CIG-Ensino pide a dimisión da directora xeral de FP ou a súa "destitución inmediata" por parte do conselleiro do Educación, tanto polo fondo dos cambios como polas formas da súa comunicación aos centros, que tiveron "apenas 24 horas para avaliala"
Varios centros de Formación Profesional de distintos puntos de Galicia recibiron esta semana a noticia de que a súa oferta formativa para o vindeiro curso ía ser modificada, coa conversión á modalidade de "a distancia" de varios dos ciclos presenciais ata agora existentes. A reacción de parte do profesorado e alumnado afectado pola medida foi de crítica con acusacións á Consellaría de Educación de "desmantelar" a Formación Profesional e de "recortar" recursos con efectos prexudiciais para a calidade da formación.
CIG-Ensino chega a demandar a "dimisión" da directora xeral de FP ou a súa "destitución inmediata" por parte do conselleiro do Educación, tanto polo fondo dos cambios como polas formas da súa comunicación aos centros, que tiveron "apenas 24 horas para avaliala". O sindicato denuncia o "incremento exponencial dos ciclos a distancia", tanto nos de nova implantación como nos xa existentes, nos que se produce unha "substitución de oferta que até o de agora viña sendo presencial, ou ben na modalidade ordinaria ou na modalidade modular". Entre os centros nos que se producen estas modificacións están o CIFP Ánxel Casal da Coruña, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o CIFP Compostela ou o IES As Fontiñas, tamén en Santiago.
A Consellería salienta que "a oferta de FP elaborouse atendendo ás solicitudes dos centros e tamén en base ás conclusións de todos os encontros celebrados ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia", un extremo que algúns dos centros afectados negan
A Consellería de Educación, pola súa banda, afirma a preguntas de Praza.gal que "son unicamente sete ciclos en toda Galicia" os afectados polas modificacións e que o paso á modalidade a distancia "faise só en titulacións que, polas súas características propias, o permiten". Defende, así mesmo, que se trata "dun ensino semipresencial, con titorías para atender os estudantes" e que os cambios buscan dar resposta a unha "demanda de persoas interesadas en cursar estes ciclos a distancia". "Queremos chegar a máis poboación que quere facer esta formación: traballadores en activo que queren seguir formándose sen deixar os postos de traballo, persoas que precisan conciliar, poboación do rural, etc.", din.
O departamento autonómico salienta, así mesmo que "a oferta de FP elaborouse atendendo ás solicitudes dos centros e tamén en base ás conclusións de todos os encontros celebrados ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia", un extremo que algúns dos centros afectados negan.
CIG-Ensino tamén criticou que algúns dos ciclos presenciais afectados polos cambios "só se poderán rematar na modalidade online", algo que a Consellería nega, sinalando que "todos os alumnos que iniciaron un ciclo ordinario na modalidade presencial o curso 22/23 van poder rematalo no 23/24 de xeito presencial", unha mensaxe que este xoves foi repetida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A CIG denuncia que estes cambios serven para “inflar as cifras da oferta global que se anunciará nos vindeiros días, dado que a matrícula nun ciclo a distancia soe ser de 50 alumnos e alumnas mentres que nun ordinario ou modular é de entre 18 e 30"
A CIG denuncia que estes cambios serven para “inflar as cifras da oferta global que se anunciará nos vindeiros días, dado que a matrícula nun ciclo a distancia soe ser de 50 alumnos e alumnas mentres que nun ordinario ou modular é de entre 18 e 30". "Isto vaille permitir á Consellaría seguir coa súa política de propaganda porque obviamente non é o mesmo incrementar 5.000 prazas na modalidade ordinaria que a distancia, mentres que o número de profesorado apenas vai aumentar", sinala o sindicato
A central acusa á Consellaría de "enganar o profesorado" e alerta de que o fomento do ensino online e a promoción da FP dual (na que unha parte do ensino se imparte nas propias empresas) "vai significar unha redución importante de postos de traballo, comezando xa no próximo curso escolar, aínda que con maior intensidade a partir do curso 2024/25".
