Todos de acordo co 15M? No día en que se cumpre o primeiro aniversario dos chamados indignados as tres forzas parlamentarias galegas foron cuestionadas pola súa visión deste movemento e as tres amosaron, con matices, a súa simpatía cara a el. Tanto dende a banda que, dende un inicio, xa observara certas coincidencias entre o seu programa político e as reclamacións das protestas -o BNG- como dende a oposta -o PP-, que chegou as chegou a criticar con suma dureza se di detectar aspectos positivos no 15M e mesmo, no caso dos conservadores, se asegura agora que algunhas das reclamacións expresadas na rúa xa foron levadas á práctica por eles mesmos.
Puy asegura que o PP xa levou á práctica algunhas das iniciativas do 15M e di que cómpre "tomar nota" do que pide
De todas as valoracións a máis discordante coa tónica política habitual é a do voceiro do PP, Pedro Puy, un dos dirixentes populares máis respectados dentro e fóra do partido e tamén un dos que maior influxo ten sobre o presidente da Xunta. Mentres dende Madrid a dirección conservadora carga as tintas e as forzas policiais sobre os manifestantes Puy considera "interesante" o movemento e non dubida de que "ten condicionado algúns dos debates públicos". Segundo Puy a "todo o mundo se lle enche a boca ao dicir 'vou con eles ás manifestacións" pero, asegura, "dúas das cousas" que reivindican "teñen avanzado grazas a que hai un Goberno do PP", o "tema da dación en pagamento", malia á súa "complexidade legal", e a limitación dos salarios dos directivos bancarios. Ademais, o conservador non dubida de que "conviría tomar nota" das mensaxes do 15M, "na medida en que poidamos ter capacidade no futuro de influír á hora de elaborar programas electorais -el dirixiu o programa de Feijóo-".
Alén da inédita adhesión popular ás peticións do 15M o BNG subliñaba tamén este martes que ve con bos ollos as súas reclamacións, como xa fixera -tras amosarse relativamente remiso no inicio- hai un ano. "Non só non nos preocupa, senón que consideramos que é un movemento que reflicte un xusto malestar social", sinala o candidato nacionalista á Xunta, Francisco Jorquera. Para o o aspirante á Presidencia o 15M reflicte "un xusto malestar social, unha xusta indignación" e unha "xusta demanda" para "evitar a devaluación da democracia" nun contexto no que "as políticas públicas veñen ditadas de ámbitos que non emanan da vontade democrática dos cidadáns", senón que "serven os grandes poderen financeiros". "É un movemento moi positivo", subliña Jorquera, se ben engade que "para que esa xusta indignación se transforme nun cambio real hai que operar politicamente" e en Galiza "a forza máis útil para conseguir esas transformacións é o BNG". Non en van, di, "moitas das propostas e críticas" do 15M "coinciden coas do BNG", sen que isto signifique, advirte, "intención de apropiación" dun "movemento plural, apartidario e social".
Jorquera ve o movemento "moi positivo" e Caride coida que é "unha chamada de atención aos partidos"
Nun sentido semellante exprésase a vicevoceira parlamentaria do PSdeG, María José Caride, para quen o 15M é un movemento social "que puxo enriba da mesa que hai moitas persoas que aparentemente estaban desvinculadas da política" pero que "teñen inquedanzas e ganas de modificar as cousas". Para Caride quen participa das protestas "reclama participación e ser escoitado, que se atendan as súas necesidades", por iso esta é tamén unha "chamada de atención aos partidos políticos" para "abrirse a unha sociedade que está cambiando" e "darlle as canles para que poidan materializarse moitas reclamacións"
E, ten o 15M influencia electoral? Implicitamente o PPdeG mantén que as súas reclamacións xa chegaron ás institucións e gobernos a través deles, "máis alá de que haxa unha influencia electoral directa", dada a "heteroxeneidade" dos seus participantes. Mentres, dende o BNG a súa voceira parlamentaria, Ana Pontón, ve "moi díficil" medir a incidencia do 15M nos procesos electorais, posto que é un movemento "moi plural" sen "canalización dende o punto de vista político". "O seu labor está máis orientado cara á creación dun estado de opinión e non tanto cara á opción de voto", di.