Víctor Sampedro (Viveiro, 1966) combina con brillantez e coherencia a súa faceta académica (Catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política) coa faceta activista (membro da Tabacalera de Lavapiés e do colectivo Propolis). Estivo na Coruña convidado pola Rede Robin Hood á serie de conferencias sobre dereitos sociais, para falar da relación entre o xornalismo e o movemento 15M.
Para Sampedro, o máis salientable do 15M foi o seu carácter masivo, e ao tempo, de ruptura, con milleiros de persoas "que se autorrepresentaban, con demandas hexemónicas e que gañaron un espazo público liberado". Xente, dixo, "que conderabamos que non tiña política dentro, que manexaba un discurso distinto, distinto ao noso e ademais, incomprendido polos profesionais da esfera pública". Para Sampedro, supuxo a certificación da fin da Cultura da Transición, de consenso feitos de costas ao público. Para Sampedro, "a principal achega do 15M á cultura política reside en abrir un espazo público libre e incontrolado. Sen formato preestablecido xera en asembleas un discurso emancipador. Son procesos de xestación e expresión política colectivas, publicitadas en tempo real. Se auto-representan quen non delegan a súa voz nos portavoces profesionais, políticos e xornalistas".
O catedrático asegura que a cidadanía se dotou de artefactos políticos e medios de expresión, que son propios e autoxestionados: asembleas e redes telemáticas descentralizadas, "a súa autonomía e horizontalidade son criticadas polos medios, a pesar dos matices, cunha defensa corporativa". Sampedro conclúe que "en apenas uns meses o 15M redefiniu a disidencia permisible e a hexemonía, o disputable e o consensuado. Impugna a Transición por non acometer unha rexeneración e por instalar unha democracia de baixa intensidade"
As audiencias recean dos medios de comunicación?
Estamos nun momento moi curioso: os suxeitos que eran detentadores da liberdade de expresión eran os xornalistas, os que cobraban un salario por comunicar, e cobraban ese salario por facer de contrapoder, por ver que había detrás dos biombos e desfacer a imaxe pública creada polo poder. Para garantir unha competición democrática aberta, que fose sobre evidencias e non sobre aparencias. O que sucedeu foi que a mercantilización da noticia converteuna nun relato contaminado e contaminante no que a persuasión se disfraza de información, porque é ese disfrace o que fai esa persuasión moito máis potente. Aí había un pacto, que agora está roto. Os xornalistas sufriron unha progresiva precarización e un desempoderamento progresivo. E o resultado é que o seu traballo perde valor. Como alternativa, resulta que xorde unha cidadanía, que está máis empoderada e que comeza a comunicar ao mesmo nivel. O mellor exemplo disto é Wikileaks.
Como afectou Wikileaks aos medios convecionais?
Wikileaks non só recupera o crédito e o papel de xornalistas e empresas, senón que conseguiu que os xornais que publicaron as filtracións subisen moito as súas vendas.
Un xornalista é hoxe o director dunha orquestra de jazz, que debe ordenar moitos fluxos, permitindo que a xente do público colla un instrumento e toque
Como se pode recuperar a conexión entre xornalistas e cidadáns?
Hai que abandonar o enfrontamento entre a clase profesional e as audiencias e buscar un pacto, que non é outro que o orixinal. Un pacto no que o xornalista non ten como misión convencer a ninguén de nada, senón amosar unha realidade que considera que é de interese, un interese non medido no impacto, senón na relación que ten cos intereses reais do lector, a curto e a longo prazo. Agora xa non é un proceso unidireccional de emisión-recepción. Agora o valor dun xornalista xa non é a súa axenda e os números de teléfono das fontes segredas e exclusivas. O valor do xornalista hoxe é a forza do discurso social, tal e como se manifesta nas redes sociais, nas colaboracións, nas análise colaborativas, na redifusión... Levalo á praxe, convertelo nun proxecto xornalístico concreto é urxente, é imprescindible, porque hai moito público que xa está facendo cousas que precisan do traballo do xornalista na sociedade actual: ordenar as axendas do debate, limpar o superfluo, expulsar da esfera pública o mintireiro e o carente de ética. Un xornalista é hoxe o director dunha orquestra de jazz, que debe ordenar moitos fluxos, permitindo que a xente do público colla un instrumento e toque.
Estase producindo un proceso de desafección lenta e continuada dos grandes medios?
Estamos nun momento no que os grandes saurios da comunicación, nunca mellor dito porque viviron moito dos fondos de reptís, non están renovando audiencia. E iso significa que teñen un problema de oferta, non hai un problema de demanda, porque a xente está consumindo información en cantidades inxentes. Hai especies que van morrer, porque non se van adaptar. É coma os grandes mamíferos mariños e o plancto; por moito que as baleas devoren e devoren, sempre vai haber plancto. Hai que facer proxectos de simbiose; a información que está creando e difundindo a xente da base da sociedade é puro procomún, hai moito máis coñecemento fóra das redaccións que dentro, como é obvio.
Un pacto de credibilidade?
Si, é un pacto de credibilidade, porque a credibilidade da túa audiencia é o principal valor dun medio de comunicación. E iso non pode ser posto en risco nunca máis polo crédito dos mercados, nin polo populismo barato da prensa sensacionalista. Unha das cousas máis bonitas do 2011 foi a caída do neopopulismo informativo que representaba Murdoch.
Esta xente quebrou o sistema, porque se negou a entrar no antagonismo de 'estás comigo ou en contra de min' e que levou nestes trinta anos a unha alternancia de discursos políticos e xornalísticos que no fondo eran o mesmo
Neste proceso, 15M mediante, nos medios e na política asistimos á caída dos pactos consensuais da Transición, non si?
Do 15M hai que entender, sobre todo, que supuxo a ruptura dos pactos da Transición. Se os partidos e os medios non entenden isto, van morrer. O 15M o que supuxo, sobre todo, foi que o PSOE perdese máis de catro millóns de votos, e catro millóns de votos que estaban apelando ao auténtico consenso constitucional: que haxa unha esfera pública aberta, igualdade de oportunidade electorais, unha economía social por riba dos mercados... Esta xente quebrou o sistema, porque se negou a entrar no antagonismo de 'estás comigo ou en contra de min' e que levou nestes trinta anos a unha alternancia de discursos políticos e xornalísticos que no fondo eran o mesmo, porque eran pura retórica, un pacto. Pero un pacto de desmobilización. A cidadanía demanda uns novos artefactos xornalísticos que precisamente dependan e cuxa forza emane só desa sociedade civil.
O 15M rachou fronteiras e valados, xerou novos espazos transfronteirizos achegou novos activistas para vellas ideas e viceversa?
O novo xornalismo ten que ter en conta que os temas xa non están delimitados polas fronteiras do Estado-nación ou das nacións sen Estado, ten que ser transfronteirizo e 'trans' en todos os aspectos: transcultural, transxeracional, ten que ser glocal. Xa no serve con controlar o poder que tes máis cerca. Temos que atender aos actores internacionais de estruturas diseminadas e horizontais, ás redes de profesionais que colaboran entre si, ás redes públicos activos. Nunca as redes foron tan visibles: están aí e só hai que dirixirse a elas.