Non poden beber auga dos pozos, nalgúns casos sinalan que o abastecemento municipal de auga tamén está contaminado, e permanecen expostos a un mal cheiro que cualifican como "insoportable"
A Asociación de veciños das Conchas, así como varios veciñas e veciños da Limia a título individual, e a Federación de consumidores y usuarios CECU presentan unha denuncia por vulneración de dereitos fundamentais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola "inviable" situación que viven desde hai máis de quince anos coa contaminación no encoro das Conchas, derivada da cría intensiva de gando porcino e aviar.
Acusan a Xunta de autorizar explotacións de gandaría intensiva "de forma permisiva" –segundo o Rexistro de explotacións agrarias na comarca da Limia había case dous millóns cabezas de gando porcino en marzo de 2023– e sen avaliar o impacto que producen no territorio.
Veciñanza dos concellos de Bande, Lobeira, Trasmiras, Os Blancos e Muíños manifesta que as condicións de vida nesta zona deterioráronse gravemente desde que en 2011 deron a voz de alarma ás autoridades pola alta concentración de cianobacterias na auga. Non poden beber auga dos pozos, nalgúns casos sinalan que o abastecemento municipal de auga tamén está contaminado, e permanecen expostos a un mal cheiro que cualifican como "insoportable", que lles impide realizar actividades ao aire libre e mesmo abrir as fiestras das súas casas.

"O punto de inflexión do encoro foi en 2011, cando tivo lugar un gran bloom de cianobacterias [un rápido crecemento destas colonias de bacterias que permite que se observen a simple vista]. Pensabamos que era un vertido porque había unha gran amalgama verde no encoro, pero tras consultar con varios científicos nos explicaron o que realmente pasaba. A partir dese momento pensamos que as administracións tomarían medidas para localizar o foco, cousa que non sucedeu, aínda que agora sabemos que o foco está no mal uso dos xurros na Limia. Ano a ano, cando chega o verán, vivimos este fenómeno de novo. Estivemos agardando, pero resulta que aquí quen nos temos que protexer somos nós, por iso decidimos denuncialo ante a xustiza", explica a Praza.gal o presidente da Asociación de veciños das Conchas e demandante no caso, Pablo Álvarez Veloso, quen asegura que das administracións só recibiron "labazadas".
"O punto de inflexión do encoro foi en 2011, cando tivo lugar un gran bloom de cianobacterias. Pensabamos que era un vertido porque había unha gran amalgama verde", lembra o presidente da Asociación de veciños das Conchas
O encoro das Conchas, no río Limia, ten unhas 631 hectáreas e sitúase entre os municipios de Lobios e Muiños, no sur da provincia de Ourense. Foi construído en 1949 co obxectivo de xerar enerxía hidroeléctrica, porén, durante anos tamén se utilizou como zona de recreo para as persoas da contorna, habilitáronse varias zonas de baño nas inmediacións e espazos para deportes acuáticos. En definitiva, o encoro era un "foco social" para a veciñanza ata que comezaron a sentir as consecuencias da contaminación.
Levan ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a Xunta, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e mais os concellos de Bande, Lobeira, Trasmiras, Os Blancos e Muíños ao considerar que non garantiron os dereitos fundamentais –recollidos na Constitución española e nas leis europeas– das persoas que habitan a zona. En concreto, refírense ao dereito á vida, a prohibición da tortura e o trato degradante, o dereito á vida privada e familiar e ao domicilio e á protección da propiedade.

Amigas da Terra e ClientEarth apoian esta acción xudicial á que se viu abocada a veciñanza afectada tras contactar en numerosas ocasións ao longo da última década coas consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, cos gobernos locais dos seus concellos, coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e mesmo coa Presidencia da Xunta para informar dos elevados niveis de contaminación cos que conviven. "O pobo xa se cansou porque aquí imos a peor mes a mes, os días nos que o cheiro é peor achégaste ao encoro e non aguantas nin trinta segundos", critica Pablo Álvarez Veloso.
Pablo Álvarez Veloso detalla que primeiro se detectou a presenza das cianobacterias, despois os nitratos na auga dos pozos e desde 2019 o encoro ten "episodios graves" de ácido sulfhídrico
Pablo Álvarez Veloso detalla que primeiro se detectou a presenza das cianobacterias, despois os nitratos na auga dos pozos e desde 2019 o encoro ten "episodios graves" de ácido sulfhídrico. Segundo os datos da denuncia, o nivel de nitratos rexistrado no encoro é extremadamente elevado, o que supón un factor de risco para distintos tipos de cancro, como o de tiroides, de mama, ovarios, estómago, páncreas ou vexiga. A súa presenza tamén se asociou, indican, co linfoma non Hodgkin (LNH) e a metahemoglobinemia, unha enfermidade que se orixina no sangue e pode resultar mortal.
A Unión Europea xa detectou "eutrofización" [sobrecrecemento de materia orgánica derivada do aumento de nitratos] no encordo das Conchas, que considerou como zona vulnerable a última vez que se pronunciou sobre o asunto, a pesar de non multar o Estado español. Ademais, os estudos dos que dispoñen revelan a presenza de bacterias resistentes aos antibióticos.
Máis alá do propio encoro, o intenso mal cheiro procedente das explotacións intensivas vén provocado, segundo a demanda, a presenza dunhas finas partículas que flotan no aire e poden causar problemas respiratorios e asma, especialmente nas persoas máis vulnerables, crianzas e maiores.

"As e os demandantes argumentan diante do TSXG que, en ocasións, a Xunta nin sequera cumpre co requisito mínimo á hora de alertar aos residentes sobre a toxicidade do encoro; pola contra, argumentan que a calidade da auga é 'boa', a pesar de que numerosos estudos demostran que é falso", sinalan desde Amigas da Terra. "A nosa intención é que o caso chegue ata o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea e lles dea a razón. Ao demandar pola vulneración de dereitos fundamentais trátase dun caso único que marca un precedente en Europa", apunta Blanca Ruibal, representante de Amigas da Terra.
"Este modelo de gandería ten prexuízos para as persoas e a contorna, as autoridades teñen a responsabilidade de protexer os dereitos fundamentais da poboación", di Blanca Ruibal, representante de Amigas da Terra
"Este modelo de gandería ten prexuízos para as persoas e a contorna, as autoridades teñen a responsabilidade de protexer os dereitos fundamentais da poboación. Para iso é urxente que se estableza un plan de redución da gandaría industrial e apostar pola gandaría extensiva, a agroecoloxía e modelos de produción de alimentos que respecten os límites dos ecosistemas e contribúan a frear o despoboamento e manter un mundo rural vivo", defende Ruibal, quen considera "inaceptable" a situación desta veciñanza da Limia.
Pola súa banda, o director da organización estatal CECU, David Sánchez, ve "inadmisible" ata onde chegou a desesperación desta veciñanza, que non pode "beber con tranquilidade a auga que sae das súas billas". "Esiximos ás administracións competentes que actúen para poñerlle solución, debido a que non é aceptable que as veciñas e veciños teñan que abastecerse por medio de camións cisterna ou auga embotellada, co evidente trastorno e limitación das actividades máis cotiás que iso supón".
A restauración total da zona ao estado que tiña antes de ser sometida a tantos anos de elevados niveis de contaminación se cadra xa non será posible, mais na demanda solicítase que cese a degradación ambiental do encoro e a súa contorna. Amigas da Terra incide en que a agroecoloxía e a gandaría demostraron ser alternativas viables para revitalizar a economía rural e producir alimentos sans respectando o medio.