Así se monta (e desmóntase) un bulo xenófobo: o caso de Mondariz-Balneario

Montaxe dalgún dos medios empregados para lanzar o bulo sobre unha imaxe das instalacións do hotel no que se aloxan os refuxiados dende o 1 de setembro ©

O concello pontevedrés foi vítima durante os últimos días dunha mentira lanzada dende redes e pseudomedios da ultradereita que afirmaba que 200 refuxiados de Mali estaban aloxados nun colexio, compartindo espazo co alumnado e que as familias foran advertidas de que as nenas non debían levar saia

Dende 1925 o concello de Mondariz-Balneario leva con orgullo o título de "Moi Hospitalaria Vila". Foille concedido polo rei Afonso XIII e o ditador Primo de Rivera no momento da constitución do concello -do que este ano se celebra o centenario- en agradecemento polo "bo trato que os veciños lle deparaban nas súas frecuentes visitas á Vila", segundo destaca a web municipal

Este carácter hospitalario quedou demostrado unha vez máis este mes de agosto coa chegada de duns 200 refuxiados procedentes maioritariamente de Mali, país que sofre dende hai anos unha cruenta guerra civil. Forman parte do grupo de refuxiados acollidos en Galicia -no Monte do Gozo compostelán, Monterroso ou Becerreá, ademais de Mondariz-Balneario- procedentes de Canarias, no marco do esforzo realizado polas distintas comunidades autónomas para evitar a saturación que se estaba a producir nos centros das illas ante o incremento das chegadas de persoas na procura de asilo.

Casa do Concello de Mondariz-Balneario CC-BY-SA HombreDHojalata

O grupo de refuxiados foi aloxado inicialmente nas instalacións do colexio Marcote Mondariz, que no verán se converte en campamento. A partir do 1 de setembro, antes do inicio do curso escolar, foron trasladados ao Hotel Cemar, situado nas proximidades do centro escolar

O grupo de refuxiados foi aloxado inicialmente nas instalacións do colexio Marcote Mondariz, que no verán se converte en campamento. A partir do 1 de setembro, antes do inicio do curso escolar, foron trasladados ao Hotel Cemar, situado nas proximidades do centro escolar. Nos días en que o grupo de inmigrantes estivo no colexio unha muller gravou un vídeo dos refuxiados ocupando as instalacións, acompañado de comentarios que incorrían en numerosas falsidades e incorreccións sobre os espazos que durante o curso escolar ocuparían os solicitantes de asilo.

O vídeo comezou a difundirse en agosto. Porén, foi a partir do 15 de setembro cando o vídeo se viralizou e acadou difusión en todo o Estado, grazas sobre todo á súa publicación por parte de contas de ultradereita que con frecuencia comparten noticias falsas, como Sr.Liberal, que en X acompañaba a peza deste comentario: "Os pais do Colexio de Mondariz-Balneario remítenme este vídeo; meteron 200 inmigrantes de Malí nun concello de 700 habitantes. E ollo a isto, a Dirección do colexio aconsellou aos pais das nenas que non leven saia, xa que os menores terán que convivir con eles nas mesmas instalacións. Os pais están atemorizados. Que toda Galicia e toda España saiba o que está pasando".

Porén, un vídeo gravado en agosto no colexio foi difundido a partir deste 15 de setembro, amosando os migrantes no centro e incluíndo varias mentiras para crear un clima de temor cara aos refuxiados

A publicación suma cinco días despois 17 mil gústames e 1.600 comentarios, foi compartida 11 mil veces e o vídeo achégase a dous millóns de reproducións. O vídeo e esta mensaxe foron difundidos por outras contas de ultradereita nesta e noutras redes sociais, ademais de facelo en canles de Whatsapp e Telegram. Non só incluía información incorrecta -o 1 de setembro todos os refuxiados foron realoxados no hotel e as instalacións escolares ficaron baleiras, preparadas para acoller o alumnado que iniciaba o curso-, senón directamente mentiras intencionadas, pois en ningún momento houbo mensaxe ningunha aconsellando non levar saia ou recomendacións semellantes.

