O Goberno de España prevé o acollemento dunhas 470 persoas migrantes en Galicia e a Xunta esgrime que soubo por vía "extraoficial" que serán "máis de 700"
Os feitos: o Goberno de España prevé que arredor de 470 migrantes, que segundo informou a algúns medios son principalmente persoas refuxiadas que foxen da guerra dende Malí e chegaron a Canarias, sexan acollidas en Galicia. A comezar por algo máis de 200 que chegarían a Santiago a vindeira semana para un primeiro acollemento nas instalacións do Monte do Gozo, que ademais de albergue de peregrinos funcionou noutrora como residencia universitaria.
O Executivo central, a través do seu delegado en Galicia, Pedro Blanco informou ao respecto á Xunta mediante conversas co presidente por iniciativa de Alfonso Rueda, di o Executivo galego. Mentres, o Goberno de Galicia esgrimiu en público que, en realidade, chegarán a Galicia "máis de 700 persoas" migrantes. Sábeno, argumentou a conselleira de Política Social, Fabiola García, "de forma extraoficial", por tras.
Estas foron as pezas esenciais do enésimo tirapuxa entre ambos gobernos, desta volta a conta da acollida de persoas migrantes. Un tirapuxa que, non obstante, semella arrefriar dende últimas horas deste pasado xoves, cando a delegación gobernamental fixo pública a apertura dunha "canle de comunicación fluída e constante sobre a chegada de persoas migrantes a Galicia, que coordina o Goberno". Así o acordaron Blanco e Rueda nunha nova conversa, afirman
A Delegación do Goberno de España dá por aberta unha "canle de comunicación constante" coa Xunta e confirma que o primeiro grupo de persoas acollidas chegará a Santiago. Outros destinos serán Monforte, Allariz ou Becerreá, cuxo Concello expresa a esperanza de que os migrantes poidan ficar na contorna
"O primeiro grupo de persoas chegará nos próximos días ao Monte do Gozo, en Santiago", ratificou nesa mesma comunicación pública a delegación gobernamental. Previamente, Pedro Blanco puxera o foco en que "tanto o desprazamento como a manutención e calquera outra necesidade" das persoas que cheguen a Galicia para procurar aliviar esta "emerxencia humanitaria" serán "atendidas con fondos do Goberno". "Non vai supoñer ningún gasto para os concellos nin para a Xunta", resalta.
"Estas persoas -sinalaba Blanco o pasado mércores- serán atendidas en diferentes localidades galegas, en albergues e hostais cos que xa se contactou e acordou a esta acollida a través de entidades que traballan co Goberno dende hai anos" desenvolvendo o Programa de Acción Humanitaria. Así, por exemplo, o Concello de Becerreá confirmaba o pasado xoves a El Progreso que ten coñecemento da acollida de 63 destas persoas refuxiadas nunha pensión da localidade. O alcalde, Manuel Martínez, expresa a súa esperanza de que poidan ficar na contorna "e facer a súa vida".
Nun sentido semellante a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reitera a disposición do goberno local da capital de Galicia para "arrimar o ombro". "Non se pode xogar coas persoas que están sufrindo", sinala a rexedora compostelá, que ofreceu a colaboración do consistorio "para o que faga falta", se ben subliña que ten coñecemento de que o groso do dispositivo depende das entidades que colaboran co estado neste labor.
A conselleira Fabiola García acusa o Estado de "ocultar información" e esixe saber "cando van chegar, onde se van aloxar e que necesidades sanitarias teñen" as "catrocentas e pico" persoas migrantes do "reparto inicial"
Monforte, Ourense ou Allariz serían, segundo as confirmacións que foi realizando a delegación gobernamental, outros dos destinos previstos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, outros dos destinos destas persoas. Na súa asistencia colaboran organizacións non gobernamentais como Provivienda, colaboradoras habituais nestes programas.
O ton conciliador das mensaxes emitidas polas institucións contra o remate este xoves contrasta coas declaracións realizadas poucas horas antes pola conselleira de Política Social, que puxo o foco en que o Estado teima en "ocultar información" sobre a chegada de migrantes a Galicia, obrigando a Xunta a "enterarse por tras". Estas persoas, di García, "merecen que nos digan que criterios de reparto se están empregando para distribuír sa persoas migrantes e cando van chegar" para "ter un dispositivo preparado", sobre todo en materia sanitaria, argumenta.
Sobre as "catrocentas e pico" persoas do "reparto inicial", di a conselleira, o que "pide" a Xunta é coñecer "cando van chegar, onde se van aloxar e que necesidades sanitarias teñen". Especula tamén García coa posibilidade de que "no medio de todo ese grupo de persoas poidan chegar menores" que precisen de tutela, se ben o Goberno de España distingue entre estes acollementos e os de nenas, nenos e adolescentes non acompañados.