O baloncesto como refuxio para os refuxiados de Santiago

Refuxiados nun adestramento co club de baloncesto de Fontiñas, en Santiago © ADB Fontiñas

Cunha axenda só ocupada por unha hora e media ao día de clases de castelán, a Agrupación Deportiva Fontiñas tenta manter activos a migrantes acollidos nun antigo colexio das aforas, que desexarían máis actividades e comida

O complexo de albergues do Monte do Gozo e as instalacións dun antigo colexio privado no outro extremo de Santiago, na Silvouta, acollen desde este verán varios centos de refuxiados ante a presión migratoria que se vive en Canarias. Os aquí trasladados polo Goberno de España non acababan de desembarcar senón que o fixeran hai uns meses e xa pasaran por outros centros de acollida doutros lugares da Península. 

Coa tramitación das súas solicitudes de asilo e residencia xa iniciada, a súa axenda só ten unha única ocupación, clases dunha hora e media diaria de lingua castelá, o primeiro paso para poder integrarse. Así que para paliar o aburrimento do resto do día, un club de Santiago, a Agrupación Deportiva de Baloncesto (ADB) Fontiñas, vén desenvolvendo con eles diversas actividades que ademais de mantelos activos axuda na súa integración.

Refuxiados nun adestramento co equipo de baloncesto de Fontiñas © ADB Fontiñas

Os dous centos de refuxiados do Monte do Gozo teñen o casco vello de Santiago a menos de 4 quilómetros camiñando, e en menos de 20 minutos están no barrio de San Lázaro, xa na cidade. Pero os algo máis dun cento de refuxiados da Silvouta teñen un paseo de máis dunha hora para chegar á cidade xa que non se lles facilitaron tarxetas de transporte público. Con bo tempo pódese velos sentados charlando nos arredores do centro que os acolle ou paseando de ida ou de volta a Santiago. Pero con mal tempo as súas posibilidades de entreterse redúcense. 

O antigo colexio Juniors da Silvouta no que foron aloxados pechou as súas portas na pandemia e despois foi acollendo outras actividades de diversas empresas, desde ocio infantil a cursos de formación. Hai instalacións deportivas, pero non teñen acceso libre a elas, e o exercicio é algo que coinciden en demandar varios dos refuxiados cos que falou Praza, homes entre 20 e 30 anos en boas condicións físicas.

En dúas semanas o club de Fontiñas logrou a doazón de 400 pares de zapatillas para que poidan xogar os refuxiados, que co outono avanzado aínda poden ser vistos camiñando en sandalias entre A Silvouta e o centro de Santiago

Así que o club de baloncesto de Fontiñas está a converterse no refuxio dos refuxiados. Unha mañá á semana xogadores e técnicos do club desprázanse á Silvouta e adestran alí con varias ducias de refuxiados, saiban xogar ao baloncesto mellor ou peor. Outra tarde á semana son algúns dos refuxiados máis comprometidos co baloncesto os que se desprazan ao adestramento do Fontiñas no seu pavillón. E cada varias semanas están organizando campionatos de baloncesto 3x3 con equipos mixtos de refuxiados e xogadores locais.

Zapatillas doadas recollidas polo Fontiñas para os refuxiados de Santiago © ADB Fontiñas

O club de Fontiñas tamén resolveu outro dos problemas co que se atopou, o de que os refuxiados non tiñan calzado adecuado para o deporte. É habitual mesmo co outono xa avanzado velos camiñando entre A Silvouta e o centro de Santiago en sandalias, así que conseguir para eles zapatillas deportivas foi outro dos retos do club, superado con creces. En dúas semanas foron quen de lograr a doazón de 400 pares de zapatillas deportivas.

O baloncesto converteuse así en refuxio para parte dos refuxiados da Silvouta, pero o día ten moitas horas e para algúns dos migrantes o antigo colexio segue facéndoselles pequeno. Unha proba de que necesitan máis actividades vivírona veciños da zona hai un tempo, cando unha choiva torrencial deixou o camiño de acceso enlamado. Un grupo de refuxiados, deses que co sol sentan nos muros a falar e deixar pasar o tempo, púxose mans á obra e dedicouse a limpar as rúas e accesos da zona.

Refuxiados conversan sentados ás portas do centro da Silvouta, en Santiago, que os acolle, no que eran as instalacións do antigo colexio Juniors CC-BY-SA Praza Pública

Precisan gastar enerxía, admiten varios en conversa con Praza. Por iso tamén algúns botan en falta algo máis de comida nos menús que lles dan no centro de acollida, cunhas instalacións nas que teñen que pasar moitas horas ao día pero que xa viviron os seus mellores momentos, segundo contan. Alí foron trasladados polo Goberno de España pero son organizacións non gobernamentais as que se encargan da xestión dos centros e da atención diaria dos refuxiados. 

O illamento do centro da Silvouta dificulta a integración dos refuxiados: "é importante estar con xente para falar mellor"

No caso da Silvouta, varios refuxiados consultados por Praza sinalan que a comida é boa, algo peor nas fins de semana, pero que a súa principal queixa é que en ocasións resulta pouca para os seus corpos mozos. As habitacións, que comparten en grupos de seis persoas, non están mal, pero os baños din que presentan peor estado. E "non hai televisión", algo que ademais de entretelos nos longos días de chuvia sen nada que facer os axudaría tamén a seguir perfeccionando o idioma. Porque tan lonxe do centro da cidade non teñen moitas posibilidades de falalo en persoa. "É importante estar con xente para falar mellor", explica un mozo de Senegal, un dos que mellor se expresa xa en castelán, que fai de intérprete para un compañeiro de Mauritania. 

Refuxiados paseando a carón do antigo colexio Juniors da Silvouta, en Santiago, onde están acollidos CC-BY-SA Praza Pública

Ademais, no centro da Silvouta "ás 11 da noite temos que estar durmindo", mentres que algúns que pasaron antes por outro centro en Alcalá de Henares lembran que alí non tiñan hora de recollida. Alí ou aquí, estes mozos só teñen palabras de agradecemento para unha das ONG que os está a atender, Accem, especializada en refuxiados, e piden que o xornalista traslade a quen competa a súa petición de máis comida, queixa que a Delegación do Goberno se compromete a comunicar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.