Buscábase espallar en todo o Estado un bulo xenófobo a través das redes sociais, semellante ao que a ultradereita difundiu nas últimas semanas en Alcalá de Guadaira (Sevilla), onde se creou unha nova falsa sobre unha agresión sexual a unha muller supostamente cometida por algún dos refuxiados aloxados nun hotel desta localidade. Tamén en Mocejón (Toledo) se tentou vencellar a refuxiados co apuñalamento dun neno de 11 anos (levado a cabo por un menor de orixe española con problemas mentais). A ultradereita española buscaba repetir o éxito dos bulos xenófobos lanzados pola ultradereita británica no mes de agosto nos días posteriores aos asasinatos de Southport.

O bulo creado pola ultradereita estendeuse por redes sociais e pseudomedios de comunicación ©

Buscábase espallar en todo o Estado un bulo xenófobo a través das redes sociais, como se fixo nas últimas semanas en Alcalá de Guadaira ou Mocejón, imitando o sucedido no Reino Unido, entre outros países

As mentiras espállanse con rapidez, sobre todo se quen a recibe non ten forma de confirmar por si mesma -sobre o terreo- a súa veracidade e se, ademais, os medios de comunicación perderon a confianza da poboación. Por suposto, a cidadanía de Mondariz Balneario era coñecedora de que os refuxiados xa non ocupaban as instalacións do colexio e os pais e nais do seu alumnado non recibiran mensaxe ningunha da Dirección, pero os bulos buscan estenderse lonxe dos lugares aos que aluden, creando sobre todo climas de opinión no conxunto da sociedade.

Con todo, o bulo perdeu forza grazas á rápida e decidida reacción do Concello de Mondariz-Balneario e do seu alcalde, César Gil Bernárdez (BNG). Pouco despois de que comezaran a circular as mensaxes dos grupos ultra referidas ao suposto "temor" existente na localidade pola presenza dos refuxiados, o rexedor explicou a través de varios servizos de verificación como Maldita.es ou VerificaRTVE que os migrantes "non conviven nin comparten ningún tipo de servizo cos alumnos do centro".

Con todo, o bulo perdeu forza grazas á rápida e decidida reacción do Concello de Mondariz-Balneario e do seu alcalde, César Gil Bernárdez (BNG), que explicou a realidade e contestou as mentiras lanzadas pola ultradereita

Gil Bernárdez respondeu tamén á mentira en relación ás saias das alumnas e mesmo explica que "eu estiven na xuntanza dos pais coa dirección do centro e coa ONG que leva aos migrantes [Accem] e en ningún momento se recomendou que cambiaran a súa vestimenta, para nada". O rexedor subliñou que a cidadanía de Mondariz-Balneario está "tranquila" coa presenza dos refuxiados na hospitalaria localidade e subliña que o asumiron "coa mesma normalidade que cando se acolleu aos inmigrantes ucraínos", engadindo que ao Concello non foi veciño ningún "a pedir explicacións ni a queixarse nin a manifestar ningún tipo de repulsa”.

César Gil Bernárdez, alcalde de Mondariz-Balneario © BNG Mondariz-Balneario

As mentiras espállanse con rapidez, sobre todo se quen a recibe non ten forma de confirmar por si mesma -sobre o terreo- a súa veracidade e se, ademais, os medios de comunicación perderon a confianza da poboación

O alcalde si tivo que responder a algunhas chamadas e correos electrónicos chegados dende lonxe da localidade, aí onde a mentira tiña a capacidade de ser crida e convertida en noticia. As mensaxes lanzadas inicialmente a través das redes sociais foron amplificadas posteriormente por algúns medios de comunicación de extrema dereita, que se ocupan habitualmente de dar difusión e verosimilitude aos bulos iniciados no centro da fachosfera.

Porén, a contudencia do Concello de Mondariz-Balneario e da propia ONG Accem en desmentir os bulos, que sempre se apoian nalgún elemento de verosimilitude -neste caso o vídeo gravado en agosto no colexio-, unido ao traballo das entidades de verificación de noticias, axudaron a limitar a extensión e o impacto da mentira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.