"Estamos vendo dous xornalismos: Un que nace e outro, correa de transmisión do poder, que morre"

Víctor Sampedro Dominio Público Ciberhuesca. Congreso de Xornalismo Dixital de Huesca

"A revolución poñerate no asento do condutor", cantaba en 1971 Gil Scott-Heron nesa marabilla titulada The Revolution Will Not Be Televised, convertida inmediatamente nun símbolo para o black power e moitos outros movementos. Diso vai O cuarto poder en rede, o libro de Víctor Sampedro (Viveiro, 1966) editado primeiro por Icaria e agora, en galego, por Abooks. Fálanos de cidadáns e multitudes conectadas e empoderadas e das mutacións que esa nova realidade, que tanto está cambiando a sociedade e a política, tamén provoca na comunicación e no xornalismo. Ou o que é o mesmo, no exercicio do poder e no control dos poderes.

Sampedro presenta o libro este mércores en Compostela e Ourense e o xoves farao en Marín. As citas de hoxe, pola mañá na Facultade de Xornalismo da USC e pola tarde en Ourense nun acto organizado por movementos sociais da cidade, falan moi claramente de a quen quere interpelar este libro. Tamén a cita do xoves, organizada por Queremos Galego Marín e que servirá para presentar o Observatorio dos Medios Galegos, que vén de ser creado por un colectivo de cidadáns "preocupados pola veracidade da información en Galicia".

"O xornalismo debe refundarse como ben común, con código aberto e libre. O resultado será un fluxo de contrapoder mancomunado e colaborativo, mantido por moitos actores, non todos xornalistas", declárase no libro. No fondo, é o xornalismo de toda a vida, ao servizo da transparencia e da comunidade á que serve, non ao servizo do lucro económico ou ao ditado do poder. O xornalismo entendido como unha plataforma de publicacións da sociedade civil, dunha cidadanía de alta intensidade, que se asuma e exerza como suxeito político e comunicativo e que deste xeito asegure un exercicio real da democracia.

"O xornalista ten que comprender que hoxe en día traballa con suxeitos comunicativos de pleno dereito. Poden rexistrar a realidade, poden intervir no debate público, poden desmentir as axendas oficiais, poden revertelas e convertelas en axendas sociais. Isto sempre foi así na democracia, en teoría: calquera podía coller a palabra e falar na esfera pública, pero agora é unha realidade. Isto, trasladado ao ámbito das multitudes, quere dicir que as multitudes se poden autoconvocar, automobilizar, crear axendas propias para exercer a fiscalización, a sanción política e asegurar o rendemento de contas do poder", di Víctor Sampedro, que na obra fai un percorrido por feitos e personaxes que marcaron a historia recente do xornalismo e da política a nivel planetario: Wikileaks, Assange, Manning, Snowden ou Falciani e o SwissLeaks.

Sampedro explica que "dende hai un tempo -Wikileaks demostrouno en 2010- existen públicos moi empoderados, públicos en rede e con ferramentas e arquitecturas comunicativas propias. Wikileaks crea unha plataforma non censurable e non rastrexable de megafiltracións. Para levar a cabo estas megafiltracións, xa non precisas ser un insider, un dos que está no cumio do poder controlando a información, senón simplemente un traballador cognitivo, como foi Falciani, un traballador do capitalismo cognitivo".

"Cada un de nós deberíamos ser considerados un nodo dunha redacción expandida, na que os xornalistas profesionais crean un fluxo de contrapoder mancomunado cos actores da sociedade civil e os cidadáns máis empoderados comunicativamente"

Que papel ocupa o xornalista profesional e as redaccións dos medios de comunicación neste proceso? "O xornalista é fundamental, é máis importante ca nunca", di Sampedro. "Cada un de nós deberíamos ser considerados un nodo dunha redacción expandida, na que os xornalistas profesionais crean un fluxo de contrapoder mancomunado cos actores da sociedade civil e os cidadáns máis empoderados comunicativamente. Isto non é un risco para os xornalistas, senón unha vantaxe; é unha oportunidade de colaboración constante coa sociedade. Non é unha ameaza para o xornalismo, senón unha oportunidade e unha demanda inxente de novos perfís profesionais, adaptados á comunicación e ao sistema informativo do século XXI", explica.

