Rueda publicita a FP "para situar o sector turístico e hostaleiro de Galicia como referente"

Alfonso Rueda no centro de FP Carlos Oroza de Pontevedra CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

“A fonte de enerxía do sector turístico está aquí, nas vosas aulas”, di o presidente nunha visita a un centro de Formación Profesional na que tamén participaron representantes do sector turístico, segundo salienta o propio Goberno galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra no que, segundo salientou o propio Goberno galego nun comunicado, “puxo en valor a formación profesional para situar o sector turístico de Galicia como referente a nivel nacional e internacional”.

Segundo a Xunta, Rueda “recordou que Galicia está a vivir un ano récord no que a ocupación turística se refire, coa chegada no que vai de ano de 131.000 peregrinos e máis dun millón de viaxeiros no primeiro cuadrimestre”, polo que asegurou que “Galicia está de moda”. Segundo dixo, “o turista busca o modelo de calidade que lle ofrece” Galicia, unha afirmación que formula días despois de que a Xunta veña de encargar un estudo sobre a sostibilidade do turismo xa que asegura que descoñece a situación do sector.

Alfonso Rueda no centro de FP Carlos Oroza de Pontevedra CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Sempre segundo o propio Goberno galego, “perante a comunidade educativa e os representantes do sector turísticos presentes en Pontevedra, Alfonso Rueda animou a seguir traballando na mesma liña: “A fonte de enerxía do sector turístico está aquí, nas vosas aulas”, dixo, o presidente, e alentou a “alimentar” o que considera unha “revolución”.

Rueda anuncia que a Xunta "reforzará aínda máis a súa oferta formativa" en materia de turismo e hostalería con novos investimentos

Rueda tamén anunciou en Pontevedra que a Xunta “reforzará aínda máis a súa oferta formativa” en materia de turismo e hostalería con novos investimentos e implantará un ciclo de “Guía, información e asistencia turística” en Lugo e outro de FP básica de “Cociña e Restauración” en Sanxenxo. Tamén realizará obras de ampliación do Carlos Oroza de Pontevedra por 2,7 millóns de euros. Actuacións que permitirán mellorar unha oferta que segundo a Xunta consta en toda Galicia de sete centros integrados de FP e nove institutos que imparten ciclos formativos da rama de hostalería e turismo, con 3.190 alumnos no presente curso.

Alfonso Rueda no centro de FP Carlos Oroza de Pontevedra CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.