76 persoas xa realizaran a preinscrición para as únicas 30 prazas en toda Galicia que ofertaba desde 2015 un instituto da Estrada en colaboración coa Academia Galega de Seguridade radicada nesa mesma vila
“Está a resultar de utilidade para o conxunto da sociedade galega”. Así se pronunciaba a conselleira de Educación, Carmen Pomar, o pasado 19 de decembro no Parlamento de Galicia sobre o ciclo de grao medio de FP en Emerxencias e Protección Civil que se comezou a impartir en 2015 nun único instituto do país, na Estrada, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) radicada nesa mesma vila. Porén, o ciclo vén de ser cancelado malia que para o próximo curso xa estaban preinscritas 76 persoas para as 30 prazas que ofertaba. Educación fala de “suspensión transitoria” do ciclo, que atribúe a “cuestións de carácter técnico e organizativo derivadas das necesidades da Agasp”.
O ciclo de Emerxencias e Protección civil, de dous anos de duración, comezou a funcionar no curso 2015-16 a través dun convenio entre Educación e Vicepresidencia, da que depende a Agasp. Con 30 prazas por curso, a súa demanda viña superando a oferta. En 2017 a primeira promoción rematou o ciclo cun total de 27 técnicos formados. Este ano saíu del a terceira promoción e para o próximo curso xa había 76 persoas preinscritas para o primeiro ano de formación, dos que 46 solicitaban ese ciclo como primeira opción e o resto como segunda ou seguintes opcións tras outros ciclos distintos.

A Xunta garante que os que aprobaron o primeiro curso teñen garantido poder cursar o segundo pero deixa no aire aos que aspiraban entrar no primeiro ano e non amosaran interese por ningún outro ciclo distinto
A Xunta asegura que o alumnado que vén de rematar o primeiro ano de formación, 27 persoas, “teñen absolutamente garantido rematar os seus estudos nas mesmas condicións que os iniciaron”. Isto é, o próximo curso seguirá a impartirse o segundo ano de formación aos que veñen de superar o primeiro ano. Porén, no aire quedan parte dos que aspiraban a entrar agora en primeiro. “O alumnado que solicitou acceder ao ciclo para o próximo curso entrou no procedemento de admisión coas outras opcións marcadas”, di a Xunta, deixando así ano aire aos aspirantes que non marcasen outras opcións de ciclos distintos dese, 24 persoas por cuxa situación este medio preguntou de xeito expreso á consellería sen obter resposta.
En decembro a conselleira pedía desde o Parlamento aos concellos que "teñan en consideración o título nos seus procesos selectivos", título que agora cancela
A supresión do ciclo prodúcese despois de que o pasado 19 de decembro a propia conselleira de Educación, Carmen Pomar, en resposta a unha pregunta parlamentaria do PSdeG, gabase o acordo entre a súa consellería e a Agasp que permitía impartir esa formación como “de utilidade para o conxunto da sociedade galega”. Naquela iniciativa parlamentaria os socialistas pedían á Xunta que se tivese en conta esa titulación como mérito á hora de acceder a empregos públicos relacionados con ela. A resposta daquela da conselleira foi a de asegurar que o Goberno galego estaba comprometido con esa situación pero que a competencia en cuestións de Protección Civil é municipal, e que lle estaba a trasladar aos concellos galegos “a conveniencia” de que “teñan en consideración o título de técnico de Emerxencias e Protección Civil nos seus procesos selectivos”.
A supresión do título xa foi criticada pola Asociación de Técnicos de Emerxencias e Protección Civil, de recente creación por parte das primeiras promocións saídas dese ciclo. A asociación reclama á Xunta que garanta a continuidade do alumnado que xa cursou o primeiro ano de formación e pregúntase que vai ser dos que aspiraban a entrar agora nese primeiro curso sen indicar outros posibles ciclos como alternativas. Os técnicos lamentan que o Goberno galego deixe agora de apostar por unha formación que consideraba útil e que noutras comunidades ten tamén rango de ciclo superior, e non só ciclo medio.