O 15 de maio do ano 2011 moitas cousas cambiaron neste país. A cabalo dunha crise económica crecente e dunha crise de expectativas para varias xeracións, algo fixo crac no interior de moitas persoas, decididas a non aturar nin unha derrota máis e a non aceptar os vellos consensos e estruturas que dominaran a política do Estado nos 35 anos anteriores. Despois das primeiras manifestacións, moito máis masivas do esperado, chegaron as ocupacións das prazas, as asembleas e os grupos de traballo, os encontros persoais e as epifanías, houbo quen nesas prazas se atopou a si mesmo. Foron moitas as cousas que pasaron nesas prazas nas seguintes semanas e que seguiron pasando nos anos seguintes, no social, no partidario e na forma de relacionarse coa sociedade e de construír hexemonía.
"A xente dá por enterrado o 15M ou fai unhas avaliacións moi curtopracistas, con baremos sobre todo electorais e partidarios que non se axustan ao movemento, ao suxeito político. Os intelectuais, a academia e os medios amosan unha vez máis que España é unha trituradora de ilusións e de imaxinación política"
Este sábado conmemórase o décimo aniversario do inicio do 15M, unha conmemoración que oscila entre a nostalxia, a celebración, o desprezo e a vontade de enterramento. Varios anos despois do inicio do 15M as dinámicas partidarias que aspiraban a representalo e traducir as súas demandas impuxéronse sobre o propio movemento, ligando calquera análise sobre os logros e a vitalidade do 15M aos logros, vitalidade e coherencia destas estruturas partidarias xurdidas no seu ronsel.
Pedímoslle a Víctor Sampedro (Viveiro, 1966), catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política (URJC), unha valoración do pouso deixado polo 15M nesta primeira década de historia e sobre a propia celebración deste sábado, dez anos despois.
Que queda do 15M? Que pouso deixou na nosa sociedade? Está vivo?
A xente dá por enterrado o 15M ou fai unhas avaliacións moi curtopracistas, con baremos sobre todo electorais e partidarios que non se axustan ao movemento, ao suxeito político. Iso permítelle a algunha xente dicir que o 15M xa non existe e a outros valorar que si houbo un cambio importante -do bipartidismo ao multipartidismo e dos gobernos monocor á obriga de gobernar en coalición- pero que xa se incorporou, que xa está amortizado. Estas visións analizan o 15M cuns criterios que non teñen nada que ver coa filosofía e a imaxinación sociopolítica que espertou o movemento. Os intelectuais, a academia e os medios amosan unha vez máis que España é unha trituradora de ilusións e de imaxinación política. O 15M foi unha explosión de imaxinación e de autoconvocatoria cidadá para resistir unhas políticas de austeridade e unhas institucións moi pouco transparentes e nada participativas. Son retos que continúan pendentes e hai frontes de cambio social e institucional que así o amosan.
Esas visións curtopracistas adoitan centrar demasiado a mirada na valoración do éxito ou do fracaso a nivel partidario. En que medida o 15M se pode medir pola actuación das estruturas partidarias que medraron apelando ao movemento?
"O 15M dixo dende o comezo "os nosos soños non collen nas vosas urnas", ese era un dos seus sinais de identidade. O 15M rexeitaba a etiqueta e a redución electoralista e polo tanto non podes xulgar unicamente con resultados electorais un suxeito político que se está definindo dese xeito"
O 15M dixo dende o comezo "os nosos soños non collen nas vosas urnas", ese era un dos seus sinais de identidade. O 15M rexeitaba a etiqueta e a redución electoralista e polo tanto non podes xulgar unicamente con resultados electorais un suxeito político que se está definindo dese xeito. En segundo lugar, “imos lentos porque imos lonxe”; o 15M non era curtopracista e polo tanto non se pode ver neste curto prazo a materialización dunha explosión de mobilización e de deliberación colectiva como foi o 15M. En terceiro lugar, o 15M era transversal, estaba presente con semellante nivel de apoio en todas as categorías sociais e demográficas, era un consenso crítico, novo e masivo. Esa transversalidade derrubaba moitas das identidades previas ao longo de todo o espectro político.
En calquera caso, nas eleccións de hai dúas semanas na Comunidade de Madrid, Más Madrid e Unidas Podemos obtiveron 34 escanos, fronte aos 24 do PSOE, un sorpasso clarísimo. É difícil falar dun fracaso das estruturas nacidas do 15M á vista destes resultados.
Que amplitude tiña ese consenso? Todas as persoas que participan ou apoiaban o 15M concordaban nun programa de actuación?
"O 15M impugna o sistema de partidos, a lei electoral e a xestión económica do PP e do PSOE. Era un consenso que cuestionaba de raíz a cultura da Transición, unha cultura na que a crítica do poder estaba vetada"
No primeiro aniversario do 15M as enquisas amosaron que entre o 70% e o 80% da poboación apoiaba as demandas do 15M: non aos recortes sociais, máis transparencia, menos corrupción e máis participación institucional. O 15M impugna o sistema de partidos, a lei electoral e a xestión económica do PP e do PSOE. Era un consenso que cuestionaba de raíz a cultura da Transición, unha cultura na que a crítica do poder estaba vetada, na que a oposición á institucionalidade significaba unha marxinación. Era unha impugnación non violenta, graduable e polo tanto xestionable: se PP e PSOE tiveran incorporado algunhas destas demandas, o mesmo que as outras partes da institucionalidade, dende os sindicatos maioritarios aos medios de comunicación, o 15M non tería xurdido.
