A espiral de mentiras lanzadas polo Goberno de José María Aznar e sostida nos anos seguintes nunha extravagante teoría da conspiración abriu a espita para un modo de actuación que hoxe nos é familiar, baseada en bulos e fake news, en campañas de acoso e de intoxicación comunicativa
O 11 de marzo de 2004 tivo lugar o peor atentado terrorista da historia de España. No tren que ía a Atocha morreron 193 persoas, nun ataque que case de inmediato foi reivindicado por Al-Queda, pero cuxa autoría foi atribuída a ETA durante máis de dous días polo Goberno de José María Aznar nun intento de garantir unha victoria do PP nas eleccións xerais do 14 de marzo. Nesas xornadas houbo heroes e viláns e construíuse dende o centro do poder político unha mentira que algúns medios sostiveron nos anos seguintes nunha extravagante teoría da conspiración que nin sequera a sentenza xudicial puido acalar por completo.
No vixésimo aniversario dos atentados Víctor Sampedro (Viveiro, 1966) publica Voces del 11M. Víctimas de la Mentira (Planeta), no que conversa con vítimas (Pilar Manjón, Eulogio Paz e Aitziber Berrueta) e tamén con tres xornalistas (José Antonio Zarzalejos, Gumersindo Lafuente e José Antonio Martínez Soler) e dous policías (Juan Jesús Sánchez Manzano e Rodolfo Ruiz) que se mantiveron fieis á realidade dos feitos á pesar da presións dos aparellos políticos e mediáticos que promovían falsidades sobre o sucedido.
Todos eles e elas pagaron "un alto prezo". Algúns, primeiro, coa morte dos seus seres queridos, e todos, despois, coa "espiral de mentiras" difundida por políticos e medios da dereita. Unha espiral de mentiras que abriu a espita para un modo de actuación que hoxe nos é familiar, baseada en bulos e fake news, en campañas de acoso e de intoxicación comunicativa. Víctor Sampedro, catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política na URJC, busca contribuir a restaurar a convivencia e a reivindicar a memoria democrática nunha obra cuxos dereitos de autor se destinan á Asociación 11-M Afectados del Terrorismo.
"O negacionismo electoral do PP remóntase ás últimas eleccións que gaña Felipe González e o ambiente da esfera pública xa viña crispado dos anos anteriores ao 2004. Que sucede o 11M? O bulo instálase nos centros de poder. Este é un bulo que parte do centro do sistema e das propias cloacas do Estado"
As mentiras lanzadas polo Goberno o 11, 12 e 13 de marzo anticipan unha serie de estratexias de fake news, de bulos, de campañas mediáticas que hoxe son habituais especialmente na prensa conservadora? Todo isto comeza en 2004 ou temos que buscar o seu inicio nun momento anterior?
En realidade isto continuaba algo que xa viña de antes. O negacionismo electoral do PP remóntase ás últimas eleccións que gaña Felipe González e o ambiente da esfera pública xa viña crispado dos anos anteriores ao 2004. O termo crispación nace de feito nos anos 90 e tanto FAES como a Fundación Alternativas acúsanse mutuamente de ser polos de crispación.
Que sucede o 11M? Que esas dinámicas se desatan nunha crise brutal de seguridade pública e do sistema antiterrorista, que se demostra incapaz de lidar cunha ameaza que é moito máis grandes que as que houbera previamente. E tamén nun momento no que o sistema político-informativo herdado do 78 implosiona. O bulo instálase nos centros de poder. Este é un bulo que parte do centro do sistema e das propias cloacas do Estado.
"O recurso á mentira e aos bulos é unha arma que na actualidade está a empregar a dereita e non a esquerda. A razón é que os conservadores queren conservar a realidade e os seus privilexios e nun tempo de incerteza e crise só poden facelo a través desta vía"
Pero hai dinámicas que vemos nos últimos anos, protagonizadas por medios de comunicación de extrema dereita, e por políticos de ultradereita, que si teñen o seu punto de partida na defensa das teorías da conspiración que a partir de 2004 lanzaron cabeceiras conservadoras...
O núcleo dixital conspiranoico, o bastión da fachosfera, que é Libertad Digital, finánciase con diñeiro B procedente da trama Gürtel do PP precisamente por alentar este bulo. Eses medios na actualidade están moito máis empoderados, con carteiras de publicidade que inclúen as grandes empresas do IBEX-35 e con publicidade institucional, e constitúen unha rede mediática que lembra moito aquela Brunete mediática da que se falaba nos anos 90. Un mapa mediático moi escorado cara á dereita e que crea unha polarización que é asimétrica. O recurso á mentira e aos bulos é unha arma que na actualidade está a empregar a dereita e non a esquerda. A razón é que os conservadores queren conservar a realidade e os seus privilexios e nun tempo de incerteza e crise só poden facelo a través desta vía.