A Consellería "quere potenciar este tipo de ensino porque lle sae moi barato"
Trátase dunha "aposta por favorecer outra maneira de entender a Formación Profesional que esquece a compoñente pedagóxica, o traballo de educación emocional e habilidades sociais e céntrase nunha series de competencias máis enfocadas ao mercado", di Comba Campoy
Comba Campoy, mestra no CIFP A Xunqueira de Pontevedra, fai unha análise semellante da situación. En conversa con Praza.gal explica que "non temos nada en contra do ensino a distancia e de feito solicitáramos algúns ciclos a distancia, pero hai que ter en conta que unha e outra modalidade atenden a tipos de alumnado moi diferentes".
Campoy alerta, por exemplo, que de "o alumnado novo, que vén de rematar o Bacharelato, moitas veces non conta coas competencias necesarias para poder seguir un curso a distancia, que implica unha certa disciplina e soidade" e engade que "a modalidade a distancia é adecuado para outro perfil de alumnado: alumnado adulto, que está no mercado laboral e que quere retomar ou ampliar estudos polo motivo que sexa. Estes alumnos si teñen as competencias necesarias para levar a cabo un curso online e si que teñen vantaxes na flexibilidade que permite este tipo de ensino".
"Ímonos converter en meras avaliadoras: temos unha plataforma virtual, atendemos centos de alumnos ao outro lado da pantalla pero nin os coñecemos nin podemos dedicarlles tempo nin atención persoal"
Campoy critica que a Consellería "quere potenciar este tipo de ensino porque lle sae moi barato e porque lle permite vender unhas cifras que falan dun aumento da oferta formativa e do número de alumnos porque pode haber máis alumnos por grupo cos mesmos ou menores recursos de profesorado". Estes cambios, afirma, "prexudican o alumnado pero tamén ao profesorado, porque vai implicar unha redución dos cadros de persoal dos centros, cunha diminución das vacantes que afecta ás docentes que aínda non teñen a súa praza como funcionarias".
A docente engade que "o ensino presencial axuda a desenvolver unha serie de capacidades de relación social e empatía que en moitas profesións son fundamentais para realizar o traballo" e que na modalidade a distancia non están presentes. Trátase dunha "aposta por favorecer outra maneira de entender a Formación Profesional que esquece a compoñente pedagóxica, o traballo de educación emocional e habilidades sociais e céntrase nunha series de competencias máis enfocadas ao mercado", di. "Ímonos converter en meras avaliadoras: temos unha plataforma virtual, atendemos centos de alumnos ao outro lado da pantalla pero nin os coñecemos nin podemos dedicarlles tempo nin atención persoal", remata.
Ciclos máis afectados
Segundo a CIG os ciclos máis afectados son os das familias profesionais de Servizos Socioculturais á Comunidade, Administración e Xestión, e Informática e Comunicacións
Segundo a CIG os ciclos máis afectados son os das familias profesionais de Servizos Socioculturais á Comunidade, Administración e Xestión, e Informática e Comunicacións. Neste senso, o profesorado do Departamento de Servizos Socioculturais e a comunidade do CIFP Compostela, denuncia que a familia profesional máis afectada é a de Servizos Socioculturais e á comunidade, e considera que "non é casualidade", pois é o ámbito máis dedicado "aos coidados das persoas e colectivos máis vulnerables e promoción da igualdade". Este grupo de docentes critica que os cambios supoñen o "desmantelamento da rede pública e privatización da oferta formativa".
CIG-Ensino e grupos de docentes chaman a realizar concentracións este venres nos centros afectados
CIG-Ensino anima a todos os centros e ao profesorado afectado por esta estratexia a que aproben resolucións de claustro ou acordos de departamento e que as eleven á inspección, á xefatura territorial correspondente e á Dirección Xeral de FP "para amosar o seu malestar". Así mesmo, chama o profesorado a concentrarse nos propios centros de traballo entre o xoves 15 e o venres 16, empregando o lema “Non aos recortes e ao autoritarismo na FP”.
Este tipo de convocatorias están tamén a ser lanzadas por grupos de docentes en varios dos centros. Por exemplo, profesorado do CIFP Compostela convoca unha concentración diante do centro este venres 16 ás 11.30 horas co obxectivo de "parar este desmantelamento".