O ciclo de FP dual en Ribadeo de traballos forestais ofrece aulas e prácticas remuneradas con 500 euros

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo ©

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo, oferta por primeira vez e para este curso 2020-2021 un ciclo medio de Formación Profesional Dual de técnico en traballos forestais e de conservación do medio natural.

O ciclo busca formar o alumnado de máis de 18 anos, sen cualificación profesional e que conte conte co título de ESO ou equivalente e non tivese un contrato de formación e aprendizaxe anteriormente.

Realizaranse un total de 2.480 horas de prácticas en empresas locais, prácticas dun salario de 500 euros e cotización á Seguridade Social

O ciclo supón unha formación fundamentalmente práctica na que, ao longo de dous anos, realizaranse un total de 2.480 horas de prácticas en empresas locais, unha aprendizaxe práctica para a que o alumnado recibirá un salario de 500 euros e cotizará á Seguridade Social.

Na iniciativa participan a Asociación de Transformación da Madeira de Lugo e as empresas Tojeiro y Vidal SL, Maderas Míguez de Burela SL, Maderas Díaz Ramos SL, Maderas Villapol SA, Centro Técnico de Maquinaria Forestal SL, Viveros Mañente SL e Edelmiro López SL.

Ademais, un dos maiores atractivos desta oferta de formación está no programa Erasmus+ de prácticas en Finlandia, no que poderán participar tanto alumnado como profesorado, e que contará ademais con formación continúa no centro Pedro Murias a cargo de técnicos fineses e doutros países nos que o sector forestal ten moita importancia.

O centro Pedro Murias dispón de residencia para o alumnado que curse este ciclo formativo. Está situado nunha das comarcas con maior potencial forestal de toda Galicia e trátase dun centro de formación dedicado á experimentación e á difusión de técnicas agropecuarias de ensino.

O prazo de inscrición para a admisión está aberta ata o 8 de xullo e os interesados poden obter máis información a través dos teléfonos 981546664 ou 639884945 e na web da Xunta de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.