Dende que Mariano Rajoy é presidente apenas realizou xestos públicos de achegamento a Cuba, aínda que a postura do seu Executivo si xirase notablemente cara a unha distensión que se escenificou o pasado febreiro, co Goberno xa en funcións, durante a visita a La Habana do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo. O que non se produciu, nin sequera se suxeriu, foi unha viaxe de Rajoy a territorio cubano, visita que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, si realizou por dúas ocasións, a última durante a pasada fin de semana. A viaxe culminou, como xa o fixera en 2013, cunha xuntanza co presidente da república caribeña, Raúl Castro, tras a cal Feijóo realizou un balance que se afasta moito dos reproches que durante anos lle dedicou ao Goberno cubano e aos dirixentes que se achegaban a el, incluíndo á Xunta da etapa do bipartito, para gabar o que define como "actualización".
Tras xuntarse con Castro nunha visita que foi amplamente reflectida en medios da illa, o presidente galego amosouse "agradecido" co seu homólogo, tanto pola súa "cordialidade" como polo seu "interese", dixo, en "colaborar" con Galicia en diversos sectores económicos. "Agradezo ao presidente Raúl Castro a deferencia que tivo de volver recibirnos e de poder ter unha longa xuntanza durante a cal falamos da evolución de Cuba e do novo momento político que está vivindo a illa, das relacións entre Cuba e Estados Unidos e, por suposto, de Galicia", resumiu.
A Xunta anuncia un acordo con varios ministerios de Cuba para desenvolver "actividades económicas" en varios sectores
"Unha vez se concretou a forma de saldar a débeda que Cuba tiña con España -o Goberno español acordou a condonación duns 1.500 millóns de euros a comezos deste ano- o lóxico é empezar facendo negocios con Galicia", afirma Feijóo que lle transmitiu Castro. "E eu, espero que así sexa", afirma, entre eloxios ao "novo período de entendemento e de cooperación entre España e Cuba". Eses resultados, agrega o titular da Xunta, comezarán coa redacción dun memorando de entendemento con ata nove ministerios de Cuba "para concretar as actividades económicas que se poden levar a cabo con Galicia" en eidos como "a biotecnoloxía, en amteria enerxética e no sector das TIC, así como noutro tipo de actuacións relacionadas co transporte ou o turismo".
Reproches a Touriño por non pedir "democracia"
As boas verbas tras o encontro con Raúl Castro ou o feito de personalizar nel a "cordialidade de que puidésemos utilizar o antigo Centro Galego da Habana para a xuntanza institucional histórica de todos os centros galegos" -o plenario do Consello de Comunidades Galegas celebrouse no histórico recinto- contrasta coa actitude do propio Feijóo cando, como líder da oposición, no ano 2007, lle pediu contas a quen daquela era presidente, Emilio Pérez Touriño, polas súas actividades desenvolvidas en Cuba e, sobre todo, porque non aproveitase a oportunidade para, con "valentía", esixir "liberdade" na illa.
A visita do mandatario socialista producírase co gallo da celebración do centenario do himno galego, interpretado por primeira vez no devandito Centro Galego da Habana, aínda que o PP especulara coa posibilidade de que Touriño viaxara para, simplemente, "poñer terra de por medio" e evitar conflitos políticos no país. Apenas dez días despois do seu regreso da viaxe, o 18 de decembro, Touriño compareceu no Parlamento para explicar a viaxe e indica que, ante os "mandatarios cubanos", detallara "que Galicia respecta a autonomía do pobo cubano e das súas institucións para atopar o seu camiño á democracia, ás súas propias vías de evolución e futuro".
Feijóo reprochoulle a Touriño en 2007 que non tivese a "valentía e determinación" de aproveitar a súa viaxe a Cuba para esixir "liberdade" e "democracia"
Na súa resposta Feijóo non condenou a totalidade da viaxe, xa que consideraba que seguía "a senda marcada" por Manuel Fraga, pero si explicaba que "botara en falta" algúns aspectos na estancia do presidente socialista, tanto no que atinxía á situación "moi delicada" da comunidade galega na zona como, sobre todo, "un pouco máis de valentía e determinación". Touriño, acusaba, perdera a oportunidade de realizar "un xesto máis concreto co pobo cubano apoiando as súas ansias de democracia e liberdade. "Non é incompatible -afirmaba- manter e profundar nas relacións coas autoridades cubanas cun posicionamento claro en favor da liberdade, da democracia e dos dereitos humanos en Cuba".
Esta liña argumental continuou sendo despregada por Feijóo e outros cargos do PPdeG nos meses seguintes. Así, o daquela voceiro parlamentario popular e actual alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, especulaba sobre a "coincidencia" de que o Goberno cubano "encarcelase disidentes" durante a viaxe do presidente da Xunta e pouco despois o actual presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, levaba ao Parlamento unha emenda a unha iniciativa apoiada por PSdeG e BNG a prol do achegamento entre a UE e Cuba. Neste caso, os populares reprochábanlle á Xunta que non defendese "o respecto aos dereitos humanos" e atribuíano a que os "referentes" do Bloque eran "Afganistán, Cuba e Venezuela".