"Pasan á ofensiva porque teñen que defender a súa mentira. Teñen que facelo porque doutro xeito terían que asumir que levan vinte anos mentindo. Pero é que ademais a mentira dálle réditos"
Nas últimas semanas vimos como algúns think tanks da dereita, como FAES seguen a defender teorías da conspiración que hai tempo que foron desmontadas tanto xornalistica como xudicialmente...
20 anos despois seguen instalados na mentira. No vinte aniversario da masacre a FAES lanza un comunicado que se titula exactamente como a faixa daquela manifestación -Con las víctimas, con la Constitución, por la derrota del terrorismo- e que resume o apropiacionismo das vítimas, a usurpación da súa identidade e do texto constitucional. Seguen falando dun “autor intelectual”, é dicir, criminalizando a aqueles que non pensan coma eles e dicindo que non hai ningún documento que descarte a autoría de ETA. Claro que non, tampouco hai ningún documento que descarte a do IRA.
Sorprende que a pesar de que os bulos lanzados ao redor do 11M foron amplamente rebatidos, estes actores pasen á ofensiva?
Pasan á ofensiva porque teñen que defender a súa mentira. Teñen que facelo porque doutro xeito terían que asumir que levan vinte anos mentindo. Pero é que ademais a mentira dálle réditos. As enquisas que se veñen publicando amosan que unha porcentaxe moi ampla de españois pensa que o PP actuou correctamente e que houbo unha conspiración con probas falsas ou servizos secretos estranxeiros implicados.
"Sorprende que vinte anos despois o resto da profesión non conspiranoica siga escudándose en que 'quen ía pensar que un presidente de Goberno ía mentir de forma tan descarada'. Pois para pensalo abondaba con ter claro o que foi o Aznarato en termos de corrupción da esfera pública e de non rendición de contas"
Moitos dos protagonistas desas campañas de desinformación, dende Pedro J. Ramírez a Federico Jiménez Losantos, non só non pediron desculpas, senón que seguen ocupando postos de responsabilidade no ecosistema mediático... Foron os únicos culpables?
Si, os que se están xustificando estes días non son os que crearon o bulo, senón os que mentiron consentindo, difundindo o bulo, esquecendo todos os protocolos da investigación xornalística. Sorprende moito que vinte anos despois o resto da profesión non conspiranoica siga escudándose en que 'quen ía pensar que un presidente de Goberno ía mentir de forma tan descarada, naquelas condicións e sobre un acto tan execrable'. Pois para pensalo abondaba con ter claro o que foi o Aznarato en termos de corrupción da esfera pública e de non rendición de contas (Yak-42, Prestige, entrada na Guerra de Irak...).
Aznar desenvolveu durante eses anos unha presión moi forte sobre os medios e a profesión xornalística. Aí está no libro a testemuña de José Antonio Martínez Soler, CEO de 20 Minutos en 2004, que cunha traxectoria xornalística difícil de equiparar non só foi expulsado de TVE en 1996, senón que foi vetado durante tres anos para traballar en calquera medio en España. Os medios que difundiron o bulo fixérono sendo conscientes do que estaba en xogo e nun contexto, lembrémolo, no que se estaba decidindo a expansión dixital, na que dependían dos favores do Goberno.
"O traballo de 20 Minutos anticipa as formas de facer que anos máis tarde vemos nos medios dixitais e deixa claro que non podemos ter prensa libre sen que exista unha independencia económica das súas cabeceiras"
No libro destacas especialmente o papel de 20 Minutos, que o 14 de marzo saíu á rúa cunha edición especial que en portada titulaba '11-M: Fue Al-Queda'. Puido facelo porque era un xornal de capital noruegués?
20 Minutos fixo o que non fixo ninguén. Porque non é certo que La Voz de Galicia sacara unha portada sinalando a Al-Queda o 12 de marzo. Sacárona nun comezo, na edición de Vigo e algunha outra, que son as que se imprimen antes, e despois cambiárona unha vez que recibiron unha chamada dende o Goberno. En 20 Minutos explican que tiñan un protocolo profesional xornalístico moi claro e que o exerceron. O traballo de 20 Minutos anticipa as formas de facer que anos máis tarde vemos nos medios dixitais e deixa claro que non podemos ter prensa libre sen que exista unha independencia económica das súas cabeceiras, que neste caso ao xornal víñalle dado por depender de capital estranxeiro e non das empresas do IBEX-35.