"En lugar de renunciar aos xornalistas deberíamos recoñecelos, convertelos en imprescindibles. Necesítanos quen teñen menos recursos para se facer oír e non se poden impoñer pola forza"

Apela á responsabilidade dos xornalistas coa súa profesión: "non pode ser que sexan Falciani, Manning, Snowden ou Assange os que paguen as culpas. Tería que ser a obriga dunha profesión que di traballar por unha esfera pública democrática, por deitar luz alí onde non chega". "É unha volta ás orixes do xornalismo, nas que o medio de comunicación estaba inserido nunha comunidade á que servía. Tiña unha responsabilidade" -engade- "No caso Falciani é interesante analizar o papel do ICIJ, unha coalición internacional de xornalistas, imprescindible para investigar este asunto, cun carácter igualmente transfronteirizo que supera as capacidades dos estados nacionais, e que fai un labor de investigación a partir da megafiltración, como antes fixeran co LuxLeaks". "En lugar de renunciar aos xornalistas deberíamos recoñecelos, convertelos en imprescindibles. Necesítanos quen teñen menos recursos para se facer oír e non se poden impoñer pola forza", conclúe.

 

Un xornalismo que morre, outro que nace

A revelación da Lista Falciani foi portada en xornais de referencia de todo o planeta, como Le Monde, The Guardian ou La Repubblica, que mesmo colaboraron na investigación, pero na maior parte das cabeceiras tradicionais españolas quedou relegada a un lugar moi secundario, moi inferior ao dedicado á posible irregularidade ou evasión fiscal de Monedero. Unha escolla que deixou ao descuberto as debilidades e posicionamentos destas cabeceiras.

"Estes días estamos vendo dous xornalismos: un que está morrendo, que depende das fontes oficiais, que non é contrapoder senón que é correa de transmisión das axendas do poder"

"Estes días estamos vendo dous xornalismos: un que nace, e outro que está morrendo, que depende das fontes oficiais, que non é contrapoder senón que é correa de transmisión das axendas do poder, que non é un can vixilante do poder, senón que é un can faldeiro. Vémolo nas filtracións de Montoro contra un candidato, para destruílo, confundindo o que son as actividades privadas co desenvolvemento dun cargo público. O caso Monedero non é para nada comparable ao caso Bárcenas, pero faise equivalente no momento en que lle convén ao poder. A única solución do réxime do 78 é aniquilar simbolicamente a quen o cuestiona, e sobre todo a quen o cuestiona sen ter pedido permiso. Este xornalismo non está defendendo en absoluto os intereses da cidadanía, porque está protexendo a opacidade do poder e está espindo os cidadáns que o desafían. Hai un xornalismo vello que aínda segue por inercias persoais e profesionais, cun modelo obsoleto de negocio, que perdeu completamente a orientación de servizo público, que está unicamente concibido como lucro máximo no tempo mínimo, sen compromiso co desenvolvemento social", di.

"O vello aínda ten moita forza, moita inercia de cartos e de presións institucionais. E o novo aínda non botou raíces sólidas, porque a xente está a confundir información libre con información gratis"

Fronte a ese xornalismo vello, Sampedro identifica un xornalismo novo, novos medios e novas prácticas, aínda en construción e, nalgúns casos, crecendo cunha certa precariedade económica: "Estamos nun momento de cambio e ás veces o vello non deixa ver o novo. O vello aínda ten moita forza, moita inercia de cartos e de presións institucionais. E o novo aínda non botou raíces sólidas, porque a xente está a confundir información libre con información gratis, e iso é un erro descomunal. A información é un ben carísimo porque precisamente garante o exercicio do resto das liberdades que temos. Se nós non lles pagamos aos nosos xornalistas, vainos mercar o poder". "A información sempre foi e é un bencomún, que agora circula polas redes. Iso non quere dicir que non se poida privatizar, poñer un límite económico para o seu consumo, de xeito que os xornalistas poidan ter un salario e un salario digno, imprescindible se se quere asegurar a súa competencia e a súa lealdade coa audiencia", engade.

