A Comisión Europea e o Goberno de España coinciden na existencia do problema pero discrepan sobre se está orixinado pola actividade agraria ou a súa relevancia
O pasado xoves o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pronunciou en Luxemburgo unha sentenza que condena a España por non adoptar todas as medidas que impón a lexislación comunitaria para controlar a contaminación das augas por nitratos de orixe agraria. Malia que Galicia estaba entre as comunidades denunciadas, os argumentos contrapostos ofrecidos pola Comisión Europea e o Goberno de España levaron o tribunal a considerar non probados os incumprimentos da normativa. Pero faino nunha sentenza que constata que a contaminación por nitratos, aínda que non sexa de orixe agraria ou esta orixe non sexa "significativa", está espallada por todo o país.
A sentenza agora emitida polo Tribunal da UE chega tras anos de apercibimentos da Comisión Europea a España por non cumprir unha directiva comunitaria de 1991. Hai ano e medio o executivo europeo formalizou a súa denuncia, que detallaba diversos incumprimentos en 10 comunidades autónomas, entre elas Galicia.
No caso galego, a denuncia censuraba que non se declararan como zonas vulnerables á contaminación por nitratos as correspondentes a 23 puntos de medición considerados "contaminados". Puntos que van máis alá das zonas que adoitan considerarse máis problemáticas pola presenza de nitratos de orixe agraria, como a Limia, e que incluían diversos encoros por toda Galicia, como os de Portodemouros, Vilagudín, Barrié de la Maza, Fervenza, Santa Uxía, Cecebre ou Forcadas.
Nas súas alegacións no proceso xudicial España argumentou que en dous dos puntos denunciados, no encoro de Cecebre, estaban a realizarse aínda "actuacións de exame para determinar a orixe da contaminación por nitratos". E nos 21 puntos restantes Estado e Comisión discreparon sobre o grao de certificación da orixe desa contaminación ou sobre se a orixe agraria era "significativa" para esa contaminación.
Para España as súas explicacións a Bruxelas bastaban para non designar esas 21 zonas como vulnerables á contaminación por nitratos, mentres que a Comisión insistiu ante o tribunal en que si había que facelo xa que "non pode excluírse que a contaminación medida en ditos lugares fose causada por nitratos de orixe agraria".
Pero nese intercambio de argumentos ante o tribunal a Comisión sinalou "outros 15 puntos de medición" en Galicia "nos que se detectou eutrofización" -sobrecrecemento de materia orgánica derivada do aumento de nitratos- e para os que reclamou que "tamén deben designarse como zonas vulnerables". Eses puntos repártense novamente por toda Galicia, con encoros como os de Cachamuíña e As Conchas, pero tamén ríos como o Mandeo, o Mero, o Xubia ou o Furelos, e varios puntos na contorna de Carballo.
Porén, o tribunal salienta que eses 15 puntos non foran citados na denuncia inicial e lembra que "no curso do proceso non poderán invocarse motivos novos, a menos que se funden en razóns de feito e de dereito que aparecesen durante o procedemento", algo que a Comisión non fixo. Así que o tribunal desbota sequera pronunciarse sobre eses 15 puntos a maiores sinalados pola Comisión.
"A Comisión non demostrou que os compostos nitroxenados de orixe agraria contribúan significativamente á contaminación por nitratos cuxa presenza se comprobou neses puntos", di a sentenza
Sobre os puntos si sinalados na denuncia orixinaria a sentenza salienta que "España tampouco nega que as augas extraídas nos 22 puntos de medición restantes estaban, dese xeito, contaminadas ou eran eutróficas por nitratos". Pero engade que "non obstante [...] só se esixe a designación como zona vulnerable [...] se os compostos nitroxenados de orixe agraria detectados nese punto de medición contribúen de maneira significativa á contaminación por nitratos". E "dado que o Reino de España nega que tal sexa o caso, corresponde á Comisión, de conformidade coa xurisprudencia [...], probar, en relación con eses puntos de medición, a existencia desa contribución significativa a tal contaminación ou, cando menos, achegar probas adicionais que permitan esta constatación".
Ante esa situación, o Tribunal conclúe que "a Comisión non demostrou que os compostos nitroxenados de orixe agraria contribúan significativamente á contaminación por nitratos cuxa presenza se comprobou neses puntos de medición nin aportou probas que permitan acreditar a existencia de tal consecuencia, refutada polo Reino de España" senón que se limitara a alegar que o Estado "non proporcionara explicacións suficientes". Por iso, o tribunal conclúe desestimando a denuncia da Comisión no que respecta a Galicia e condenando a España poña situación noutras oito comunidades.
A Xunta estimou que deberían declararse como zonas vulnerables á contaminación por nitratos 60.000 hectáreas, o 10% da superficie agraria, e o ministerio elevou a 53 os puntos contaminados por nitratos "procedentes de fontes agrarias"
A extensión da contaminación por nitratos en Galicia que reflicte a sentenza, aínda que o tribunal non sexa quen de ligala a actividades agrarias, viuse tamén ratificada por outras vías desde que comezou o proceso xudicial. A finais de 2022, dúas semanas antes de que se formalizase oficialmente a denuncia da Comisión a España ante o Tribunal da UE, a Xunta expuxo ao público unha actualización do seu plan de xestión de residuos industriais na que estimaba que deberían declararse como zonas vulnerables unha 60.000 hectáreas, "o 10% da superficie agraria útil actual".
E unhas semanas despois era o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que sinalaba, nunha resposta parlamentaria, que ten identificados en toda Galicia ata 53 puntos de augas contaminadas por nitratos "procedentes de fontes agrarias".