Feijóo emenda a política exterior da Xunta

Feijóo, con Raúl Castro en 2016 © Estudios Revolución

A estratexia en materia internacional do líder do PP para facerse coa presidencia do Goberno de España contrasta con feitos e declaracións del mesmo como presidente galego e condiciona a axenda de Rueda

En maio de 2016 Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, reuniuse en Cuba persoalmente con Raúl Castro, ao que se amosou “agradecido” pola súa “cordialidade”. Esta fin de semana o mesmo Feijóo, agora candidato do PP estatal á presidencia do Goberno de España, presentou a asistencia de Pedro Sánchez, acompañado do Rei, ao Cumio Iberoamericano celebrado en República Dominicana como un xeito do socialista de “render pleitesía” a “autócratas”

É un fito máis da estratexia do líder popular por facerse coa presidencia estatal -similar á empregada en 2009 no seu asalto á Xunta- que contrasta con feitos e declaracións del mesmo como presidente galego e condiciona a axenda de Rueda.

Feijóo nun acto con inmigrantes hispanos en Madrid © PP

Feijóo acusa a Sánchez de apoiar “autócratas” polo feito de acudir a un cumio cunha vintena de mandatarios de todo signo político, tanto demócratas como ditadores, fronte á súa reunión directa con Raúl Castro en 2016. Pero Feijóo xa se reunira en 2013 co agora presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, cando era vicepresidente. Uns encontros que non lle impediron criticar unha posterior visita de Sánchez á illa, como previamente tampouco os festivos encontros de Manuel Fraga con Fidel Castro lle impediron criticar outra visita similar de Emilio Pérez Touriño.

As novas críticas de Feijóo producíronse nun acto a medio camiño entre un mitin, unha festa e unha celebración relixiosa que tivo lugar este sábado en Madrid con inmigrantes latinoamericanos. O acto contou coa intervención dunha pastora evanxélica que derivou a Deus boa parte da responsabilidade política que Feijóo di querer asumir á fronte do Estado, nun discurso que supón tamén un contrapunto á tradicional proximidade do popular coa Igrexa Católica e á simbiose en Galicia da súa Xunta co fenómeno da peregrinación a Santiago.

Nese acto de Madrid Feijóo dixo que fronte a un Sánchez reunido con autócratas el prefire estar co pobo, coa cidadanía latinoamericana. Pero tamén esa frase contrasta coas súas previas xiras por América Latina tanto como presidente da Xunta como líder do PPdeG ou do PP estatal. As reunións con dirixentes ou empresarios sempre foron os fitos centrais desas viaxes, aínda que nas mesmas tamén se organizasen encontros coa emigración galega.

Feijóo con Ursula von der Leyen e Esteban González Pons a pasada semana en Bruxelas © PP

Pero xa antes do acto do sábado Feijóo se metera en lameiras diplomáticas. O mércores reuniuse coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o partido divulgou o contido do encontro facendo ver que o popular se queixara do trato supostamente favorable que o executivo comunitario está a dar a Sánchez en diversos eidos, como a reforma das pensións ou os fondos de recuperación. Segundo diversos analistas, como Enric Juliana, a tensión dese encontro entre Feijóo e Von der Leyen acabou derivando na cancelación dunha reunión prevista para este luns entre a presidenta da Comisión e Alfonso Rueda.

A reunión cancelada entre Rueda e Von der Leyen tras o encontro desta con Feijóo fará sombra a calquera acto europeo do presidente da Xunta, mentres que as novas esixencias do líder estatal do PP cara aos líderes latinoamericanos limitan a axenda transoceánica que queira ter o Goberno galego

Segundo outras fontes galegas en Bruxelas, ese encontro Rueda-Von der Leyen fora logrado grazas á intercesión previa do equipo de Feijóo, coñecedor da necesidade da presidenta da Comisión de contar co apoio dos conservadores españois. Pero tras o encontro Feijóo-Von der Leyen a reunión con Rueda foi cancelada. Segundo varias fontes, a Xunta xa era coñecedora o venres da cancelación do encontro, pero non informou dese feito ata o domingo pola tarde, ata que diversos medios de comunicación publicaron ou emitiron reportaxes cos asuntos que ao Goberno galego lle interesaba salientar dese encontro que finalmente non existiu. 

Agora Rueda terá máis difícil planificar a súa axenda internacional para os próximos meses. A sombra da reunión inexistente con Von der Leyen condicionará calquera viaxe que faga a Bruxelas ou calquera encontro con responsables comunitarios, mentres que as novas esixencias de Feijóo cara aos líderes latinoamericanos limitarán ou porán o foco nas viaxes transoceánicas que queira programar o presidente da Xunta e do PPdeG.

Alfonso Rueda e o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.