A Rede está formada nestes momentos por ao redor de 200 docentes, maioritariamente de centros públicos
Nos últimos meses un amplo grupo de mestres e mestras veñen conformando equipos e unha rede de ámbito galego que busca combater nos centros de ensino os prexuízos LGBTIfóbicos, uns prexuízos que constitúen a base de condutas discriminatorias que poden culminar en situacións de violencia de xénero, acoso escolar homofóbico e delitos de odio. A Rede Educativa LGBTIQ+ de Galicia preséntase oficialmente este xoves na Coruña, formada nestes momentos por ao redor de 200 docentes, maioritariamente de centros públicos.
Ademais, en máis de 25 centros existen equipos de apoio e asembleas de alumnado LGBT que realizan actividades que buscan "a sensibilización, coñecemento e concienciación sobre a diversidade afectivo-sexual, a diversidade familiar e as diversas identidades de xénero".
Algúns destes centros nos que a actividade da Rede está máis asentada son o IES Politécnico, o IES Carlos Casares, o IES Ricardo Mella e o IES Os Rosais II de Vigo; o IES Agra de Orzán e o IES Eusebio da Guarda da Coruña; o IES Maruja Mallo de Ordes; o IES Xosé Neira Vilas de Oleiros; o IES Punta Candieira de Cedeira; o CPR Andaina de Culleredo; ou o IES Allariz.
“A importancia da Rede reside no feito de que é o propio profesorado do sistema educativo galego quen toma a iniciativa na defensa dos dereitos das persoas LGBT e a súa visibilidade nos centros educativos"
Os obxectivos principais da Rede son os de ofrecer asesoramento e apoio, crear sinerxías e poñer á disposición da rede os distintos recursos educativos que se van creando. Explican que a rede está aberta a profesorado dos centros educativos de Galicia, así como a profesionais de outros ámbitos relacionados coa educación (orientadores e orientadoras, educadores e educadoras, sexólogos e sexólogas, psicólogos e psicólogas).
Ana Ojea, cofundadora da Rede, destaca que “a importancia da Rede reside no feito de que é o propio profesorado do sistema educativo galego quen toma a iniciativa na defensa dos dereitos das persoas LGBT e a súa visibilidade nos centros educativos, loitando contra a discriminación e o acoso escolar LGBTIfóbico, construíndo escolas mais libres e seguras para todas as persoas integrantes das comunidades educativas”.
Hai uns meses a Rede denunciou a chegada masiva a numerosos centros de ensino galegos de propaganda LGBTfóbica de HazteOir, esixíndolle á Xunta "un posicionamento público e firme"
Hai uns meses a Rede xa denunciou a chegada masiva a numerosos centros de ensino galegos de propaganda LGBTfóbica de HazteOir, esixíndolle á Consellería "un posicionamento público e firme" contra a campaña do grupo de ultradereita.
Ana Ojea destacaba daquela que "a realidade do acoso escolar LGBTfóbico está moi presente, un acoso que está sendo especialmente agresivo no caso do alumnado trans" e reclamaba que o profesorado "ten que ter un papel activo, deixar xa de lado a pasividade, a falsa neutralidade e o mirar para outro lado, xustificándoo en que 'son só cousas de nenos”. E concluía: "dende que existe o activismo LGBT sabemos que o noso maior perigo é a invisibilización, o non falar do tema".