A aposta da Xunta pola aprendizaxe a distancia para persoas adultas limita o acceso a estas ensinanzas, denuncia a CIG

IES San Clemente de Compostela © Xunta

Ao redor de 10.000 persoas cursan ensinanzas para persoas adultas no sistema de ensino público en Galicia

Ao redor de 10.000 persoas cursan ensinanzas para persoas adultas no sistema de ensino público en Galicia, segundo datos achegados pola CIG. Estas persoas seguen cursos de ensinanzas básicas, ESA (Educación Secundaria para persoas Adultas) e tamén Bacharelato para persoas adultas. 

Máis de sete mil están matriculadas nos seis EPAPUS (Centros de Educación permanente de persoas adultas) en funcionamento en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e tamén no IES San Clemante de Compostela, que ofrece tamén ensino a distancia. A eles hai que sumar un número indeterminado e flutuante de persoas que cursan ensinanzas para adultos nos cinco centro penitenciarios do país e tamén en institutos ordinarios (IES).

Montse Pernas e Suso Bermello © CIG

"A aposta por unha educación de persoas adultas exclusiva ou moi maioritariamente a distancia implicaría un empeoramento da oferta educativa, a desatención de moito alumnado e a perda de moitos postos de traballo de profesorado", di a CIG

A CIG-Ensino denuncia que o Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta "non contempla o mantemento do actual sistema de ensino público presencial" e céntrase "exclusivamente na ensinanza para persoas adultas a distancia", que pasa a depender dun organismo de nova creación, o Instituto Galego para aprendizaxe ao longo da vida adulta (IGALVA).

O sindicato alerta de que "a aposta por unha educación de persoas adultas exclusiva ou moi maioritariamente a distancia implicaría un empeoramento da oferta educativa, a desatención de moito alumnado e a perda de moitos postos de traballo de profesorado, tanto nas EPAPU como nos IES con réxime de persoas adultas".

O Goberno galego fai fincapé en que a aposta por "potenciar de xeito singular as modalidades de aprendizaxe a distancia" persegue particularmente "atender as persoas residentes no ámbito rural", ademais de "favorecer a conciliación coa vida familiar e laboral dos cidadáns"

Segundo explica a CIG, "non existe no anteproxecto ningunha referencia ás actuais EPAPU e, fóra do IGALVA, só unha superficial mención a 'centros colaboradores, tanto públicos como privados' que acheguen as ensinanzas para persoas adultas especialmente no entorno rural”. No texto só se indica a necesidade de “impulsar itinerarios de aprendizaxe flexibles específicos para persoas privadas de liberdade”, sen ligalos directamente á actual rede de EPAPU que existe en cada un dos cárceres galegos, sinala o sindicato.

Pola súa banda, a Xunta defende que a norma "reforzará" as ensinanzas para adultos garantindo unha aprendizaxe “permanente, integral, inclusiva e de calidade” para o conxunto da poboación "a través de ferramentas de ensino flexibles e adaptadas". A nova lei busca ofrecer "un acceso máis amplo e flexible" a estas ensinanzas, ao tempo que "garantir a igualdade de oportunidades tanto desde unha perspectiva social como territorial”, sinala a Consellaría.

Segundo explica a CIG, "non existe no anteproxecto ningunha referencia ás actuais EPAPU e, fóra do IGALVA, só unha superficial mención a 'centros colaboradores, tanto públicos como privados' que acheguen as ensinanzas especialmente no entorno rural”

O Goberno galego fai fincapé en que a aposta por "potenciar de xeito singular as modalidades de aprendizaxe a distancia" persegue particularmente "atender as persoas residentes no ámbito rural", ademais de "favorecer a conciliación coa vida familiar e laboral dos cidadáns". Así mesmo, sinala que a creación do Instituto galego para a aprendizaxe ao longo da vida adulta ten como obxectivo "homoxeneizar estas ensinanzas".

CIG-Ensino pon o foco en que moitas das persoas que cursan estas ensinanzas sofre unha "fenda dixital", tanto por cuestións socioeconómicas como por vivir no rural. Ademais, explica que para o perfil do alumnado destas ensinanzas o modelo presencial oi semipresencial é o axeitado "para mantelo no sistema educativo". Son “persoas inmigrantes ou en risco de exclusión social, persoas sen rematar as ensinanzas obrigatorias que retoman os estudos despois de moitos anos fóra do sistema educativo, adolescentes con diversas problemáticas que esgotaron as convocatorias para obter o título da ESO”, explicou Montse Pernas (CIG-Ensino).

CIG-Ensino pon o foco en que moitas das persoas que cursan estas ensinanzas sofre unha "fenda dixital", tanto por cuestións socioeconómicas como por vivir no rural

O anteproxecto de Lei está nestes momentos en fase de consulta no Consello Escolar de Galicia e CIG-Ensino critica que non pasou previamente pola Mesa Sectorial nin contou coa opinión do profesorado que desenvolve o seu traballo na educación e promoción de persoas adultas. “Sorprende que unha norma que pretende derrogar outra de hai 30 anos e que é a única Lei educativa presentada pola Xunta no que levamos de lexislatura pretenda pasar co máximo hermetismo na súa tramitación”, afirma Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino. 

EPAPU Eduardo Pondal, na Coruña © Xunta

Para a CIG-Ensino o "labor social" das ensinanzas de adultos "é incalculábel"

Para a CIG-Ensino o "labor social" das ensinanzas de adultos "é incalculábel" e o sindicato subliña que “o sistema educativo público está precisamente para dar resposta a estas necesidades sociais", mais "a Consellaría con esta lei quere botar por terra, como se dunha multinacional se tratase, todo aquilo que non é rendíbel en termos economicistas e actúa de forma curtopracista”.

A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación a retirada do anteproxecto de lei e a apertura dunha fase de negociación para actualizar o sistema de aprendizaxe de persoas adultas, partindo da premisa da permanencias das tres modalidades existentes (presencial, semipresencial e a distancia).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.