Logo da nova lexislación imposta en 2014 polo Goberno central á acción exterior do resto de administracións, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto co que regulou esa área competencial e determinou a elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), documento que pretende superar anteriores reflexións globais ou estratexias parciais. O Goberno galego someteu a finais de 2016 a exposición pública o borrador desa estratexia, de 180 páxinas, que espera aprobar ao longo de 2017. Praza.gal e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) entrevistan sobre a proxección internacional que queren para Galicia a responsables na materia dos grupos da oposición e o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, que pecha esta serie.
Cales son as principais novidades da Egaex a respecto de anteriores reflexións globais ou estratexias parciais?
Moitas, tanto no contexto xurídico como no político internacional. No xurídico, en 2014 aprobáronse as leis estatais de servizo exterior do Estado e de tratados internacionais. Xunto a isto, o Goberno presentou por primeira vez na historia unha estratexia española de relacións exteriores. En Galicia fixemos o Plano de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión; a Estratexia de Especialización Intelixente para a Innovación, a chamada RIS3, e a primeira transfronteiriza, a RIS3T; está o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Canto ao contexto político, estamos a traballar xa na política de cohesión europea post-2020, para que teña en conta o factor demográfico. Están os efectos do Brexit. As presións migratorias, tanto o que ten que ver cos refuxiados como cos migrantes económicos. En Portugal, a crise e a postcrise. Mudou moito o contexto. Xulgo que é importante avanzar máis en detalle do que se tiña feito ata o de agora.
"A Egaex fixémola nós, non a externalizamos; poderiamos tela aprobada na anterior lexislatura, pero a nosa disposición a que participase máis xente e acadar un consenso fíxonos esperar"
E do que se tiña feito ata o de agora, avaliouse o cumprimento desas estratexias ou reflexións anteriores?
Avalíase precisamente ao facer esta estratexia, cunha análise DAFO [debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades]. Hai que ter en conta que esta Egaex fixémola nós, non a externalizamos, como documentos anteriores de 2004 ou 2007, así que avaliamos o feito ata agora.
A Xunta impúxose a si mesma elaborar a Egaex hai máis dun ano, pero aínda se está a debater o borrador, un texto que fala dun “horizonte post-2020”. Está a ser lenta a elaboración? Cal é o seu horizonte de aplicación?
A Egaex redactouse nun tempo relativamente breve polos nosos servizos. É verdade que as achegas das diferentes consellerías dilataron un pouco o proceso. Non todo o mundo responde inmediatamente. Logo, eu quería que fose participativa, así que a expuxemos ao público o dobre do tempo, e fixemos dobre ronda cos grupos políticos. E apareceu o Brexit e tivemos que telo en conta. Todo iso obrigounos revisar cada certo tempo o texto. Tamén se adiantaron as eleccións autonómicas, e iso condicionou. Poderiamos ter a estratexia aprobada na anterior lexislatura, pero a nosa disposición a que participase máis xente e acadar un consenso fíxonos esperar.
Por que a Xunta optou por redactar un borrador da Estratexia de Acción Exterior e sometelo logo a consultas e non por recoller previamente propostas antes de elaborar o texto? Que papel xogará nesas consultas o Consello de Acción Exterior [CAEX, órgano consultivo da Xunta no que participan institucións públicas, privadas e civís]?
O CAEX vai opinar, como é lóxico. Pero o goberno ten a competencia e a iniciativa. Sempre é máis difícil dicir “este texto é a miña proposta” que pedir á xente que mande propostas e eu corto e pego. Fixémolo por un exercicio de responsabilidade. Trabállase mellor cun texto sobre a mesa que cun folio en branco. Poñéndonos no caso de que todo o mundo fixera o seu traballo e enviase a súa propia estratexia, obrigaríanos a pór a nosa enriba da mesa e casar todas para facer a Egaex. Sería un caos. Co noso borrador, o traballo é máis rápido.
"Os problemas dos refuxiados e da participación política da diáspora terán un mellor tratamento que o que recolle o borrador actual da Egaex"
Falaba antes, como novidade na realidade política internacional, do problema dos refuxiados, pero a Egaex só fai unha referencia vaga a ese asunto.
