"Como organización sempre dixemos que o noso obxectivo non era ser xusticeiras nin vingativas, senón que o máis importante era o recoñecemento dos feitos e o recoñecemento neste caso, como acusación popular, do agravante por LGBTIfobia"
Este mércores a Audiencia Provincial da Coruña condenou a un total de 74 anos e medio de cárcere ás catro persoas declaradas culpables do asasinato de Samuel Luiz. Foi o final dun proceso que comezou a madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da cidade herculina coa "cazaría" que acabou coa vida do mozo coruñés. Tres anos e medio nos que a entidade ALAS A Coruña mantivo unha intensa actividade, primeiro de homenaxe a Samuel Luiz e de condena do sucedido, tamén de denuncia dos crecentes discursos de odio e agresións contra as persoas LGBT.
Así mesmo, a entidade exerceu a acusación popular no proceso no que o xurado condenou a catro dos cinco axuizados e no que finalmente a xuíza Elena Fernanda Pastor Novo impuxo penas severas, nun ditame que subliñou o agravante de discriminación por motivos de orientación sexual para un dos acusados, Diego M.M. A maxistrada salienta que a agresión se iniciou pola "animadversión" de Diego M.M. "cara á condición sexual homosexual" que atribuíu a Samuel Luiz.
Pedímoslle á presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, unha valoración sobre o ditame, as condenas e sobre o conxunto do proceso, especialmente sobre o efecto que o sucedido pode ter no futuro no conxunto da sociedade.
"O noso obxectivo como organización non é celebrar as penas impostas, senón traballar para impedir que volva ocorrer algo así, promovendo políticas de prevención e accións de sensibilización e educación na sociedade"
O tribunal impuxo unhas condenas aos catro acusados que suman 74 anos de cadea. Como valorades a sentenza ditada este mércores e as penas impostas?
O noso obxectivo como organización non é celebrar as penas impostas, senón traballar para impedir que volva ocorrer algo así, promovendo políticas de prevención e accións de sensibilización e educación na sociedade.
En canto ás penas, como organización sempre dixemos que o noso obxectivo non era ser xusticeiras nin vingativas, senón que o máis importante era o recoñecemento dos feitos e o recoñecemento neste caso, como acusación popular, do agravante por LGBTIfobia. Neste senso estamos satisfeitas, por dicilo dalgún xeito, porque falar en termos positivos desta cuestión é bastante complicado.
Cremos que o punitivismo polo punitivismo non ten sentido, senón que temos que mirar alén e valorar a importancia de que as persoas responsables se enfronten ás consecuencias dos seus actos pero que, ao tempo, tamén teñan a oportunidade de contar co correcto acompañamento psicosocial, de cara a que no futuro se poidan reinserir na nosa sociedade. Tanto ten que pasen 5 ou 25 anos no cárcere; se non se produce esa reinserción, non tería moito sentido.
"É unha sentenza que fai xustiza. Hai cousas que non se poden reparar, evidentemente, pois hai unha persoa que non vai volver á vida. Pero dalgún xeito o ditame repara un pouco a dor causada e achega paz e confianza no sistema xurídico"
Máis aló das penas impostas, que valoración facedes do ditame a nivel cualitativo, especialmente en canto ao recoñecemento do agravante de discriminación por motivos de orientación sexual para un dos acusados?
Aínda coñecemos onte a sentenza e temos que analizala polo miúdo, pero cremos que o ditame é un paso adiante importante, pois é moi minucioso e debulla ben todo o que ocorreu. Hai que agradecerlle á maxistrada o seu esforzo por clarificar os feitos e garantir que esta sentenza recolle a brutalidade do que sucedeu, a responsabilidade que se lles imputa ás persoas condenadas; deixa claro que actos desta gravidade non poden quedar impunes.
É unha sentenza que fai xustiza. Hai cousas que non se poden reparar, evidentemente, pois hai unha persoa que non vai volver á vida. Pero dalgún xeito o ditame repara un pouco a dor causada e achega paz e confianza no sistema xurídico.
"Temos que reflexionar como sociedade que está a fallar para que xente tan nova exerza unha violencia como esta contra unha persoa"
Credes que o conxunto do proceso -a reacción da cidadanía ante o asasinato, o impacto social e mediático que tivo, a propia sentenza condenatoria...- pode axudar a evitar que no futuro se repitan este tipo de feitos? Pensades que o sucedido vai deixa un pouso na sociedade?
Por un lado cremos que si, necesitamos crer que si vai ser así. Como ser humano non podes pensar que Samuel foi asasinado para nada, que o que pasou non vai ter consecuencias. Por iso necesitamos crer que este caso servirá para que cousas así non volvan suceder.
"Como ser humano non podes pensar que Samuel foi asasinado para nada, que o que pasou non vai ter consecuencias. Por iso necesitamos crer que este caso servirá para que cousas así non volvan suceder"
Para nós, en todo caso, resulta difícil facer unha análise de todo o proceso ao estar dentro; durante os últimos tres anos e medio e sobre todo durante os últimos meses toda a nosa vida xirou ao redor deste caso e resúltanos difícil saír desta burbulla e velo dende fóra. Sabemos que a atención que o caso recibiu nos medios e na sociedade foi máxima, que moitísima xente se viu afectada polo sucedido e estaba pendente do que pasaba.
Pero ao final nunca sabes o que vai pasar no futuro. Ten que ser unha sentenza que se coñeza, que se estude e que sirva para educar a sociedade no seu conxunto en dereitos humanos, en igualdade, en diversidade, para que cousas así non volvan ocorrer. Temos que reflexionar como sociedade que está a fallar para que xente tan nova exerza unha violencia como esta contra unha persoa.