O informe de 2021 do Observatorio impulsado por Alas A Coruña mostra un incremento dun 70,83% con respecto aos datos de delitos de odio recollidos en 2020 e reclama "iniciativas a prol da visibilidade LGTBI" desde o sector público
No ano 2021 rexistráronse 82 incidentes de odio en Galicia, dos cales 58 poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI galega, segundo recolle Sacando as cores, o informe que analiza o sucedido neses 12 meses polo Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia, impulsado pola Asociación pola liberdade afectiva e sexual (Alas) da Coruña.
2021 é un ano ligado ao nome de Samuel Luiz, asasinado na rúa ao berro de 'maricón de merda', como lembran neste documento que honra a súa memoria, pero tamén é un ano no que a visibilidade das agresións homófobas acadou unha maior relevancia. Estas cifras supoñen un incremento dun 70,83% con respecto aos datos de delitos de odio recollidos en 2020.
A rúa é, precisamente, o principal escenario no que suceden estes delitos de odio, seguido moi de lonxe polo ámbito doméstico. O Observatorio indica que a metade dos casos (41) tiveron lugar na Coruña. Este é o terceiro informe deste tipo que se publica e é un traballo coordinado por Óscar Rodríguez Fernández e Pablo Zas Varela, co apoio da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuales, Intersexuales y más (FELGTBI+) e o financiamento do Concello da Coruña.
"Faise necesario que as institucións galegas traballen de xeito conxunto para pórlle freo á desigualdade, ás agresións e aos discursos de odio. Non hai espazo para a indiferenza cando as nosas vidas están en xogo", defende a presidenta de Alas A Coruña, Ana G. Fernández, que recoñecía en Praza.gal hai uns meses, con motivo das denuncias de varias agresións homófobas no país, que "é moi difícil saber se houbo un aumento real ou é que a xente está máis aberta a denunciar e non fica calada", despois do asasinato de Samuel Luiz. Porén, na asociación consideran que "queda claro que o Observatorio segue a ser máis necesario ca nunca" posto que a demanda de axuda e asesoramento non fixo máis que aumentar: "354 atencións a 201 persoas de 15 nacionalidades diferentes, o que comporta un incremento dun 40% nas atencións e dun 76% no número de usuarias beneficiadas".
"A violencia máis frecuente á que se enfronta a comunidade LGTBI en Galicia son os insultos"
A poboación que fai máis uso dos servizos do Observatorio está entre os 15 e os 34 anos. Practicamente non hai diferencias entre a atención a homes e mulleres, pero salientan que en 2021 aumentou o número de persoas non binarias (13). As persoas máis novas que atenderon o ano pasado, de 15 a 24 anos, "reclamaron principalmente a derivación cara a servizos de atención psicolóxica especializados na comunidade LGTBI". En liñas xerais, como sucedeu nos anteriores informes, a meirande parte das consultas son para "asesoramentos sociais".
"A violencia máis frecuente á que se enfronta a comunidade LGTBI en Galicia son os insultos (31,7%), seguida dos ataques ao patrimonio, referidos a actos vandálicos cara a propiedades de titularidade pública, por exemplo centros educativos, ou privada, por exemplo vivendas; así como espazos de visibilidade do colectivo LGTBI entre os que figuran pasos de peóns, bancos ou murais coas cores da bandeira LGTBI, etc". Este tipo de incidentes representan o 22% do total recollido neste estudo e experimentan un aumento porcentual do 349% con respecto ao informe anterior. En terceiro lugar sitúanse as agresións cunha compoñente física e verbal (18,3%). Porcentualmente estas agresións vense igualadas pola suma das agresións de acoso e ciberacoso, cun 9,8% e un 8,5% respectivamente, que se incrementou coa pandemia.
Reclaman "a sinatura de convenios de colaboración con institucións públicas" para pór en marcha "iniciativas a prol da visibilidade LGTBI"
Nas conclusións do informe sinalan que "case de forma cotiá", o equipo do Observatorio recibe peticións de persoas usuarias solicitando os servizos de profesionais da Psicoloxía "ou que xa están sendo tratadas por problemas de ansiedade, depresións ou mesmo pensamentos e tentativas de suicidio". Entre as súas demandas unha vez analizados os datos figura a de garantir o acceso de toda a cidadanía ás unidades de saúde mental dentro do Sistema Nacional de Saúde, independentemente do seu nivel de renda; a posta en marcha de recursos de acollida para vítimas da LGTBIfobia nas principais urbes galegas para atender as necesidades especificas deste colectivo; ou a mellora da comunicación e formación dos corpos policiais, especialmente das policías municipais.
"O total de incidentes de odio rexistrados polo observatorio no 2021 fan necesario poñer en marcha iniciativas a prol da visibilidade LGTBI. Un bo punto de partida sería a sinatura de convenios de colaboración con institucións públicas, comezando polos da nosa comarca", inciden, para engadir unha reclamación sobre a creación de plans de actuación no eido das administracións públicas e das empresas que garantan os dereitos das persoas LGTBI no mundo laboral. Entre outras demandas, tamén solicitan que se actualice o 'Protocolo de Identidade de Xénero' da Xunta, así como o 'I Plan de Actuacións para a Igualdade nos Centros Educativos de Galicia 2016-2020'; e o impulso público de investigacións sobre problemáticas e necesidades da comunidade LGTBI, contando coas entidades do colectivo e coas universidades.
A Coruña acolle os XXXII Encuentros Estatales LGTBI, que teñen a vontade de crear un espazo de debate e xerar propostas arredor da diversidade
Encontros estatais LGTBI
Do 21 ao 23 de outubro a cidade da Coruña vai acoller os XXXII Encuentros Estatales LGTBI, que teñen a vontade de crear un espazo de debate e xerar propostas arredor da diversidade, así como fornecer as relacións entre as diferentes Administracións públicas, os sindicatos e as asociacións e colectivos de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais de todo o Estado.
É a primeira ocasión na que se celebran no noroeste da Península. O intérprete e activista lgtbi Alberte Bello presentará o acto inaugural dos encontros, o venres ás 18.00 horas no rectorado da Universidade da Coruña, amenizado por De ninghures. As xornadas do sábado e o domingo están divididas por bloques: cultura, realidades trans, saúde, ciencia e feminismo.
Nestes debates participarán persoas como Renée de Palma, profesora de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña e parte do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC; Diego Maseda, bibliotecario na Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña e responsable do club de lectura QUEERuña; Gracia Trujillo, profesora de Socioloxía na Facultad de Educación da Universidad Complutense de Madrid e activista femnista queer; Vicente Rico, director de Eurovision-Spain; Javier Armentia, astrofísico e divulgador científico que dirixe o planetario de Pamplona; ou Joanna Cabrera, médica de Familia e representante do Colectivo Gamá. Toda a información sobre os encontros organizados por Alas A Coruña está aquí.