"As mobilizacións do 13 de marzo rachan coa cultura do silencio que estaba instalada e supoñen unha autodefensa do electorado ante os bulos que se estaban tentando impoñer"
Entre o 11M e o 14M estivo o 13M: as protestas ante as sedes do PP convocadas co famoso SMS de 'Pásalo', unha convocatoria da que se acusou ao PSOE (en concreto a Pérez Rubalcaba), aínda que dende logo non partiu do Partido Socialista. Esas sospeitas sobre escuros poderes detrás de movementos sociais lémbranme ás que se lanzaron sobre o 15M nos seus inicios. Dá a impresión de que se adoita considerar que as persoas da sociedade civil son menores de idade e que non se poden organizar por si mesmas...
Si, esa cultura da sospeita mantívose no 15M e chegou despois ao momento en que se crean os municipalismos. Supón unha acusación de minoría de idade a unha sociedade civil que ten amosado uns niveis ético e de compromiso cívico moi grandes. As mobilizacións do 13 de marzo rachan coa cultura do silencio que estaba instalada e supoñen unha autodefensa do electorado ante os bulos que se estaban tentando impoñer. Que iso se equipare, como se escoitou recentemente, ás hordas fascistas que hai uns meses viamos diante de Ferraz simulando decapitar o presidente do Goberno é inaceptable.
"O primeiro é sempre propaganda disfrazada de información a través dos comunicados oficiais. O poder séntese eximido de render contas e lexitimado para criminalizar o seu opoñente. Se iso o fas co peor atentado da historia de España, pódelo facer en todos os temas"
A reacción do Goberno de José María Aznar nas horas posteriores aos atentados de Atocha máis que unha excepción, semella coherente coas estratexias habituais empregadas polos Gobernos en España nas últimas décadas cando se produce unha gran traxedia, dende os accidentes do Yak-42, de Angrois ou do Metro de Valencia ata a morte de milleiros de persoas pola COVID nas residencias de maiores. A primeira reacción é sempre pecharse sobre si mesmo e repetir un relato oficial favorable?
O primeiro é sempre propaganda disfrazada de información a través dos comunicados oficiais. O poder séntese completamente eximido de render contas e séntese lexitimado para criminalizar o seu opoñente. Cunha tolerancia moi forte coa vexación das vítimas. Se iso o fas co peor atentado da historia de España, pódelo facer en todos os temas.
Nestas campañas mediáticas, ademais, pásase por riba da dor das vítimas...
Si, isto aséntase ademais no estendido costume español de reivindicar unicamente as vítimas que consideras propias e desprezar as que consideras alleas. Pero é que ademais este discurso de odio acaba revitimizando as vítimas que reclaman como propias. E mesmo vítimas de ETA que manifestaran o seu desacordo con lemas como 'Que te vote Txapote' son sinaladas en tuits de dirixentes do Partido Popular.
E esquécense (cando non se xustifican) crimes coma o asasinato de Ángel Berrueta, que tratas no libro...
Este caso amosa unha indignidade moral total e absoluta e un desprezo total e absoluto pola vida humana. Non se ve como un crime de odio ou terrorismo porque pertence ás premisas e nesgos ideolóxicos hexemónicos e confírmaos.
"A polarización é o recurso de supervivencia que ten o bipartidismo porque lles permite aos dous partidos subliñar unhas diferenzas identitarias que a nivel de políticas públicas, sobre todo socioeconómicas, non son tan grandes"
Está a afianzarse a polarización na política española?
A polarización é o recurso de supervivencia que ten o bipartidismo porque, ademais, permítelles aos dous partidos subliñar unhas diferenzas identitarias que a nivel de políticas públicas, sobre todo socioeconómicas, non son tan grandes. A única excepción foi o intervalo do 15M, onde a clave non era esta polarización, senón en todo caso unha polarización entre os de abaixo e os de arriba. E agora esas dinámicas de deliberación colectiva e de falar nunha linguaxe universal semellan abortadas. Agora estamos regresando á polarización porque é a dinámica discursiva e ideolóxica que favorece a PP e PSOE, moito máis agora cando de novo se está vendo que os partidos tradicionais semellan inherentes á corrupción.
"En Madrid hai unha xungla mediática que irradia tensión contra o Goberno central cando non o ocupa o PP e fronte ás periferias ás que impón un madrileñismo que se arroga a representación de España en exclusiva"
Dende fóra de Madrid, dá a impresión de que o ambiente é sempre máis irrespirable da capital do Estado en canto a estas campañas mediáticas, mentiras institucionais e sectarismo e que dende aí se irradia ao resto do Estado. É unha impresión ou o día a día en Madrid é así?
En Madrid hai unha xungla mediática que irradia tensión contra o Goberno central cando non o ocupa o PP e fronte ás periferias ás que impón un madrileñismo que se arroga a representación de España en exclusiva. Non deixa de ser unha guerra cultural que coma todas as guerras culturais está encubrindo unha defensa de intereses económicos e o saqueo das institucións por parte dunha clase que se cre a única que pode ocupar o poder. Non esquezamos que a teoría da conspiración parte do PP madrileño na súa guerra contra Rajoy.