O foro, coordinado por Carme Adán desde o Consello da Cultura, nace co obxectivo de acadar un informe ″onde plasmar a situación da poboación LGBTIQ" en relación coa "participación pública, educación, seguridade, eido laboral, territorio, servizos sociais, pensamento, cultura, memoria, diversidade social e violencias″
O Foro Identidade e Disidencias Sexuais nace como un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGBTIQ+ para ofrecerlles unha resposta axeitada desde os recursos e servizos que poidan precisar, e previr as condutas violentas contra o colectivo.
″Escollemos o modelo de foro porque queremos facer un espazo de diálogo e de debate no que se intercambie información autorizada para o que se convocan persoas con distintas experiencias previas. O foro permite a conciliación e o consenso″, explicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para sinalar que o proxecto foi unha petición da Consellería de Igualdade.
“Identificar e falar abertamente das necesidades fundamentais do colectivo para poder darlles unha resposta e mellorar como sociedade é un dos obxectivos”, sinalou Lorenzana
″É preciso recoñecer que aínda hoxe en día as actitudes e condutas homofóbicas e transfóbicas están profundamente arraigadas na nosa sociedade, expoñendo cun enfoque negativo a moitas persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais″, salientou a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen remarcou que isto afecta a todas as idades e lugares de residencia.
″Coñecer en profundidade esta realidade e a situación actual, identificando e falando abertamente das necesidades fundamentais do colectivo para poder darlles unha resposta e mellorar como sociedade, cunha metodoloxía activa, participativa e inclusiva, é un dos obxectivos″, engadiu a conselleira sobre o foro, que está coordinado por Carme Adán, responsable da Sección de Pensamento do Consello da Cultura.
O obxectivo último deste foro, que se fixo público este luns pero leva funcionando desde principios de ano, é lograr un informe ″onde plasmar a situación da poboación LGBTIQ en relación con diferentes liñas temáticas como a participación pública, educación, seguridade, eido laboral, territorio, servizos sociais, pensamento, cultura, memoria, diversidade social e violencias″.
Para deseñar e conducir este proxecto coordinado por Carme Adán, o Consello da Cultura formou unha comisión técnica temporal integrada por Marta Lois, Enrique Latorre e Daniela Ferrández, que ten como meta emitir un primeiro informe ao longo do ano 2023. Adán debullou que foi pensado como un proceso participativo conformado por unha mostra representativa de todos os sectores que dunha ou doutra maneira están implicados na xestión, formación, educación, investigación e divulgación sobre a identidade sexual.
"A dia de hoxe fáltannos moitos datos para coñecer a situación actual do colectivo LGBTQI en Galicia", salientou Carme Adán
O foro abordará desde diferentes bloques temáticos de interese as necesidades das persoas LGBTQI, así como posibles retos das políticas públicas. ″O certo é que a dia de hoxe fáltannos moitos datos para coñecer a situación actual do colectivo LGBTQI en Galicia. Por exemplo, precisamos coñecer que impacto tivo a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de 2014″, dixo a coordinadora, quen avanzou que ″unha vez cartografiadas as necesidades poderán crearse os recursos″.
Para preparar o informe, o vindeiro 6 de xullo celebrarase o primeiro encontro de traballo do foro centrado na participación pública. En setembro terán lugar xuntanzas arredor da seguridade, a educación e a sanidade. Os asuntos laborais, do territorio, os servizos sociais e o idadismo ocuparán o debate previsto para novembro. Xa en xaneiro de 2023 abordarase a mesa de pensamento, cultura, memoria viva e diversidade sexual, mentres que a reflexión sobre as violencias que sofre o colectivo LGBTIQ chegará no mes de febreiro.