Refuxiados de primeira, refuxiados de segunda: fuxir da guerra en Mali para acabar nun limbo na Coruña

O grupo de refuxiados malienses que demanda asilo, ante a comisaría da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

Mali leva 12 anos en guerra, un conflito protagonizado polos grupos islamistas instalados no norte do país e que buscan facerse co control do Sahel e contra os que loita o goberno maliense apoiado por Rusia e outros países. A guerra leva tempo empurrando a milleiros de persoas ao exilio, buscando refuxio e asilo noutros países, entre eles España.

Dinguere Dansoko, Fode Diakité, Demba Sissoko, Demba Dembelé, Bonko Dembelé, Fily Sissoko e Fousseni Samoura chegaron en novembro nunha patera a Tenerife fuxindo da guerra en Mali. Seguen a agardar polo inicio do proceso para a obtención do asilo en España

O artigo 13 da Constitución española recoñece o dereito de asilo, que desenvolve na Lei de 2009, reguladora do deste dereito e da Protección Subsidiaria. O pasado ano 163.218 persoas solicitaron protección internacional en España, pero tan só o 12% viron recoñecido o dereito de asilo. O resto, viu denegada a súa solicitude ou esta permanece nun "limbo legal", en trámites que se cronifican ata o límite da legalidade ou mesmo incumprindo a normativa.

É o caso de Dinguere Dansoko, Fode Diakité, Demba Sissoko, Demba Dembelé, Bonko Dembelé, Fily Sissoko e Fousseni Samoura. Son malienses, entre 25 e 30 anos, e chegaron ás costas de Tenerife o 23 de novembro de 2023 nunha patera que saíra de Mauritania. Ao chegar a territorio español, indicaron que querían solicitar a Protección Internacional, un trámite que é practicamente automático e que só require dunha convocatoria por parte da Oficina de Asilo para a sinatura do documento de manifestación de vontade.

O grupo de refuxiados malienses demandantes de asilo, ante a comisaría da Coruña CC-BY-SA Praza.gal

Despois de oito meses agarando polo inicio dos trámites, a cita chegou poucas horas de enviar a convocatoria para unha rolda de prensa ante a Comisaría da Coruña. No prazo máximo de seis meses deberían ser chamados para unha entrevista persoal que valore a súa situación

Pouco despois foron trasladados das illas Canarias á Coruña, onde esperaban poder comezar os trámites de inmediado. Porén, os meses foron pasando e case oito meses despois aínda non foran convocados para a sinatura deste documento. O pasado venres o grupo de refuxiados, apoiados por persoal da ONG Accem, convocou para este luns pola mañá unha rolda de prensa ante a sede da Policía na cidade herculina. Poucas horas despois de enviar a convocatoria de prensa, recibiron a notificación da súa cita para a realización deste trámite, que completarán todos eles entre este luns e martes.

Este será, en realidade, o inicio dun longo camiño. No prazo máximo de seis meses deberían ser chamados para unha entrevista persoal que valore a súa situación e as razóns que os empurraron a deixar o seu país. A resolución da súa solicitude de protección persoal debería chegar nun prazo máximo doutros seis meses, un ano dende agora. 

"Pedimos protección internacional por unha causa moi grave, que é a guerra. Deixamos as nosas familias porque tiñamos medo polas nosas vidas. O que queremos é traballar", din

Os sete malienses reclaman á Delegación do Goberno en Galicia e á Oficina de Asilo da Coruña que "aceleren os trámites" para a obtención da protección internacional (a través do procedemento de protección subsidiaria) que xa acumula varios meses de atraso. E explican de "hai varios compañeiros que viñeron con nós na mesma embarcación" que xa acadaron esta Protección Internacional noutras cidades do Estado. Pola contra, a Oficina de Asilo da Coruña semella estar presentando uns atrasos moi por riba do normal.

A ONG ACCEM vén asegurándose do seu aloxamento e manutención. Porén, denuncian que a incerteza da espera e a preocupación por non contar aínda co asilo está a provocar un gran desacougo: "non conseguimos durmir ben, non temos apetito"

"Pedimos protección internacional por unha causa moi grave, que é a guerra. Dende 2012 Mali está en guerra, pero agora mesmo é a máis grave de África. Contra isto non podemos facer nada e é a razón pola que viñemos a España. Deixamos as nosas familias porque tiñamos medo polas nosas vidas", explicaron este luns nunha rolda de prensa conxunta na que estiveron acompañados de Seidy Diabi, residente dende hai 15 anos na Coruña e que exerceu de intérprete. 

