15M, cinco anos despois

Asemblea na Praza do Obradoiro, en maio de 2011 CC-BY-NC-ND Ferblee

Este domingo celébrase o quinto aniversario do inicio do 15M, cinco anos do comezo dun movemento social que supuxo un auténtico cambio de xogo na historia política recente de Galicia e do conxunto do Estado español. Conversamos con cinco persoas que viviron máis ou menos intensamente aqueles primeiros días de manifestacións, acampadas, asembleas e creación de redes, prácticas e identidades, e que nos cinco anos seguintes desenvolveron un traballo activista en distintos ámbitos, no espazo de ruptura impulsado polo movemento de indignación. Pedímoslles a súa opinión sobre os efectos provocados polo 15M na política e na sociedade, sobre as leccións -atendidas ou non-, polas tarefas pendentes e pola necesidade ou non de recuperar algo da axitación social relaxada nos últimos anos.

"O que está pasando a nivel social e político na actualidade non se pode explicar sen o 15M, pois foi ese movemento o que conseguiu repolitizar a amplas capas de poboación, denunciar as limitacións do réxime do 78 e a democracia de baixa intensidade na que vivimos, visibilizar as loitas de colectivos que levaban anos de traballo como a da PAH, e construír un sentido común no que a cidadanía reclama maior participación na toma de decisións. En definitiva, o 15M significou un punto de chegada e de partida", destaca Xavier Sánchez Lombardero.

De igual xeito, Fabio Gándara (un dos impulsores iniciais de DRY, convocante das primeiras manifestacións) salienta que "a sociedade española está máis activa, vixiante e mobilizada desde entón. A crítica á corrupción, a esixencia de apertura e de transparencia, callaron na poboación, e creo que somos moito máis esixentes cos nosos representantes. Doutra banda, o taboleiro político saltou polo aire, e o bipartidismo comezou un acusado descenso que dá comezo xustamente coa eclosión do 15M. Ademais, están a desenvolverse novas prácticas a todos os niveis da sociedade que beben dos principios e valores que impulsaban o 15M"

Fabio Gándara: "O taboleiro político saltou polo aire e o bipartidismo comezou un acusado descenso. Ademais, están a desenvolverse novas prácticas a todos os niveis da sociedade que beben dos principios e valores que impulsaban o 15M"

Para Luca Chao, "o efecto máis visible foi a reconfiguración do sistema de partidos español", engadindo que "o verdadeiramente importante do 15M foi o cambio social, o antes e despois que marcou na repolitización da sociedade española. O 15M non só identificou os problemas, senón que permitiu sinalar ós culpables desa situación e poñer as palabras precisas para nomealos, palabras asumidas hoxe por unha ampla maioría social que podemos escoitar en calquera lugar onde a xente fale da política".

Luca Chao: "O 15M non só identificou os problemas, senón que permitiu sinalar ós culpables desa situación e poñer as palabras precisas para nomealos, palabras asumidas hoxe por unha ampla maioría social"

En opinión de Mariajo Bóveda, "o 15M funcionou a modo de gran revulsivo dunha sociedade paralizada. Nin as consignas, nin as peticións, nin as formas eran algo realmente novo, pero a través deste movemento foron impulsadas con tal forza que tocaron a toda a sociedade, non só aos de sempre a eses que xa vimos concienciados da casa, a persoas que ao ver esas prazas cheas de xente que demandaba o mesmo que eles querían, foron conscientes de que non estaban soas, que non tiñan porque resignarse e calar". "Como outras persoas da miña xeración, cunha forte bagaxe de escepticismo, vivín ese momento cun expectante interese", engade.

En opinión de Celtia Traviesas, "o 15M foi o xerme de todo. Foi un estalido de indignación cidadá pero, de súpeto, pareceu que todo volvía á calma. O PP acadou a maioría absoluta aos poucos meses en España. Pero a semente quedou aí. Latente, agardando a agromar. Podemos non fixo moito máis que canalizar aquela indignación e darlle forma de partido político para pasar das rúas ás institucións. Era algo que se tiña que facer".

Para Rosendo González Núñez, "practicamente todo o que está a suceder a nivel político é en maior ou menor medida debedor daquel acontecemento político. O 15M renovou o repertorio de acción colectiva adaptándoo aos tempos modernos a través do uso de novas tecnoloxías, volveu de súpeto vello todo o réxime político do 78 español, politizou a toda unha sociedade e lembrounos que o núcleo da democracia está o pobo, demos, sen representantes".

Mentres, para Brais Fernández "o seu gran efecto é a crise dos partidos tradicionais e a irrupción de novas formacións políticas, sobre todo no campo transformador, como Podemos". Porén, sinala que "por desgraza, os efectos do 15M solidificáronse fundamentalmente no electoral (o cal é moi positivo), pero non conseguimos tecer por abaixo contra-institucións estábeis. Por iso o 15M deixou moita potencia, unha pegada, nalgúns casos para explorar ata o final (a crise de réxime) e noutros casos para retomar (a mobilización e a auto-organización)".

