Galicia aspira a protagonismo no diálogo entre China e Europa

Imaxe das xornadas sobre o diálogo con China © Igadi

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) organiza unha xornadas coas que repensar as relacións no marco do proxecto 'O Xacobeo e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente'

Entre este mércores 14 de outubro e o venres 16 o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) desenvolve en liña, polas limitacións obrigadas polo coronavirus, as xornadas “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: camiños para o diálogo Oriente-Occidente”, coas que espera contribuír ao protagonismo de Galicia nas relacións entre China e Europa. As inscricións para as xornadas, gratuítas, están abertas na web china.hub.gal pero á marxe da participación formal nas mesmas o Igadi retransmitiraas en aberto a través de Youtube.

China está a impulsar unha nova Ruta da Seda © Igadi

As xornadas contan con dez sesións programadas ao longo de tres días nas que participarán expertas e expertos de entidades como a Academia de Ciencias Sociais da China, o Real Instituto Elcano, o Instituto de Oriente (Portugal), o Foro Macau, Cátedra China, o Centro de Estudos e Investigación sobre Asia Oriental (UAB), a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en China ou a Asociación de Galegos en China, entre outras. O obxectivo é “coñecer e repensar as relacións de Galicia con China e o diálogo Unión Europea-China, no marco da Axenda 2030 e a pandemia global da COVID-19”.

As Xornadas, salienta o Igadi, “poñen punto final á primeira fase do proxecto O Xacobeo e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente”, iniciado hai un ano e que naceu da convocatoria O Teu Xacobeo impulsada pola Xunta de Galicia e á que se sumaron achegas para o seu financiamento dos Concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Lugo.

O Igadi salienta que “as xornadas produciranse tamén no contexto da volta ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación do proxecto da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento”. “O papel da diáspora galega na China, as relacións de Galicia co mundo da lingua portuguesa (oficial en Macau), o papel das nosas cidades na proxección da Galicia global, ou o diálogo final na última sesión das Xornadas, o venres 16 de outubro ás 18:00, entre a Rede Galicia-China identificada polo informe do IGADI no marco do proxecto, aspiran a poñer enriba da mesa as potencialidades dunha acción exterior de Galicia con vontade de retorno para a nosa sociedade”, sinala o instituto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.