Porque tanto a regulación europea como as capacidades dos estados membros están aínda moi verdes. Isto non quere dicir que non se poida ampliar. Cando fixemos a redacción [do borrador], a axenda europea das migracións estaba empezando. Agora podemos incorporar máis cousas. Nós queremos que se cumpra a posición inicial da UE, que se establezan cupos obrigatorios e permanentes para que non haxa picos de crise e que haxa unha lista de países seguros para diferenciar a migración de carácter económico. O tema dos refuxiados probablemente terá un tratamento máis amplo [na Egaex]. O texto vai mudando. Fíxose en maio e o Brexit metémolo ao final.
A Egaex tampouco nada di da participación política da diáspora.
Imos recollelo máis adiante. Na estratexia xa recollemos como un dos obxectivos fundamentais o tratamento dos galegos que viven fora, aproveitar as capacidades que temos de empresarios galegos en diferentes países para o incremento das exportacións ou do investimento directo en Galicia. A diáspora vai ter un tratamento axeitado.
"Galicia non pode ser membro de pleno dereito da CPLP porque non é un estado soberano, pero o Consello da Cultura Galega xa é observador"
A Egaex aposta por mellorar a relación con diversos países lusófonos, pero o borrador non fai referencia, máis que nun anexo, á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) como tal, malia que o propio presidente Feijóo prometeu que traballaría para a incorporación de Galicia á organización. Por outra banda, a CPLP agrupa estados soberanos e as súas áreas de actuación van máis alá da lingüística. Como explica esta situación? A que aspira Galicia nese ámbito?
As cousas mudaron tamén neste caso desde o primeiro borrador da Egaex. O Consello da Cultura Galega (CCG) é xa membro observador da CPLP. Díxonos que ía enviarnos un documento para analizar e incluír na Egaex. É evidente que Galicia non pode ser membro de pleno dereito porque non é un estado soberano, pero o CCG si se conseguiu que fose observador e nós seguiremos todo isto no marco amplo da Lei Paz Andrade de 2014 [de aproveitamento dos vínculos de Galicia coa lusofonía].
As leis estatais de acción exterior e de tratados internacionais suporán un freo ás aspiracións de Galicia nese ou noutros ámbitos?
Non. No que ten que ver coa lei de acción institucional do Estado, as cousas mudan pouco. O obxectivo fundamental é favorecer a coordinación da acción das comunidades autónomas coa política exterior do Estado, que segundo a Constitución é competencia exclusiva do Estado. Que o Goberno saiba quen vai a que sitio e que os servizos diplomáticos españois poidan prestar asistencia. Pero a nós non nos muda a situación porque xa o viñamos facendo. Creo firmemente que facer pola conta propia a acción exterior é un erro porque non se conseguen os obxectivos que se desexan. Nós agora temos máis capacidade de actuación que Cataluña, temos máis instrumentos, porque os cataláns están impugnados. A acción exterior, como toda acción pública, ten que ser útil. A coordinación co Estado é fundamental. O que facemos primeiro co decreto [galego de acción exterior] e agora coa Egaex é sacarlle ás máximas posibilidades ao marco xurídico español que temos. Non limita en absoluto. Canto á lei de tratados internacionais, aí si que hai novidades importantes. Antes [unha comunidade] só podía instar a sinatura dun acordo por parte do Estado cando se trataba dunha cuestión lingüística ou cultural. Agora, calquera competencia ou interese dunha comunidade autónoma pode instar ao Estado a iniciar o proceso de celebración dun tratado internacional e incorporarse á negociación. E o Goberno debe informar ás comunidades afectadas. Isto desenvólvese na Egaex. E logo regula os acordos de tipo non normativo, unha capacidade que nos recoñece a lei e que antes andaban no mundo das políticas de feitos.
O seu departamento, logo de ser Secretaría Xeral, foi rebaixado a Dirección Xeral e depende da Vicepresidencia, non da Presidencia da Xunta. Ten suficiente peso político para liderar esta estratexia transversal a toda a Xunta?
Lidéraa a Vicepresidencia. O Goberno de Feijóo en 2009 entendeu que había que racionalizar administrativamente a Xunta e considerou oportuno unir os departamentos de cooperación e acción exterior. E o vicepresidente ten unhas capacidades de coordinación transversal, preside a comisión de secretarios xerais que prepara os Consellos da Xunta. Canto aos recursos, sempre son insuficientes.