O Monte do Gozo, como Monterroso, Becerreá ou Mondariz-Balneario, acolle dous centos de refuxiados chegados a Canarias en patera
Son as once da mañá do primeiro mércores de setembro e no Monte do Gozo o termómetro marca 18 graos. Polo Camiño de Santiago pasan ducias de peregrinos suando, co sorriso na cara de quen está a piques de rematar o que ten entre mans. A apenas unha ducia de metros desa ringleira de camiñantes tres refuxiados de Malí e Costa de Marfil tentan entrar en calor, sentados ao sol con abrigos de inverno, gorros de la e capuchas.
Son tres dos dous centos de migrantes que acolle desde hai un mes o complexo da Xunta con capacidade para un milleiro de persoas que o mesmo vale como albergue de peregrinos, residencia de estudantes, lugar de concertos ou aloxamento para refuxiados, sexan de Ucraína ou de África. Como estes tres que falan para o xornalista do seu camiño, do que xa recorreron e do que esperan ter por diante.
A Mamadou, de Malí, ilumínaselle a cara cando escoita que o saúdan cun "anisogoma", bos días en bambara, a principal lingua vernácula do seu país. Tamén fala francés, pero apenas unhas palabras de inglés e castelán, do que está a recibir clases. Así que a conversa vaise desenvolvendo coa axuda do tradutor automático do móbil e coas moitas ganas de comunicarse que ten Mamadou, que acaba contaxiando a Amadou e a Abudu.
Entre clases de castelán e paseos por Santiago os refuxiados, que non perden a conta dos días que levan fóra da súa casa, fan plans en Madrid, Barcelona ou no agro: "Se atopo calquera traballo, vou traballar no que sexa"
Mamadou ten 25 anos e hai catro que saíu de Kaï, en Malí. Pasou por Mauritania e acabou chegando a Canarias en patera, como os seus compañeiros. Desde alí, foi trasladado a Alcalá de Henares, onde estivo catro meses, e agora leva "un mes e catro días", non perde a conta, en Santiago. En Malí era agricultor, pero aquí está disposto a traballar no que sexa. "Se atopo calquera traballo, eu vou traballar no que sexa", asegura, e di que lle gustaría aprender fontanería.
Ao seu carón senta Amadou, de 23 anos, que tamén pasou de Mauritania a Canarias. El era electricista pero tamén está disposto a traballar no que sexa. E algo máis atrás, falando por teléfono antes de unirse á conversa, está Abudu, de Costa de Marfil, de onde saíu hai "un ano e nove meses".
Ningún deles perde a conta dos días que leva fóra da casa e lonxe dunhas familias coas que "hai moitos problemas para falar, alí as comunicacións son moi difíciles", di Mamadou, cuxa cara ata agora sorrinte amosa un aquel de tristura. Transmiten os tres unha soidade que tentan combater con estas charlas ao sol, coas clases de castelán que están a recibir e con paseos entre o Monte do Gozo e o centro da cidade, por onde se ven estes días grupiños de refuxiados confundidos entre os peregrinos.
En Santiago están ben, din, pero o seu obxectivo non é quedar aquí. En España si, eles non queren ir a Francia ou outro lugar de Europa máis afín polo idioma. Pero Galicia fáiselles fría e na boca de Amadou está Madrid e na de Mamadou Barcelona, ou calquera lugar no que poida amosar a súa experiencia no agro.
Os refuxiados esfórzanse en amosar a documentación que lles permite traballar mentres se tramitan as súas solicitudes de residencia
E nesas está a conversa cando dous peregrinos de mediana idade, talvez algo máis de 40 anos, afástanse do camiño e achéganse, dirixíndose ao xornalista, confundido con algún tipo de asistente ou acompañante dos refuxiados. "Perdón, escoitamos que falabades de traballo, nós somos de Xaén e precisamos xente para traballar no campo, xa temos un de Malí", din directamente. Así que a conversa deriva nunha aclaración de que o xornalista non é máis que xornalista e que os refuxiados acaban de chegar e aínda están aprendendo o idioma.
Os dous de Xaén, que comezaron o Camiño en Sarria, deciden desviarse del uns metros para dirixirse ao edificio central do Monte do Gozo e preguntar como poden contratar xente. E despídense dos tres refuxiados confesando que tamén eles están a sufrir o fresco verán galego.
Os tres que comezaron o seu camiño na África subsahariana seguen conversando co xornalista e insístenlle en que publique que poden traballar mentres se tramitan as súas peticións de asilo ou residencia. Así o contempla a lei, como se esforzan en amosar nas súas documentacións.
A conversa vai rematando e o xornalista, tras facer moitas preguntas ao tradutor automático e anotar moitas respostas do tradutor automático, dilles que el xa preguntou moito. Que se queren preguntarlle algo a el. "Que podes facer por nós?", di Mamadou. "Só podemos contar o que vos pasa para que vos axuden", é a resposta que sae no momento. "Iniche", din en bambara. "Merçi".