A UE teima nas deportacións masivas de persoas refuxiadas entre a oposición cidadá

Concentración contra o acordo en Vigo CC-BY-SA Mar de Lumes

Á procura de esquivar a lei para poder realizar deportacións masivas a Turquía das persoas refuxiadas. É o punto no que se atopan as autoridades da Unión Europea, que dende este xoves discuten ao máximo nivel o acordo bosquexado entre a Comisión e o Goberno de Turquía con só unha cautela: procurar un mecanismo para pechar o pacto sen transgredir formalmente as normas internacionais que impiden expulsións colectivas. Fanno mentres nas rúas de vilas e cidades de todo o continente, tamén en Galicia, rexeitan por "inhumana" a política da UE cara ás persoas que foxen da guerra e da miseria.

Mentres se suceden as peticións de "pasaxe segura" ou, simplemente, de "humanidade", o equipo de Jean-Claude Juncker traballa no encaixe do pacto na legalidade internacional. Segundo informa dende Bruxelas Pablo García para eldiario.es, esa adaptación presentouse nos últimos días como obrigatorio tras as críticas recibidas ás expulsións colectivas. A nivel xurídico non é sustentable un acordo que inclúa o rexeitamento colectivo a demandantes de asilo porque así o decretan os artigos 35 e 38 da Directiva comunitaria sobre os procedementos de asilo, o artigo 19 da Carta Europea de Dereitos Fundamentais e a Convención de Xenebra.

O arranxo podería ter dúas vertentes. Por unha banda, permitir que soliciten asilo os migrantes chegados a Grecia e asegurar o seu  proceso de expulsión a Turquía. A outra a insinuaba este mércores a Comisión: unha petición de asilo pode non recoñecerse "cando unha persoa xa fose recoñecida como refuxiada ou xa goce de protección suficiente nun primeiro país de asilo, ou cando unha persoa chegase á UE desde un terceiro país seguro". E quen serría este país? Parece que Turquía. Grecia, pola súa banda, deberá modificar a súa lexislación porque non recoñece tal categoría a Turquía, o seu inimigo histórico.

As cifras comprometidas

O chamado programa de reasentamento 1:1 (un sirio por cada novo refuxiado expulsado) incluirá as 18.000 prazas que aínda non se cubriron dos 22.000 migrantes que os Estados membros se comprometeron a reasentar no acordo do pasado mes xullo.

Aínda están no aire as 54.000 persoas que debían recolocarse dende Hungría pero que o Goberno de Orban vetou

Hai lagoas con estas 18.000 prazas. Para empezar, varias fontes comunitarias recoñecen que esa cifra se alcanzará en poucos días. Doutra banda, a cifra dos 160.000 demandantes de asilo que debían ser recolocados na UE desde Grecia e Italia mantense -polo momento os reacollidos non chegan ás mil persoas-. Este proceso de traslado de migrantes desde ambos os estados membros non cambiará e os estados membros comprometidos deberán seguir recibindo a migrantes.

Pero aínda hai unha cifra no aire: as 54.000 persoas que debían recolocarse desde Hungría -pero que por decisión de Viktor Orban, non participou na repartición de cotas obrigatorias- parece que poderían chegar finalmente desde Turquía no marco do novo acordo. "Se fose necesario, recorrerase ás 54.000 prazas non asignadas con arranxo aos acordos de recolocación existentes", indicou unha voceira.

Acordo no Congreso e mobilizacións

Centos de persoas rexeitaron nas rúas galegas a "vergoña" do acordo con Turquía

Neste contexto, o Goberno de España deberá defender en Bruxelas o acordo de 11 puntos consensuado no Congreso dos Deputados. Este primeiro pacto da lexislatura implica que o Executivo en funcións que preside Mariano Rajoy deberá rexeitar o acordo coas autoridades turcas se este inclúe as expulsións colectivas de migrantes. "Manifestamos a nosa oposición á adopción de calquera acordo con Turquía que estableza expresa ou indirectamente a posibilidade de proceder a expulsións colectivas a territorio turco ou a calquera Estado non membro da UE", di o acordo.

Mentres todo isto sucede no campo de persoas refuxiadas de Idomeni, na fronteira entre Grecia e Macedonia, a lama segue a cubrir a milleiros de persoas. Nas rúas galegas, como nas de moitos puntos de Europa, ínstase os gobernos a poñerlle fin a esta "vergoña" e a garantir de vez o dereito de asilo, a comezar polo acollemento das persoas ás que o Estado español se comprometeu a recibir.

Concentración na Coruña CC-BY-SA Podemos
Mobilización en Santiago CC-BY-SA Anova
Protesta en Ourense CC-BY-NC-SA UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.