"O que queremos é traballar", destacan, pero para poder facelo necesitan contar primeiro con esa protección internacional en base ao dereito de asilo. "Non nos sentimos benvidos en España", engaden.

"Os terroristas causan moito dano á poboación maliense: queiman os campos de cultivo e as colleitas, rouban o noso gando pola forza, secuestran homes novos para obrigalos a combater nos seus grupos terroristas...", explican sobre os ataques do Estado Islámico

Nos meses que levan na Coruña a ONG ACCEM, especializada na atención de persoas refuxiadas, vén asegurándose do seu aloxamento e manutención. Porén, denuncian que a incerteza da espera e a preocupación por non contar aínda co asilo "ao que temos dereito" está a provocar un gran desacougo: "non conseguimos durmir ben, non temos apetito", din.

En Mali os máis deles eran gandeiros, aínda que un deles estaba a estudar Medicina. Porén, os ataques terroristas obrigáronos a fuxir na procura dun futuro. "Os terroristas causan moito dano á poboación maliense. Non podemos viaxar en autobús porque os atacan, queiman os campos de cultivo e as colleitas, rouban o noso gando pola forza, secuestran homes novos para obrigalos a combater nos seus grupos terroristas...", explican sobre os ataques do Estado Islámico.

Localización de Mali en África Dominio Público

Os datos do Dereito de Asilo en España

O pasado ano tan só se aceptaron o 12% das solicitudes de asilo. Porén, a maioría de solicitantes que chegaron fuxindo da guerra de Mali si viron recoñecido o dereito á protección subsidiaria

Os casos de Dinguere Dansoko, Fode Diakité, Demba Sissoko, Demba Dembelé, Bonko Dembelé, Fily Sissoko e Fousseni Samoura son apenas sete exemplos da situación que viven decenas de milleiros de refuxiados. No ano 2023 a Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio del Interior recibiu 163.218 solicitudes de protección internacional, un 37% máis que no ano anterior e un novo máximo histórico. Venezuela e Colombia foron os principais países de orixe dos solicitantes. 

Porén, tan só se concederon 7.521 estatutos de refuxiado (sobre todo para persoas procedentes de Afganistán, Siria, Nicaragua, Colombia e Honduras) e tramitouse a protección subsidiaria para 3.850 persoas, principalmente procedentes de Mali. En total, resolvéronse favorablemente apenas o 12% das solicitudes de asilo, polo que o 88% foron denegadas. Ademais, a 41.478 persoas, venezolanas na súa meirande parte, foilles concedida residencia e traballo "por razóns humanitarias" durante un ano. E, así mesmo, 33.928 persoas procedentes de Ucraína recibiron o réxime de protección temporal.

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado denuncia que "as dificultades para acceder ás citas para manifestar a vontade e formalizar as solicitudes séguense cronificando e deixando milleiros de persoas nun limbo legal durante meses, o que vulnera a Directiva Europea de Procedementos"

A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado criticou "o descenso de resolucións favorables", de 16,5% de 2022 ao 12% de 2023, moi lonxe da media da UE, que se sitúa no 40%. Así mesmo, salientou o forte incremento da peticións de asilo "malia aos enormes e graves obstáculos que están tendo as persoas para acceder ao procedimento de asilo" e denuncia que "as dificultades para acceder ás citas para manifestar a vontade e formalizar as solicitudes séguense cronificando e deixando milleiros de persoas nun limbo legal durante meses, o que vulnera a Directiva Europea de Procedementos". 

O dereito á protección subsidiaria, que é o que solicitan os sete malienses que se atopan na Coruña, é o que corresponde a persoas que "sen reunir os requisitos para seren recoñecidas como refuxiadas" están nunha situación na que "se dan motivos fundados" para crer que "se regresasen ao seu país de orixe se enfrontarían a un risco real de sufrir algún dos danos graves como a morte, tortura, ameazas contra a integridade, etc". No ano 2023 o 98,8% das solitudes de persoas procedentes de Mali foron resoltas favorablemente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.