Veciñanza da Limia, tras a "vitoria sen precedentes" pola auga limpa: "Non imos parar"

Membros da plataforma Auga Limpa Xa, ante o encoro das Conchas tras coñeceren a sentenza do TSXG, o 11 de xullo de 2025 CC-BY-NC-SA Auga Limpa Xa

Entidades veciñais e ecoloxistas aplauden a rotundidade da condena do TSXG á Xunta e ao Estado pola súa inacción ante a contaminación provocada polas macrogranxas e agardan que o ditame abra camiño a outras loitas semellantes en toda Europa

"Unha vitoria sen precedentes". Así resumen a condena á Xunta e ao Goberno de España pola contaminación das macrogranxas nas augas na Limia dende Amigas da Terra. É a organización ecoloxista que, da man da Federación de Consumidores e Usuarios CECU, impulsou canda veciñanza da comarca o proceso xudicial que vén de desembocar nunha histórica sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En síntese, o alto tribunal galego vén de sentenciar que a "inacción" de ambos gobernos fronte a unha contaminación das augas da que eran conscientes vulnera os dereitos fundamentais como a saúde ou o goce do propio domicilio. E por iso as condena a tomaren medidas concretas, dende velar pola limpeza das augas ata prohibiren novas explotacións como as máis de 300 "macrogranxas" da contorna -ou ampliar as existentes-, cando menos "ata que a situación de degradación ambiental se reverta".

O encoro das Conchas, tinguido de verde nunha das crises de contaminación por cianobacterias © Amigas da Terra

Pablo Álvarez Veloso, presidente da asociación veciñal das Conchas e un dos demandantes, amósase convencido de que "esta sentenza histórica nos fai máis fortes". Tras o ditame -que a Xunta xa anunciou que vai recorrer-, advirte "non imos parar ata que o encoro volva ser un lugar de vida" onde empregar a auga "sen medo". "Seguiremos premendo para que cumpran" despois de "tantos anos ignorados por quen debía protexernos", resalta.

Auga Limpa Xa aplaude que a Xustiza acredite que "este foi, dende o principio, un caso de saúde pública" e ve nas condenas "unha oportunidade para camiñar cara a unha solución" que "levará anos"

Para Mercedes Álvarez de León, outra das demandantes, supón "un gran alivio e unha alegría inmensa" que a sentenza deixe clara "a gravidade da situación", "os altos niveis de contaminación dos acuíferos" e "os riscos para a saúde". Ambos denunciantes poñen o foco, ademais, en que a sentenza do TSXG abre un camiño para outras comunidades afectadas por conflito semellantes. "É unha oportunidade sen precedentes para quen vive nas chamadas zonas de sacrifico en toda Europa", cre Nieves Noval, unha das avogadas do proceso, da organización internacional de defensa dos dereitos ambientais ClientEarth.

Porque, agrega a letrada, a sentenza evidencia que "non se pode obrigar as comunidades locais a cargar co peso da contaminación da gandaría industrial" e "as autoridades teñen a obriga legal de protexer os dereitos fundamentais". E isto, sinala a coordinadora de Amigas da Terra, Blanca Ruibal, pasa non só polo cumprimento da limpeza das augas na Limia, senón tamén pola "redución da gandaría industrial" e unha "transición cara á gandaría extensiva, a agroecoloxía e modelos que respecten os límites dos ecosistemas". 

Efectos da contaminación no encoro das Conchas, o pasado xuño © Amigas da Terra

A sentencia tamén foi recibida en clave de celebración por un dos colectivos máis activos na denuncia da contaminación na Limia, a plataforma Auga Limpa Xa. Aplauden que a Xustiza acredite a "alerta que hai máis de tres lustros lanzamos dende os movementos ecoloxistas": que "este foi, dende o principio, un caso de saúde pública". As condenas, cren, son "unha oportunidade de camiñar cara a unha solución" que "levará anos", "mais para a que parece que era imprescindible un recoñecemento rotundo dende a Xustiza da orixe e dimensións da contaminación.

"Canto dano ao medio ambiente e á saúde dos habitantes da Limia se aforraría facéndonos caso hai dezaoito anos", lamenta a Sociedade Galega de Historia Natural

Tamén este colectivo prevé seguir mobilizado para reclamar o cumprimento da sentenza. A comezar pola instalación, este domingo e este luns, de mesas informativas nas feiras de Lobios e Xinzo. Alí, detallan, van "explicar á veciñanza os fundamentos da demanda e as posibilidades que se abren para empezar a traballar contra a contaminación" e "recoller sinaturas para reclamar medidas urxentes".

Xunto á satisfacción pola vitoria, a sentenza deixa tamén un pouso agre en organizacións fortemente implicadas nesta causa dende hai anos, como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). "Canto dano ao medio ambiente e á saúde dos habitantes da Limia se aforraría facéndonos caso hai dezaoito anos", reflexionan para lembrar que xa no ano 2008 solicitaran por primeira vez unha moratoria para as macrogranxas na Limia "ata que se avaliasen" os efectos da súa acumulación.

Residuos da gandaría intensiva na Limia, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Movemento Ecoloxista da Limia

As advertencias, lembran, continuaron por exemplo cando en 2011"aconteceu o primeiro gran episodio masivo de proliferación de cianobacterias tóxicas no encoro das Conchas". Daquela, destacan, xa levaban presentadas "unha ducia de alegacións" contra estas instalacións industriais. 

A Fiscalía de Medio Ambiente ou a Presidencia da Xunta son só algúns dos exemplos das autoridades que recibiron advertencias directas neste sentido. En total, "case 70 escritos" ante diferentes instancias galegas e estatais con argumentos da entidade ambientalista que agora veñen de resultar "decisivos para que o TSXG dite unha sentenza pioneira en Europa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.