Un paseo polas rúas máis mestizas da Galicia urbana: "En realidade, son todos de aquí"

Dous irmáns orixinarios do Senegal, no barrio da Sagrada Familia, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Unha viaxe no autobús que percorre a Ronda de Outeiro, a rúa máis longa da Coruña, achéganos unha mesturanza de acentos, idiomas e cores. De Labañou ata a Gaiteira, a liña 14 pasa lindeira cos barrios do Ventorrillo, Agra do Orzán, Sagrada Familia ou Os Mallos, áreas onde a mudanza de pel dunha Galicia urbana cada vez máis mestiza e multicultural obsérvase como en ningures. 

A Coruña é a cidade galega onde hai máis poboación nada no estranxeiro, a maioría nos barrios dos Mallos, Sagrada Familia, Ventorrillo e o Agra, onde adoita superar o 30%

Á habitual variedade de acentos galegos —do seseo da Costa da Morte á entoación chairega—, engádense diferentes melodías latinoamericanas en castelán e linguas africanas. De Colombia, Arxentina, Venezuela ou Senegal. Todas voces novas, como a poboación inmigrante que reside maioritariamente nestes barrios, nunha cidade onde un terzo dos seus habitantes entre 25 e 34 anos naceu fóra do Estado. Nun país, Galicia, onde máis do 11% da cidadanía é nada no estranxeiro, cifra cativa se a comparamos coa do resto do España, pero que medra con rapidez: un 22% en tres anos.

A Coruña é a cidade galega con maior presenza de poboación nada no estranxeiro (16,2%), un fenómeno concentrado fundamentalmente neses barrios a unha e outra beira da Ronda de Outeiro, onde os valores sitúanse e adoitan superar o 30%, chegando a acadar un máximo de case o 40% nalgunha zona. No Ensanche, por exemplo, está por baixo do 10%. 

"Non só non supón ningún problema, senón que necesitamos inmigración; é un proceso natural, lóxico e que xa se deu antes noutras partes de Europa", explica unha veterana médica de cabeceira do centro de saúde dos Mallos, unha das zonas con maior presenza de xente chegada doutros países, ao pé da Sagrada Familia, barrio que tamén atende e outro dos máis multiculturais. 

No centro de saúde dos Mallos, o 50% das persoas que se atenden son de orixe estranxeira: "Temos arredor dunha ducia de altas ao día"

"O 50% das persoas que atendemos a diario son de orixe estranxeira, a maioría delas en pediatría; temos arredor dunha ducia de altas diarias no sistema sanitario, unha tendencia que foi a máis despois da pandemia", explica un administrativo do mesmo centro de saúde, onde abonda unha ollada para obter unha radiografía social: persoas xubiladas chegadas hai décadas á cidade desde o rural e xente nova aterrada hai pouco desde Marrocos, Colombia ou Senegal. 

A Agra do Orzán segue a ser o distrito identificado como o de maior acollida de inmigración, con boa parte das súas rúas por riba cun 30% de poboación estranxeira e a vía peonil que o atravesa como paradigma da mestizaxe. Pero algo máis abaixo, na Sagrada Familia, atópase a sección censual con maior proporción de persoas chegadas de fóra do Estado, segundo datos do último censo. 

As rúas máis multiculturais

No epicentro deste popular barrio, canda a parroquia e o centro social, practicamente catro de cada dez persoas naceron no estranxeiro (39,24%). Unha mudanza profunda nunha zona que recibe o nome da entidade construtora benéfica que impulsou a súa urbanización desde os anos 60. Un espazo que se foi enchendo, ata os 80, de familias chegadas de todos os puntos de Galicia. Na cancha de fútbol onde antes xogaban os pequenos con orixe en Arzúa, Ortegal, Bergantiños, Soneira ou Terra Chá agora fano os de Colombia, Perú ou o Magreb

"A selección francesa de fútbol multirracial e multicultural xa era así hai 25 anos e agora comeza a pasar coa España de Lamine Yamal ou Nico Williams; é só unha consecuencia máis visible e mediática dunha sociedade plural e multirracial que en Galicia tamén é cada vez máis relevante", reflexionan profesionais sanitarios do centro de saúde. Abonda unha imaxe. A só uns metros deste ambulatorio, na coñecida como pista verde, apenas cinco cativos desafían o frío e os trebóns. Dous falan en árabe, outro loce pelo afro e dous irmáns senegaleses pásanse a pelota

"Levamos seis anos aquí e estamos moi contentos, a xente trátanos ben", explican na mesma portería onde Álex Bergantiños, capitán do Deportivo durante anos e veciño do barrio, deu as primeiras patadas á bóla. "Se cadra a futura estrela do Dépor acaba sendo algúns destes rapaces", ilusiónase algún veciño. 