 

Tarefas pendentes e leccións

Neste senso, Brais Fernández sinala como "tarefas pendentes" o "asumir o pluralismo do movemento, recuperar a radicalidade do 15M (un enfrontamento frontal coas elites, que non busca nin reconciliarse con elas nin substituílas, senón terminar co propio concepto de elite), implantarse no territorio, creando comunidades vivas e xerar lóxicas de loita que vaian máis alá do mediático-electoral" e "non limitarse a reformas e a parches, senón plantexar un modelo alternativo de sociedade, pos-capitalista, democrático e baseado nos bens comúns". Xavier Sánchez Lombardero chama a "innovar e afondar nas ferramentas e lóxicas participativas e colaborativas nas que as persoas, organizacións e liderados sexan quen de promover prácticas políticas máis horizontais e transparentes".

Para Rosendo González Núñez, "hai dúas reivindicacións básicas do 15M que aínda seguen pendentes por parte dos experimentos de asalto institucional como Podemos: a demanda de democracia real e da fin da lóxica de partidos". E, de igual xeito, Luca Chao cre que "o reto fundamental é transitar por novas canles participativas, que abran a posibilidade de que a cidadanía participe realmente das decisións que lle afectan e podamos rachar a relación tradicionalmente unidireccional entre representantes e representados". Para Mariajo Bóveda, en relación coa organización dos novos movementos e pola construción da nova política, "as relacións entre os axentes que buscan o cambio deben de estar guiadas pola xenerosidade e polo interese da sociedade, nunca polo interese particular ou de partido, pero, ao tempo, resulta paradoxal chegar pedindo xenerosidade a unha xente que leva anos loitando e dando a súa vida polo mesmo que agora queremos conseguir".

Entre as "leccións" que o 15M deixou, Xavier Sánchez Lombardero salienta que "trouxo consigo o espírito da confluencia, unha mensaxe para a esquerda política: se estamos xuntos nas rúas parando desafiuzamentos, denunciando a estafa das preferentes, apoiando unha folga ou o peche dunha fábrica, non ten sentido que sigamos privilexiando cuestións partidistas, ata persoais, que imposibiliten a unidade popular en base a uns obxectivos comúns concretos e unas metodoloxías participativas que permitan transformar a realidade cara un horizonte de xustiza social". Mariajo Bóveda resume esas leccións nun verso de Deolinda (“Sai de casa e vem comigo para a rua”); "se queres que as cousas cambien tes que cambialas, non esperes que se amañen soas, actúa, móvete, protesta, explícate, non es un caso único, hai máis, e en realidade somos multitude", di.

Fabio Gándara sinala, a nivel positivo, "a potencia do traballo colectivo e aberto en rede e a importancia de traballar polo cambio de forma aberta e inclusiva, deixando de lado siglas e sectarismos". E no lado negativo, "a necesidade de establecer procesos democráticos claros que eviten que uns poucos acaben copando e bloqueando calquera movemento social".

Xavier Sánchez Lombardero: "Aínda gobernando existen outros poderes, económicos e mediáticos, que non van permitir a transformación, Para iso precisamos cidadanía activa, disposta a defender a acción dun goberno e a conquista de dereitos nas rúas"

Preguntados sobre se existe unha menor axitación social e sobre a conveniencia de intensificar esta presenza e actividade, Brais Fernández pide "prepararse para volver ás rúas, pero tamén para resolver a cuestión da organización paciente, da formación de intelectuais orgánicos, da presencia constante e cotiá do cambio aos barrios e os centros de traballo". "Entre pensar que a política só se da no Parlamento (como cren os partidos tradicionais, PP e PSOE) e a fe milenarista na insurrección, existe o hiato da organización. Ese é o noso gran reto", engade. Mentres, Luca Chao sinalan que "non se lle pode esixir á cidadanía que se instale nunha especie de 15M permanente, pero si debemos ter presente que o cambio construímolo entre todas". Finalmente, Xavier Sánchez Lombardero lembra que "aínda gobernando, aínda acadando o poder político, existen outros poderes, económicos e mediáticos, que non van permitir a transformación, coma xa estamos sufrindo nalgúns concellos. Para iso precisamos cidadanía activa, disposta a defender a acción dun goberno e a conquista de dereitos nas rúas".

