempo que faciliten a investigación e difusión desta memoria que se está a perder. 

O informe tamén pon o foco no papel fundamental dos medios de comunicación. “Sempre que se fala de educar se mira ás escolas, pero vai a un estadio deportivo e mira os estereotipos e os insultos que se vomitan nos cánticos... Iso cala moitísimo na sociedade, aínda que nos pareza que non. A penalización diso e a súa condena é un esforzo que debera ser constante. Contra o racismo, contra a homofobia, contra o machismo. Como trasladan as novas os medios de comunicación é moi importante, e moitas veces é cuestión de formación, por iso incluímos a recomendación de que a CRTVG, como ente público, sexa un motor que tire do resto de medios do país no que se refire á formación das súas profesionais”, explica Adán.

O Foro Identidades e Diversidades Sexuais ten vontade de permanencia e remitirá o informe aos grupos parlamentarios e á Fegamp, para que chegue ás administracións locais. As recomendacións deste traballo van dirixidas fundamentalmente ao sector público, porque foi deseñado en función do que é preciso incluír, mellorar ou modificar nas políticas públicas.

"Atopamos nos medios de comunicación un debate sesgado; e nas redes sociais unha proliferación de discursos de odio con barra libre para o insulto"

“Sabemos que os colectivos están suplindo as necesidades que teñen persoas que deberían ser atendidas polas administracións, por iso intentamos priorizar esas recomendacións, tamén en función das boas prácticas que poñemos como proxectos inspiradores no informe”, sinala Adán, entre eses proxectos figuran o Observatorio Coruñés contra a LGBTfobia e o Programa Vagalume, que traballa con mulleres en situación de prostitución e con vítimas de trata por motivos de explotación sexual.

O traballo de dezaoito meses que reuniu un centenar de persoas entre colectivos, profesionais, institucións e diferentes administracións materialízase no documento presentado esta semana no Consello da Cultura coincidindo co mes do Orgullo. Nun clima no que a ultradereita pretende impoñer unha restrición de dereitos e liberdades das persoas, en concreto das persoas lgbti+. 

“Atopamos nos medios de comunicación, dependendo dos seus donos, un debate sesgado; e nas redes sociais unha proliferación de discursos de odio con barra libre para o insulto. Vivimos un momento bastante complexo no que por un lado vemos como positivo que aumente o número de denuncias, que máis xente se atreva a denunciar o que sucede, pero por outra banda é que as agresións ocorren en calquera sitio”, expón Carme Adán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.