En que medida se pode considerar que se acadaron as demandas que o 15M puxo enriba da mesa?
"Os consensos e demandas xeradas no 15M seguen moi presentes e o triste é que parece que non se decatan nin os seus supostos representantes partidarios"
O 15M construíu un suxeito e un espazo comunicativo novo e foron moitos os logros acadados en participación e transparencia. O que tiñan en común todos eses perfís, militancias e xeracións tan diversas que coinciden no 15M era a conciencia de ter a capacidade de funcionar como suxeitos políticos e comunicativos de pleno dereito.
A relevancia do 15M foi negada dende o primeiro momento, o mesmo que a influencia que tivo en moitos países, xa que o 15M chegou a ser a verdadeira 'Marca España' do progresismo. Neses anos España foi un laboratorio de innovación política. O 15M significou o retorno da sociedade civil, o revulsivo desa sociedade civil. A sociedade dixo que non aturaba máis as políticas de austericidio e que non lle chegaba cunha política protagonizada por profesionais que formaban parte dun duopolio. Os consensos e demandas xeradas no 15M seguen moi presentes e o triste é que parece que non se decatan nin os seus supostos representantes partidarios.
Hai un exceso de nostalxia ao redor do 15M estes días? Pénsase nel máis como un elemento do pasado, un lugar feliz ao que regresar de cando en cando, en lugar de botar man das súas ensinanzas?
"O 15M non é un legado, non é unha ensinanza para o presente, senón que está completamente vivo. Non se pode caer na nostalxia e na melancolía, que é un erro habitual da cultura da esquerda en España"
O 15M non é un legado, non é unha ensinanza para o presente, senón que está completamente vivo. O que pasa é que non está representado e non está articulado con toda a forza que podería ter. Paréceme brutal que moitos que están celebrando o aniversario do 15M o están enterrando ao mesmo tempo. O que non se pode é caer na nostalxia e na melancolía, que é un erro habitual da cultura da esquerda en España. O movemento foi o suficientemente alegre, vivo e enerxético como para poder percibir todo iso aínda agora.
Non se necesita un 15M novo, necesítase simplemente poñelo de novo enriba da mesa. Porque ese consenso social contra o austericidio económico segue existindo, o mesmo que segue existindo un movemento a prol dunha maior transparencia e dunha transformación institucional, véxase o caso da Coroa. Isto podería perfilar un imaxinario novo que revitalizase por completo e de raíz a tradución política daquel consenso, dez anos despois.
A actividade partidaria, protagonizada principalmente por Podemos, pero tamén por forzas de ámbito non estatal, cos seus acertos e erros, acabou por cooptar unha parte das enerxías do movemento?
"Se xa cumpriron a súa tarefa, que deixen paso a novos liderados que retomen os obxectivos. Novos liderados que xa existen, que son maioritariamente femininos e que están ben asentados nos seus territorios, cunha perspectiva federal"
Dende que houbo unha articulación partidaria todo comezou a enfocarse no que eran os obxectivos, tamén lexítimos, da elite de Podemos. Os dirixentes de Podemos querían amosarlle á esquerda deste país que se pode ter unha representación institucional importante para despois cogobernar. E conseguírono. Se xa cumpriron a súa tarefa, que deixen paso a novos liderados que retomen os obxectivos. Novos liderados que xa existen, que son maioritariamente femininos e que están ben asentados nos seus territorios, cunha perspectiva federal, chámense Mónica García, Mónica Oltra, Ada Colau, Yolanda Díaz ou Teresa Rodríguez.
Os liderados políticos do 15M fixeron unha deixación da súa responsabilidade á hora de seguir traducindo e actualizando o discurso do movemento. Houbo tamén unha impotencia por parte do propio tecido social; a cooptación que se produciu só é posible se non existe un movemento social potente. Imaxina que aquí tivésemos un movemento obreiro do campo como o MST brasileiro: as elites políticas de Madrid non terían a capacidade de controlar verticalmente o deseño e a xestión de Podemos en todo o Estado.
VOX e a dereita populista de Ayuso son a maior impugnación do programa do 15M na medida en que, sobre todo, supoñen unha defensa do actual status quo e das desigualdades sociais?
"VOX e Ayuso son a perversión máis mesquiña e antagónica aos presupostos do 15M. Son o destropopulismo que invoca a democracia, a liberdade e o pobo para precisamente degradalos"
VOX e o destropopulismo que hoxe encarna Ayuso e que se perfila como sinal de identidade do PP a nivel estatal son a perversión maior, máis mesquiña e antagónica aos presupostos do 15M. Cando aparecen uns grupos que teñen o poder, os equipos técnicos e o respaldo importantísimo das institucións políticas e das institucións mediáticas hexemónicas, exercen como ventrílocuos perversos das demandas do pobo, usurpan a identidade de quen representan e impóñenlle o seu guión. Son o destropopulismo que invoca a democracia, invoca a liberdade e invoca o pobo para precisamente degradalos.