Nalgún momento, nas últimas décadas, rachou o pacto que existía entre os xornalistas e os cidadáns. Creceu de forma máis que xustificada a desconfianza cara aos medios, e agora resulta difícil volver recuperala. "O pacto da información é o pacto da veracidade: ti confías en que os datos que eu che dou son veraces, que podes vixiar con eles o teu entorno e tomar decisións persoais e colectivas. Todo iso foi reemprazado polas relacións públicas e a propaganda. É un xornalismo de fontes oficiais, de mensaxes e axendas prefabricadas que dan a impresión dunha gobernanza que non é tal", di. Como canta en Pull Up The People M.I.A., tamén citada no libro, "You don't like the people, they don't like you. Then they go and set it off with a big boom" ("non che gusta a xente, a eles non lles gustas ti. Daquela eles deciden activarse cun gran boom").

"O pacto da información é o pacto da veracidade. Todo iso foi reemprazado polas relacións públicas e a propaganda"

"O pacto estase recuperando con moitas iniciativas comunicativas novas, que se constrúen con microdoazóns, que hoxe en día equivalen ás vellas subscricións, e que son o xesto máis claro de confianza. Antes de saber o que ides escribir en Praza Pública, unhas persoas que confian en vós, que saben do voso compromiso cunha comunidade, cuns principios e cunha defensa dos dereitos da cidadanía, pagan por anticipado", engade. "Ese é o camiño. Hai que traballar con coalicións de actores pequenos e autónomos, que actuando dun xeito descentralizado, conflúan", remata.

 

Unha revolución en marcha

"O xornalismo ten que madurecer e aprender un novo código. Ten que volver ser un modelo de negocio unicamente sustentable, sen ánimo de lucro"

“E nisto, apareceu Wikileaks", así comeza o libro. Hai menos de cinco anos daquilo, pero todo o sucedido anteriormente semella pertencer a outra época. Dende entón apareceron plataformas de filtracións como Filtra.la e os cidadáns reclamaron o seu lugar no asento do condutor, na política e tamén na comunicación, lembrando que non son menores de idade, que teñen recursos propios -máis ou menos elaborados ou convencionais- para a comprensión da realidade e a construción de novos relatos. Vivimos un tempo acelerado. Como lembra Sampedro: "Só levamos 20 anos de protocolos de Internet. A imprenta tardou douscentos anos en producir o primeiro xornal. Non existen as dietas ou os cursos de idiomas con resultados inmediatos, e o xornalismo ten que madurecer e aprender un novo código. Ten que volver ser un modelo de negocio unicamente sustentable, sen ánimo de lucro".

"Hoxe nós somos transparentes para o poder e o poder é opaco para nós. O único xeito de reverter este desequilibrio é aplicar a máxima de Wikileaks, que é publicidade para o poderoso e privacidade para o gobernado"

Sampedro amósase convencido de que "na base destes cambios hai unha cuestión xeracional e cultural: o código aberto está prendendo na poboación e vai ser difícil pechalo. O 15M é o movemento, a revolta en rede, máis persistente no tempo e máis transversal das que teñen acontecido en calquera país do mundo". Cambia o xornalismo porque hai unhas novas ferramentas e tecnoloxías que o facilitan, pero tamén porque a sociedade no seu conxunto está cambiando. "Hai unha demanda non satisfeita de verdade, de portavoces comprometidos coa comunidade que din que queren representar. Hai unha demanda de transparencia real, máis aló das actuais apelacións banais. Na actualidade nós somos transparentes para o poder e o poder é opaco para nós. O único xeito de reverter este desequilibrio é aplicar a máxima de Wikileaks, que é publicidade para o poderoso e privacidade para o gobernado", di Sampedro.

No prólogo do libro Manuel Rivas destaca que "veño de ler O cuarto poder en rede e cambioume a vista. Ese é o primeiro efecto dun libro perigoso. Hai libros boiños, que che deixan estante, é dicir, no Estado de cousas existente antes de lelos. Mais logo están os libros bos. Eses, non perdoan, os diaños. Eses fanche abanear". A xornalista e deputada islandesa Birgitta Jonsdottir comparou Wikileaks cun buque rompexeos. De igual xeito, Sampedro di que Assange, Manning ou Snowden rozaron o camiño "e agora tócanos percorrelo, aínda que estea inzado de espectros".

Víctor Sampedro Dominio Público Ciberhuesca. Congreso de Xornalismo Dixital de Huesca
Capa do libro © abooks

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.