Houbo uso de coche oficial. Os primeiros días da campaña electoral autonómica de 2012 estiveron axitados, entre outros asuntos, pola saída á luz das imaxes do daquela candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, a piques de embarcar no avión do acaudalado empresario José Benito López Carballedo para desprazarse de Bos Aires a Montevideo, no marco da súa xira electoral por Sudamérica. Daquela o PSOE advertiu de que "nas fotos aparece tamén un vehículo oficial da Embaixada de España" na Arxentina, "concretamente un Mercedes", ademais do propio embaixador, Román Oyarzum. O automóbil, dicían os socialsitas, "levou a Feijóo no vehículo oficial da institución ata o aeroporto", onde o agardaba a polémica aeronave, alcumada Paxariño Novo. Nove meses despois confírmase o uso do vehículo.
A preguntas do senador do PSdeG Miguel Fidalgo o secretario de Estado de Exteriores, Gonzalo de Benito, admitía este venres que, efectivamente, Feijóo se beneficiou do uso dun coche oficial naquel viaxe, se ben enmarca a atención no proceder "comprensible", segundo o cal cómpre que "ante a chegada dunha autoridade -Feijóo viaxaba en calidade de líder do PP, non de presidente- haxa algún apoio para trasladar a persoa ao lugar onde se vai aloxar". Segundo De Benito a Embaixada "limitouse a recoller" o líder da dereita galega no aeroporto cando chegou a Bos Aires e non foi utilizado "ningún recurso da Embaixada" cando Feijóo emprendeu viaxe cara ao Uruguai.
Nesa mesma viaxe Feijóo empregou o avión do empresario arxentino José Benito López Carballedo para viaxar ao Uruguai
Segundo o secretario de Estado estas facilidades son "sempre iguais" para todos os dirixentes políticos, "independentemente de ideoloxías ou procedencia". Así, asegura, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, tamén foi recibido por un coche da Embaixada na propia campaña electoral de 2012. Naqueles días fontes dos socialistas galegos consultadas por Praza aseguraran que na viaxe de Vázquez -que se produciu cunha diferenza de vinte e catro horas a respecto da de Feijóo- houbo un recibimento por parte dun representante da embaixada que, non obstante, non puxo á súa disposición vehículo ningún.
Neste contexto, o senador autor da pregunta censura o "cinismo" de Feijóo, quen "criticou outros partidos por utilizar coches oficiais mentres el n on dubida en usar o Mercedes do embaixador na Arxentina" e, ademais, "se serve do avión particular dun multimillonario". O propio Feijóo, di Fidalgo, "demonizou o voto da emigración e despois non dubidou en utilizar os bens e servizos públicos en beneficio electoral propio". "Tivo o comportamento que el tanto criticara", subliña, nun contexto no que, advirte, Pachi Vázquez "non utilizou ningún medio ou recurso público", toda vez que as súas actividades no exterior foron "financiadas con cargo aos fondos do partido". "A utilización destes bens e recursos públicos para a súa propia campaña supón un delito electoral e unha irregularidade moi grave" ante a que o Goberno central debera "tomar medidas e depurar responsabilidades", conclúe.