Os populares veñen criticando a PSOE e BNG por reunións con cargos políticos chineses malia que o propio Feijóo tamén as mantivo cando viaxou en 2017 a Beijing ou os recibiu en Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará a próxima semana á China. Unha viaxe que chega despois de críticas directas do PP estatal e veladas de Alberto Núñez Feijóo a Pedro Sánchez pola visita oficial que está realizando esta semana ao mesmo país. En Galicia tamén vén sendo habitual que cargos do PPdeG critiquen a PSOE ou BNG por reunións con cargos políticos chineses malia que o propio Feijóo tamén as mantivo tanto na viaxe que realizou como presidente da Xunta a Beijing en 2017 como recibíndoos en Galicia.
A viaxe de Rueda da próxima semana, a Beijing e Shanghai, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tería un contido fundamentalmente económico para mellorar os intercambios comerciais galegos. E chega ao tempo que o PP retoma as súas críticas a Sánchez por facer o mesmo.
Donald Trump tamén ten previsto realizar unha viaxe oficial á China dentro dun mes
Este martes o propio Feijóo criticou de xeito velado o "coqueteo con terceiros países á marxe de Europa" e dixo que Sánchez debe aclarar "se ten previsto alterar as alianzas de España no exterior". Unhas declaracións que se producen malia que o presidente de Estados Unidos, Donald Trump, tamén ten previsto realizar unha visita oficial á China dentro dun mes.
Ademais, a vicesecretaria de Coordinación Sectorial do PP, Alma Ezcurra, cuestionou que reunirse coa China sexa conciliable coa defensa "da democracia e os dereitos humanos". O PP de Madrid, ao tempo, chamou a contrastrar que "Sánchez se reúne coa ditadura chinesa" mentres a súa líder, Díaz Ayuso, o fai coa venezolana María Corina Machado.
Porén, o propio Feijóo reuniuse con cargos do Goberno chino na súa visita de 2017. Tamén recibiu a varios embaixadores chineses en Santiago.
No pasado Feijóo e o PP estatal tamén cargaron por encontros entre o Goberno de Sánchez e outros estados como Cuba que o propio Feijóo visitou en dúas ocasións mesmo reuníndose con Raúl Castro.