Panorámica da zona con maior porcentaxe de poboación inmigrante en Galicia, no barrio coruñés da Sagrada Familia CC-BY-SA Praza Pública

"O racismo existirá sempre porque ignorantes hai en todos lados, pero aquí non o sentín nunca", di Pedro Martín, dominicano, no seu salón de peiteado

Nas conversas, e nestes tempos de impulso a partidos políticos e gobernos abertamente racistas, neste barrio —un dos máis pobres da cidade— non se albisca, polo xeral, problemática ningunha nin discriminación. Ratifícano os propios protagonistas. "O racismo sempre vai existir; mesmo no meu país, onde o 60% da poboación é negra, haino. Vaias onde vaias sempre vai haber algún ignorante, pero o certo é que aquí non o sentín nunca", explica Pedro Martín, dominicano que leva tres anos na Coruña e vén de montar un salón de peiteado na Sagrada Familia. "Síntome ben aquí, aínda que sempre botes de menos a terra; hai máis seguridade e máis oportunidades", conta. 

Son varios os negocios como o de Pedro nesta zona do barrio, atendidos maioritariamente por xente chegada do Caribe. A comunidade cubana é unha das importantes, pero menos que a de Colombia, Perú o Venezuela, as máis relevantes na zona. Dos menos de 1.600 habitantes nesta sección da Sagrada Familia, máis de 600 naceron fóra do Estado, sendo Latinoamérica a orixe máis repetida. Tamén de Ecuador, Brasil ou Bolivia. "Do meu país non somos moitos", di a dependenta dunha antiga tenda de ultramarinos. Con seis décadas de historia, as dúas últimas cunha familia do país andino á fronte, os tres únicos bolivianos do barrio segundo as estatísticas. 

Maioritarios na hostalería

"Eu volvería ao meu país, pero a miña filla xa non quere, ten a vida aquí e aquí estamos ben", explica a responsable, nunha frase e circunstancia tantas veces repetida pola emigración galega noutros tempos. A viaxe temporal de ida que virou nun improbable retorno e no asentamento definitivo. A súa pequena, galega e coruñesa, xa vai ao instituto. E súa nai vén de engadir ao mostrador dos grelos, das nabizas e das patacas un espazo dedicado a produtos importados de América do Sur. "Hai moita poboación latina na zona e hai bastante demanda", explica.

A só uns pasos, unha cafetería con nome e bandeira colombiana; na rúa lindeira, outra lugar habitual de reunión da comunidade peruana, pero, sobre todo, as tabernas e bares de toda a vida que aínda non sucumbiron no barrio con máis locais comerciais baleiros na Coruña. En todas elas, sen excepción á vista, os e as empregadas son emigrantes. "Na hostalería, coidando dos nosos maiores, na limpeza, na construción... Estes son os traballos que fan; e que fariamos sen eles!", expresa unha veciña, xa xubilada. 

Pedro Martín é dominicano e ten un salón de peiteado no barrio da Sagrada Familia, na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Pero non só. Á marxe dos salóns de peiteado, outros moitos negocios son impulsados por cidadáns con orixe foránea. Desde supermercados que venden produtos chegados de todo o mundo ata locais máis especializados, como o afro-market que atende Francis, de Nixeria, xunto ao seu irmán. Botou seis anos en Italia antes de recalar na Coruña, onde unha mala experiencia cunha contratación irregular levouno a implicarse no negocio familiar. "Aquí estou ben, contento", explica. Antes traballou "no andamio", como di el, e na refinería. Como outros emigrantes consultados, nega que sentise racismo, e define como "unha loita" o seu camiño cara ao asentamento en Europa. Cre que por fin deu co sitio. 

Francis, de Nixeira, atende un 'afro-market'; un ultramarinos con 60 anos de historia é rexentado por unha muller de Bolivia

Porque os inicios non son doados. Nalgúns casos, nada fáciles. Así o corrobora Aida, veciña e voluntaria na asociación benéfica Renacer, con sede ao pé da pista de fútbol. Foi fundada en 1987 para axudar xente con poucos recursos e daquela, principalmente, a persoas toxicómanas. Nun barrio onde a droga bateu con moita forza nos anos 80. Uns tempos, lembra a veciñanza, onde os problemas e a delincuencia eran habituais. Bastante máis que agora: "En comparanza, a situación é idílica na rúa". Quen di rúa, di lugar. Hai menos de 40 anos, a Ronda de Outeiro aínda non pasaba pola Sagrada Familia. O que hoxe é asfalto era terra.

