Rueda eloxia o Goberno de España pola xestión do hantavirus e da fábrica chinesa de coches

O cruceiro MV Hondius, con casos de hantavirus, fondeado en Tenerife © Ministerio de Sanidad

O presidente desmárcase das críticas do PP estatal de Feijóo á xestión humanitaria da emerxencia médica e di que a confirmación da nova industria sería un "mérito colectivo"

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, non é tan crítico co Goberno de España como o seu antecesor e agora presidente do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo. Cando menos coas xestións estatais do hantavirus e da fábrica chinesa de coches que se podería instalar en Galicia. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns Rueda foi preguntado polas dúas cuestións e nos dous casos eloxiou abertamente as actuacións do Goberno de Pedro Sánchez. 

Rueda o pasado 25 de abril en China nunha fábrica do grupo SAIC CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente foi preguntado pola situación do galego que ía a bordo do barco con casos de hantavirus e que foi trasladado a un hospital militar madrileño para gardar alí corentena. Segundo dixo, a Xunta non falou directamente co home pero si coa súa contorna e amosou a súa esperanza en que "saia canto antes da situación". A continuación Rueda agradeceu expresamente a información sobre o hantavirus que lle facilitou persoalmente o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres. "Creo que se fixo unha boa xestión", valorou o presidente da Xunta, que evitou valorar críticas lanzadas entre outros polo presidente de Canarias.

Rueda tamén foi preguntado polas xestións estatais para que a empresa chinesa de automóbiles SAIC instale unha fábrica en Galicia. O presidente admitiu que este é un "proceso longo" que "non só depende da Xunta". Se a fábrica finalmente chega, será un "mérito colectivo" ao que "achegaron todos", di Rueda, que considera que "se é importante para Galicia, tamén o é para España". "Pedín colaboración e sinceiramente creo que a estou tendo", engadiu o presidente.

Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda di que se a chinesa SAIC finalmente desembarca en Galicia non sería só para a montaxe aquí de coches con pezas importadas doutros lugares senón que sería máis "amplo" e "tamén abarcaría parte das pezas"

Rueda tamén explicou que desde a administración ofrecéronse distintos posibles espazos de asentamento para a planta de SAIC, que non identificou, pero que "cada empresa elixe de entre os presentados os que cre máis convenientes". O presidente tamén dixo que se o proxecto se concreta non sería só para a montaxe aquí de pezas importadas doutros lugares senón que sería máis "amplo" e "tamén abarcaría parte das pezas". 

Rueda viaxou a China hai unhas semanas apenas uns días despois de que tamén o fixese Pedro Sánchez entre críticas do PP estatal por visitar un país comunista. Porén, o presidente galego asegurou que el non viaxaba a facer política senón contactos económicos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.