O clamor de xustiza para Samuel, nas mans dun xurado popular tres anos despois

Mobilización en repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, o 5 de xullo de 2021 na Coruña © Concello da Coruña

Os membros do xurado teñen ata 72 horas para deliberar sobre o papel dos acusados que propinaron a malleira mortal ao mozo coruñés ao berro de "maricón"

Dise que contra finais do século XIX, Emilia Pardo Bazán atravesaba diariamente as portas da fábrica de tabacos da Coruña. Froito daquelas visitas nacería La Tribuna, considerada a primeira gran novela social da literatura española. Hoxe, as entrañas daquel emblemático edificio son radicalmente distintas e quen transitan os seus corredores agora son xuíces, avogados e fiscais que deciden sobre o futuro de todo aquel que senta no banco. No último mes, o nome de Samuel Luiz ecoou nas súas paredes: o xuízo polo crime contra o mozo coruñés que morreu froito dos golpes recibidos unha madrugada de hai tres anos, chega este luns á súa fuin. O xurado popular terá dende o remate un máximo de 72 horas para determinar a responsabilidade dos cinco acusados. 

No último mes, cada día puntualmente, o que no seu momento fora un grupo de amigos desfilou en silencio pola planta baixa da Audiencia Provincial da Coruña. Xunto a eles, os cinco avogados que representan a súa defensa. Enfronte, dándolles as costas, as tres acusacións: Fiscalía, acusación particular e acusación popular. E uns pasos máis adiante, os nove membros do xurado popular en cuxas mans está o seu futuro.

Flores en homenaxe a Samuel Luiz no lugar onde foi asasinado, poucos días despois do crime CC-BY-NC-SA Praza Pública

A acusación ábrese a rebaixar as penas de dous acusados

Os primeiros en declarar, a mediados de outubro, foron Alejandro Míguez e Catherine Silva, os únicos que están en liberdade, ambos con medidas cautelares. Os dous inclináronse por responder as preguntas de todas as partes e negaron con rotundidade participar na malleira que acabou coa vida do mozo.

A acusación sinala os cinco por asasinato, aínda que se abre a unha cualificación alternativa para dous deles en calidade de cómplices

Míguez estivo presente aquela madrugada -así o corroboran as cámaras de seguridade-, pero defende que o seu papel foi o de mediar para frear os golpes. A Fiscalía solicita para el 22 anos de prisión por asasinato con asañamento e aleivosía, pero o caso deu un xiro na recta final do xuízo: as acusacións deslizaron unha alternativa á súa cualificación inicial e abríronse a que, se o xurado popular non aprecia delito de asasinato, podería ser considerado como cómplice. A condena, daquela, reduciríase a un total de trece anos. "Unha cousa é ser un covarde e outra participar dunha morte", sinalou o seu avogado este venres. O letrado iniciou o proceso pedindo a absolución do seu defendido, pero este venres contemplou a posibilidade dunha condena por delito de lesións.

Silva atópase nunha situación similar. A pena solicitada inicialmente para ela elevábase aos 25 anos, debido á agravante de discriminación por condición sexual, pero tamén para ela a acusación expuxo a posibilidade de catorce anos e medio, en calidade de cómplice. A moza non tivo contacto físico coa vítima, pero si estivo implicada no sucedido. A pregunta é cal foi exactamente o seu papel. Lina Fernández, testemuña e mellor amiga de Samuel, asegurou ao comezo do procedemento xudicial que ela foi quen impediu o socorro do mozo coruñés. A acusada, con todo, insistiu en que a súa intención era diametralmente oposta e que buscaba que Diego Montaña, quen era daquela a súa parella e o agresor que iniciou os golpes, parase no seu empeño de mallar na vítima.

"Ti aquí non pintas nada", pronunciou Silva. Segundo ela, dicíallo ao seu mozo, co propósito de frealo. Segundo Lina, nada máis lonxe da realidade: "Non foi con intención de salvarme a min, nin de protexerme, ou ao seu mozo, ou a Samuel", declarou, senón que a moza mantiña unha "actitude agresiva". O avogado de Silva, quen pide a súa absolución, anunciou este venres que presentará accións penais contra esta testemuña por "falso testemuño".

Declaración do principal acusado no xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz © infoLibre

Diego Montaña, quen iniciou os golpes

Aquelas foron as primeiras declaracións dos acusados. Houbo que esperar case un mes para que os tres restantes sentasen fronte á maxistrada que preside o xuízo para dar a súa versión e terminar de encaixar as pezas do quebracabezas. O mércores 13 de novembro chegou a quenda de Diego Montaña, Alejandro Freire e Kaio Amaral.

As acusacións mantéñense firmes na petición de 25 anos de cadea para o principal acusado

A Montaña sinalárono practicamente todos aqueles que un día foron os seus amigos. Foi el quen iniciou os golpes -a policía científica achou restos do seu ADN na fronte da vítima-, quen se dirixiu a Samuel para reprobarlle que estivese a gravalo, aínda que o que realmente facía o mozo era manter unha videochamada. Montaña só respondeu a preguntas do seu avogado, e fíxoo para declararse inocente. Tamén para pedir perdón: "O que quero é pedirlle perdón a esa familia. Todo isto empezou pola miña culpa e se non, nada disto pasaría e el estaría vivo", sinalou ante o xurado popular.

Montaña aludiu á inxesta de alcol e aferrouse á súa falta de memoria para evitar dar detalles do sucedido. "A imaxe que teño é estar a golpear a Samuel, non se sei puñadas ou patadas, non sabería dicilo. Era só eu nese momento, nesa imaxe que teño", declarou, para finalmente introducir a súa incapacidade de "negar nada, nin tampouco afirmalo". Pero si hai unha imaxe que, nas súas palabras, non sairá nunca da súa cabeza: "O corpo de Samuel tombado boca arriba con tres ou catro persoas á beira".