A entidade benéfica Renacer atende unhas sete persoas inmigrantes ao día en busca de apoio burocrático ou con necesidades extremas

"Sempre atendemos xente inmigrante, pero é certo que  nestes últimos anos moito máis; hai quen vén para que lle axudemos nos papeleos, pero son moitos os que chegan sen nada, con necesidades extremas", explica Aida. O último caso, conta, o dunha muller embarazada sen case roupa. Foi unha das sete ou oito novas persoas inmigrantes que atende cada día a asistenta social. 

A asociación dispón de pisos para os casos de problemas habitacionais máis urxentes, asesora os que acaban aterrar e ten un banco de alimentos para o que hoxe fan fila un cento de persoas. "Vén moita xente de Marrocos, de Cuba e tamén de Venezuela; é certo que ultimamente máis... E máis que virán tal e como se poñen as cousas noutros países; a vitoria electoral de Trump e as súas medidas contra os inmigrantes farán que máis xente busque o seu futuro en España e tamén en Galicia", aventura Juan Eduardo, cofundador hai catro décadas dunha entidade benéfica que acumula unha listaxe de 13.000 persoas con dereito a axuda.

Cristiana é do Brasil, vive na Sagrada Familia e estuda FP CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

27 nacionalidades no colexio

Xente que busca un futuro, moita que acode á chamada familiar, ás redes de compatriotas que facilitan os primeiros pasos. E moita con pequenos que son escolarizados, na súa maioría, no CEIP Sagrada Familia, un centro cuns 500 estudantes, un terzo deles con orixe estranxeira (arredor de 160) e onde conviven 27 nacionalidades. Unha tendencia semellante aos dous institutos de secundaria vinculados á Agra do Orzán, con máis de vinte países representados entre o seu alumnado. 

"É toda unha riqueza pero tamén un desafío", explica Javier Matos, o director do colexio da Sagrada Familia. "Hai pequenos que chegan cun desfase curricular desde os seus países, cun nivel educativo inferior, polo que a diferenza de aprendizaxe é importante", explica. Ademais, engade, moitos nenos e nenas son escolarizados a metade de curso, cando chegan coas súas familias. "A orientadora valora o nivel académico e en función do seu ditame asígnaselle o curso que lle corresponde por idade ou un por baixo", aclara. Os reforzos, os asistentes e o afán dos docentes fan o resto nun centro que, como o resto de públicos, compensa con desvelo os atrancos. 

No colexio público hai 27 nacionalidades e un terzo do alumnado é de orixe estranxeira. "É unha riqueza pero tamén un desafío", di o director

Nalgúns casos, continúa, hai problemas co idioma porque hai pequenos que cando chegan "non entenden nin o castelán nin o galego". Pero Javier non se centra no negativo: "A multiculturalidade é moi beneficiosa polo que supón de ensinanza para o alumnado, que aprende a convivir, tolerar e apreciar outras culturas e formas de ver a vida". "Tamén aproveitamos esta riqueza na docencia, con actividades sobre as tradicións e festas dos países de orixe de cada compañeiro", explica o director. 

Mohamed, Dylan, Greatness, Winderlin o Grace Elizabet comparten colexio na Sagrada Familia. Tamén con Theo, que fala acotío de Marrocos e do seu soño de ir visitar Perú, países de orixe dos seus amigos. A súa nai, Cristiana, é brasileira, leva doce anos na Coruña e pasou antes tres en Valladolid: "É positivo que coñezan e aprendan tantas culturas". 

Actuación na pista de fútbol do barrio da Sagrada Familia, na Coruña, nunha foto compartida pola asociación de veciños CC-BY-SA AVV Sagrada Familia

"En realidade, son todos de aquí"

"Atópome ben aquí e, para ser sincera, a xente galega, polo xeral, tratoume mellor que noutros sitios", explica quen, con todo, lembra algún episodio racista que acabou mellor do agardado. "Ao pouco de chegar á cidade unha persoa insultoume pola rúa, enfronteime a el e acabei chorando... Axiña viñeron persoas a calmarme e darme o seu apoio e non sei se isto tería acontecido en todos lados", di. 

"Aquí tiven máis oportunidades que noutras cidades, onde o único que me ofrecían de traballo era ser camareira e pola noite; era impensable outra opción", continúa Cris, que estuda un ciclo de FP e pasa do castelán ao portugués coa mesma facilidade que os seus fillos, nados ambos na Coruña, reflexionan sobre a súa identidade. "Eles din que son de nai brasileira pero que son de España", di a muller. "Eu son galego", intervén o pequeno Theo. 

"Os papás dalgúns compañeiros de clase son de Venezuela, Perú, Honduras ou Colombia", terza noutra conversa Aine, neta daqueles que chegaron hai décadas, como tantos, dunha aldea do rural galego. Debate sobre a cantidade de orixes na súa aula de Primaria. "En realidade, son todos de aquí", insiste coa ollada inocente e máis lóxica. Nin máis, nin menos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.