Celtia Traviesas: "O noso país está construíndo hoxe en día o seu propio espertar político e penso que pouso que deixou o 15M está a ter unha continuidade xenuína en Galicia e que irrompe de forma sorprendente entre os nosos sectores produtivos"

Pola contra, Celtia Traviesas cre que "en Galicia si se está a dar ese acompañamento. Penso que o noso país está construíndo hoxe en día o seu propio espertar político e penso que pouso que deixou o 15M está a ter unha continuidade xenuína en Galicia e que irrompe de forma sorprendente entre os nosos sectores produtivos".

 

Nuit Debout

O quinto aniversario do 15M coincidirá cunha xornada de mobilización internacional impulsada polo movemento francés de indignación nacido o pasado 31 de marzo. Haberá actos en 500 cidades de todo o planeta, nomeadamente europeas. En Compostela a convocatoria é na Praza do Toural ás 18 horas, dende onde a mobilización se desprazará cara á Praza do Obradoiro. En Ferrol será no Cantón ás 12 do mediodía. En Lugo está convocada unha manifestación ás 20 horas do domingo, con saída na Praza Maior. En Ourense a protesta-celebración adiántase ao sábado 14 e será na Praza Maior a partir das 19 horas. Na Coruña os eventos, que terán lugar no Obelisco, iniciaranse o sábado ás 12 do mediodía, coa lectura dun manifesto e o descubrimento dunha placa en recoñecemento ao 15M; o domingo concentracións, palestras, actuacións musicais e un acto político precederán a unha manifestación, que comezará ás 20 horas.

Brais Fernández: "Espero que sexa o primeiro paso para construír un movemento político de masas capaz de disputar a hexemonía aos partidos tradicionais e á FN"

En canto ao movemento social que está a nacer en Francia, Brais Fernández pensa que estamos ante "unha gran nova, porque era moi preocupante que o monopolio do descontento o tivera a Fronte Nacional". "O PS de Valls desprezou as protestas e aprobou a lei por decreto. Espero que iso radicalice ao movemento, non o desmoralice, e que sexa o primeiro paso para construír un movemento político de masas capaz de disputar a hexemonía aos partidos tradicionais e á FN. Para elo, a esquerda francesa (Melenchon, PCF, NPA) debería abandonar moitos fetiches e moitos sectarismos", di. Mariajo Bóveda subliña "que vai ter unha acción rexeneradora na política francesa, xa que ao igual que o 15M vai conseguir que unha parte da poboación que estaba desmotivada comece a reclamar cambios e política activas". Para Fabio Gándara, "en Francia hai unha gran tradición de mobilización. Por iso non me cabe dúbida de que, aínda que non consigan unha presenza nas prazas tan sostida como foi a do 15M, serán capaces de manter as mobilizacións até lograr os seus obxectivos".

Rosendo González: "A expansión do movemento a Francia permítenos empezar a pensar realmente unha Europa alternativa, algo que España ou Grecia non poden facer soas"

Rosendo González Núñez, que reside en Perpiñan e está participando activamente no movemento, destaca que "Nuit Debout ábrenos novas posibilidades en Europa, xa que a expansión do Movemento a Francia permítenos empezar a pensar realmente unha Europa alternativa, algo que España ou Grecia non poden facer soas, incluso logrando o éxito a nivel institucional". Celtia Traviesas subliña que "ata agora, en Francia a única forma de reaccionar contra o sistema estaba levando ás clases medias ao fascismo. O movemento da Nuit Debout abre unha fita de esperanza para canalizar a indignación das clases obreiras e tamén das fillas e fillos das banlieues".

Mariajo Bóveda: "Vai ter unha acción rexeneradora na política francesa, xa que ao igual que o 15M vai conseguir que unha parte da poboación que estaba desmotivada comece a reclamar cambios e política activas"

Xavier Sánchez Lombardero destaca que "permite contrarrestar o auxe de Le Pen e doutras forzas de ultradereita no resto do continente" e enmárcao na sucesión de movementos "que se caracterizan polo cuestionamento do status quo, que trae consigo unha nova gramática e práctica política baseada nos métodos participativos, na radicalidade democrática, nos novos marcos discursivos e de acción, que permiten marcar axenda e profundizar na emancipación popular necesaria para darlle a volta ao sistema neoliberal". Pola súa banda, Luca Chao cre que "se a convocatoria do domingo ten éxito e o movemento da Nuit Debout en Francia segue pensándose por enriba das fronteiras, podería supoñer unha patada ó taboleiro político europeo".

Manifestación en maio do 2011, en Vigo CC-BY-NC-ND Imagen en acción
Acampada na Coruña en maio de 2011 CC-BY-NC-ND Imagen en acción
Imaxe do 15M na Coruña CC-BY-SA Luis Siño
Asemblea na Praza do Obradoiro, en maio de 2011 CC-BY-NC Ferblee
Imaxe dun cartaz en Compostela, en maio de 2011 CC-BY-NC-ND Iván Expósito

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.