Catro dos cinco axuizados por matar a Samuel Luiz, culpables do asasinato

Flores en homenaxe a Samuel Luiz no lugar onde foi asasinado, nunha imaxe tomada o 12 de xullo de 2021 CC-BY-NC-SA Praza Pública

O xurado popular considera tres dos xulgados como autores do asasinato do mozo coruñés e a un cuarto, cómplice nun veredicto que exculpa a quinta acusada

Samuel Luiz foi asasinado por tres autores do crime e un cómplice. É o que bosquexa o veredicto do xurado popular que tivo nas súas mans axuizar os feitos atribuídos ás cinco persoas encausadas pola morte violenta do mozo coruñés na madrugada do 3 xullo de 2021, cando ficou "totalmente indefenso e desvalido debido ao elevado número de persoas que o agredían e rodeaban", sen capacidade de emprender "ningún acto hostil" contra os agresores.

Na lectura do obxecto do veredicto -composto por 115 preguntas- a unanimidade do xurado avalou a declaración como culpable de asasinato coa agravante de aleivosía a Diego Montaña. É o principal acusado, sobre quen "entende acreditado que actuou por animadversión cara á orientación sexual que atribuíu á vítima", informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -inicialmente, un "erro na lectura" por parte do xurado deu a entender o contrario-, polo que na súa condena concorerá "a agravante de discriminación por condición sexual".

Imaxes da malleira mortal a Samuel Luiz captadas polas cámaras de seguridade da contorna, expostas no xuízo CC-BY-NC-SA Sinal TSXG

Tamén ven culpables por asasinato con aleivosía a Alejandro Freire nunha decisión tamén unánime e o mesmo consideran sobre e Kaio Amaral, no seu caso por maioría. Este último, ademais, é considerado por unanimidade culpable dun delito de roubo con violencia por quedar co teléfono móbil de Samuel durante a mortal malleira. Alejandro Míguez, pola súa banda, é considerado pola maioría do xurado culpable por ser cómplice do asasinato "por formar parte do grupo agresor durante toda a persecución, impedindo a defensa e fuxida da vítima, chegando a forcexar cunha das persoas que a auxiliaban".

O xurado ve "acreditado" que o principal acusado "actuou por animadversión cara á orientación sexual que atribuíu á vítima", polo que aplica a agravante de discriminación por condición sexual e desbota o consumo de alcol como atenuante

Mentres, Catherine Silva é considerada non culpable. Excúlpana do delito de asasinato tanto como coautora como da condición de cómplice, polas que enfrontaba peticións de ata 25 anos e cadea rebaixadas durante o proceso a 14 e medio. O tribunal do xurado non ve probado que "ao afastar unha amiga da vítima quixese evitar a súa defensa" e ademais conclúe que tentou "conter e separar" a Diego Montaña, quen na altura era a súa parella.

As condenas, nas mans da xuíza

Unha vez coñecido o veredicto do xurado popular, corresponde á xuíza impoñer as condenas aos acusados nunha sentenza contra a que, en todo caso, caberá recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Para o principal acusado e agora considerado culpable, Diego Montaña, as acusacións reclamaron tras a lectura ata 25 anos de prisión, como xa fixeran no propio xuízo. 

Os acusados polo asasinato de Samuel Luiz e os seus letrados, na Audiencia da Coruña © TSXG

Segundo ven probado, Montaña foi quen iniciou a brutal agresión contra Samuel Luiz -a policía científica achou restos do seu ADN na fronte de Samuel-. Fíxoo tras acusar a vítima de estar a gravalo co seu teléfono aínda que en realidade estaba a facer unha videochamada. Nese contexto, o xurado rexeita que "tivese minguadas as súas capacidades pola inxesta de alcol".

As acusacións piden 22 anos de cadea para cada un dos condenados como autores do asasinato, cinco máis para un deles polo delito de roubo con violencia. Para o cómplice reclaman 13 anos

Para Alejandro Freire a Fiscalía vén reclamando 22 anos e o xurado desbota aplicarlle a atenuante de trastorno de personalidade unido ao consumo de cocaína e alcol. Esa foia a petición que reiteraron as acusacións unha vez coñecido o verdito O Ministerio Público reclama a mesma condena a Alejandro Míguez. Para Kaio Amaral, cinco máis polo delito de roubo, ata un total de 27

No caso de Míguez, non obstante, as acusacións deslizaran durante o tramo final do xuízo unha alternativa á cualificación inicial ante a posibilidade de que, como finalmente sucedeu, fose considerado cómplice. Para ese condenado 13 anos de prisión. Para os catro condenados piden, asemade, cinco anos de liberdade vixiada cando conclúan as condenas de cárcere.

Concentración de repulsa polo asasinato de Samuel Luiz o 5 de xullo de 2021 na Praza de María Pita da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.