O seu avogado apuntou este venres que as accións do seu defendido, "por moito que escandalicen", non constitúen "un delito de asasinato con agravante de discriminación". Así que se aferra ao suposto malentendido que prendeu a mecha do linchamento posterior: o mozo, asente o seu defensa, golpea a vítima "de maneira inxustificada" ao crer que o gravaba, algo que é "incuestionable", pero nin o mata nin o fai a razón da súa orientación sexual. A defensa sinálao como autor dun homicidio imprudente ou, alternativamente, un homicidio, sempre coa atenuante de consumo de alcol. A acusación, en cambio, mantense firme e cre que é responsable de asasinato con asañamento e con agravante de discriminación, polo que pide 25 anos de cárcere.

Imaxes da malleira mortal a Samuel Luiz captadas polas cámaras de seguridade da contorna, expostas no xuízo CC-BY-NC-SA Sinal TSXG

O 'mataleón' e o roubo

Tamén Alejandro Freire, alcumado Yumba, foi sinalado por practicamente todas aquelas persoas presentes no paseo marítimo da cidade aquela madrugada de hai tres anos. Coinciden en que o mozo agarrou á vítima do pescozo e tombouno, unha técnica coñecida como mataleón. El mesmo recoñeceu, durante a súa declaración, que lle agarrou "polas costas", caendo ambos os ao chan. "Foi unha reacción instintiva ao pensar que se estaba pelexando con Diego. Só forcexamos uns segundos e levanteime, en ningún momento o tentei afogar nin o estrangulei", engadiu o mércores na Audiencia Provincial. Freire declarouse inocente e respondeu unicamente a preguntas do seu avogado.

O letrado, pola súa banda, expuxo este venres que o seu defendido "non tiña intención de matar esa noite" e solicitou unha condena por un delito de lesións, aínda que se abre tamén á cualificación de homicidio imprudente ou homicidio con consumo de alcol e drogas. A Fiscalía pide 22 anos por asasinato con aleivosía e asañamento.

Kaio Amaral leva aparellada, ademais dunha pena por asasinato, o delito de roubo con violencia. O mozo fíxose co teléfono móbil de Samuel cando este agoniaba. A Fiscalía pide para el a pena máis alta, 27 anos de prisión. Amaral admitiu este mércores preguntas do resto das partes e asegurou non tocar nunca á vítima, "nin para quitarlle o teléfono, nin para pegarlle". O acusado atrincheirouse na idea de que a súa única intervención se produciu coa intención de pór coto á agresión, non de alimentala. Nunhas imaxes analizadas pola policía, os axentes si cren que o acusado lanzou unha patada a Samuel.

Concentración de repulsa polo asasinato de Samuel Luiz, este 5 de xullo de 2021 na Praza de María Pita da Coruña © Concello da Coruña

O seu avogado sinalou este venres que o seu cliente é "un chourizo e un parvo", pero non un asasino. "Estes rapaces non son unha manda, nin nazis que matan a xudeus", lanzou. A defensa ábrese unicamente a recoñecer un delito de apropiación indebida.

"Voute matar, maricón"

Se algo encheu as rúas tras a morte de Samuel Luiz aquela madrugada do 3 de xullo de 2021, ese algo foi a indignación por un delito que tiña claros trazos homófobos. Así o leron os colectivos e así o entendeu a maioría social que saíu clamando xustiza. Só dous dos cinco acusados levan aparelladas agravantes de discriminación por orientación sexual: Catherine Silva e Diego Montaña. Varias testemuñas, entre elas a mellor amiga da vítima, din escoitar aos acusados proferir o insulto de "maricón de merda". Montaña iniciou a malleira cunha ameaza que foi escoitada até pola súa propia parella: "Voute matar, maricón".

Ao longo do xuízo fóronse revelando algunhas pistas ao redor desta cuestión. Unha das testemuñas que declararon expuxo unha conversa con Kaio Amaral, na que sobrevoa a posibilidade de que o móbil do crime fose a orientación sexual da vítima. A testemuña, amigo de Amaral, expón esta posibilidade e é daquela cando o acusado responde que "se cadra si morreu por ser gai". Esta mesma testemuña recoñece que os acusados eran "persoas agresivas" e admite que el "particularmente" si pensa que "ser gai estivo relacionado coa súa morte". O propio Kaio Amaral, durante a súa declaración, expuxo que a noite dos feitos Diego Montaña díxolle "que tivo un problema cun gai".

Flores en homenaxe a Samuel Luiz no lugar onde foi asasinado, nunha imaxe tomada o 12 de xullo de 2021 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os avogados de Montaña e Silva rexeitan a agravante da homofobia: "Non sei por que estamos a levar este xuízo a este folclore da homosexualidade"

O venres, os avogados de Montaña e Silva rexeitaron de plano a agravante. "Non sei por que estamos a levar este xuízo a este folclore da homosexualidade", asentiu o avogado da única muller acusada, quen rexeitou os "trazos homófobos" do crime aludindo á orientación sexual e identidade de xénero das amizades da súa representada. A defensa de Montaña negouse a "facer demagoxia con algo tan serio", pero esforzouse en reiterar que o primeiro golpe veu motivado "pola videochamada".

Este xoves, o avogado da acusación popular, Mario Pozzo-Citro -quen representa á organización LGTBI Alas Coruña-, asegurou que "o que che berran cando te matan é importante". E a Samuel matárono, lembrou,  "ao berro de maricón". Segundo declararon os forenses, non se atopou no seu corpo ningunha ferida defensiva e o seu corazón parouse até seis veces tras a agresión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.