Concellos de todo signo abren a porta ás persoas refuxiadas e instan o Estado a tomar exemplo

Acto a prol da acollida das persoas refuxiadas en Lugo © Concello de Lugo

"É a hora de que o Goberno central asuma a súa responsabilidade". Foi unha das mensaxes máis repetidas nos sete actos que, noutros tantos concellos galegos, amosaron este sábado a vontade dos gobernos locais para acoller persoas refuxiadas e, ao tempo, para esixir que o Executivo español cumpra "cos seus compromisos en materia de reubicación e reasentamento", toda vez que das máis de 17.300 persoas que asumiu recibir no marco do acordo co resto da UE "só chegaron 1.141", o 1,2% do continente, segundo datos que recompila Amnistía Internacional.

Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Ribeira foron o escenario da acción 'Inauguramos cidade', que no caso galego representou a "disposición" á acollida de ata unha ducia de municipios, tanto urbanos como vilegos, caso do Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Manzaneda, Teo ou Rianxo. Os concellos, explica a voceira de Amnistía en Galicia, Margarita González, únense así ao "berro social de solidariedade" mentres as autoridades estatais "seguen coas súas cifras ridículas".

"Queremos facer chegar esta mensaxe ao Goberno central: é hora de que asuma a súa responsabilidade, España pode e debe acoller a máis persoas", resume González, quen agarda que "nos próximos meses" máis gobernos locias "fagan públicas as súas cifras" de prazas de acollida. Nos actos deste sábado, por exemplo, o Concello de Santiago subliñou o seu compromiso de acollida con dez familias de persoas refuxiadas, e en Lugo no acto conxunto do consistorio e a Deputación o Concello ofreceu "os pisos de emerxencia dos que dispón e o albergue municipal" para poder facer fronte "á situación humanitaria de emerxencia".

"Queremos facer chegar esta mensaxe ao Goberno central, é hora de que asuma a súa responsabilidade"

Nos actos celebrados este sábado as intervencións de responsables municipais alternáronse coa inauguración simbólica das cidades como espazo refuxio e, nalgúns dos actos, como os de Vigo e Lugo, con palabras de persoas refuxiadas que xa foron acollidas. No conxunto do Estado, indica a entidade organizadora dos actos, hai xa 55 municipios que ofreceron máis de 2.500 prazas de refuxio.

Con actos coma este Amnistía tenta que a "concienciación" social cara ás persoas refuxiadas non fique "arrefriada" e se manteña na axenda pública a necesidade "de que se abran rutas legais e seguras para que quen fuxen da guerra e da persecución non teña que arriscarse a morrer no mar, no deserto ou ser vítimas de abusos, violencia sexual e explotación a mans de traficantes, bandas armadas e redes de trata".

Acto de Amnistía a prol da acollida, en Santiago © Amnistía Internacional
Acto a prol da acollida na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.