Feijóo defende a viaxe no avión dun empresario en Bos Aires: "non son fondos públicos"

Feijóo, con Rueda no Consello © Ana Varela

Non caeron ben nas filas do PPdeG as imaxes do presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, a piques de embarcar no Paxariño Novo, o avión privado de José Benito López Carballedo, o empresario emigrado de orixe galega que puxo á disposición do líder conservador a súa aeronave para desprazarse de Bos Aires a Montevideo. Despois de que o diario El País revelase estes feitos, acontecidos o pasado 15 de setembro, os conservadores esforzáronse en retrucar, primeiro a través das redes sociais e despois por boca do actual presidente da Xunta. En ambos casos o argumento empregado foi esencialmente o mesmo: trátase de recursos privados e o empresario é, ademais, militante do PPdeG.

Pachi Vázquez: "Eu só podo dicir que eu fun de Bos Aires a Montevideo en liña regular e clase turista"

Mentres comezaban a xurdir as comparacións entre estas imaxes e as empregadísimas polo PP na campaña de 2009, do daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a bordo do barco dun empresario -imaxes tomadas no ano 2005- os conservadores procuraron outra comparación: a dos viaxes a actos electorais do ex presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, en avións pertencentes ao Estado. "Feijóo utilizou os medios dun miltante do PPdeG para facer campaña do PPdeG, outros usaban avións do Exército para ir a mitins", sinalou o PP a través de Twitter. "Non vou usar nunca fondos públicos para facer campaña, non o fixen nunca e non o vou facer", proclamou Feijóo dende a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, a preguntas dos xornalistas. "Acudo con recursos do partido ou de afiliados do partido, non usarei o coche oficial para ir a mitins, como se fixou noutros anos", engadiu.

Mentres Feijóo explicaba que non considera "axeitado que outros usen avións do Exército para acudir aos mitins" dende a sede do PSdeG o seu candidato, Pachi Vázquez, amosábase convencido de que Feijóo "vai explicar" as devanditas fotografías, tomadas nos mesmos días nos que o líder socialista se atopaba tamén entre a Arxentina e o Uruguai. "Eu só podo dicir que eu fun de Bos Aires a Montevideo en liña regular e clase turista, pero estou seguro de que el dará unha explicación", asevera

 

Feijóo, con Rueda no Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.