O Instituto Galego de Documentación Internacional (IGADI) fai 25 anos. O Consello Reitor da entidade, constituída o 10 de setembro de 1991, reunirase este sábado en Pontevedra co obxectivo de facer balance da actividade desenvolvida neste cuarto de século por este think tank creado para "reflexionar sobre as tendencias internacionais e as súas consecuencias para Galicia, propoñendo alternativas para unha mellor inserción internacional da nosa comunidade".
O Consello Reitor está formado por unha ducia de persoeiros e expertos en diversas áreas, como Emilio Martínez Rivas, Ignacio Ramonet, Luís Álvarez Pousa, Manuel Mera, María Xosé Agra Romero, María Xosé Porteiro García, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Fortes Bouzán, Xosé Luis Franco Grande ou Xosé Luís Rodríguez Pardo. Tamén formaron parte de Lois Tobío, Fernando Pérez-Barreiro Nolla e o recentemente falecido Ramón Lugrís, figura que será lembrada no encontro. Farase balance da estratexia 2010-2016 e sinalaranse os trazos esenciais do futuro inmediato da institución, co horizonte de 2020. Ademais, analizarase o momento da acción exterior de Galicia co referente do decreto aprobado pola Xunta o pasado decembro.
"O decreto de acción exterior de decembro dálle as costas de forma deliberada e consciente a Galicia"
"O decreto de acción exterior de decembro desenvolve a Lei de Acción Exterior do Estado pero dálle as costas de forma deliberada e consciente a Galicia", denuncia Xulio Ríos, director do IGADI. Para Ríos o decreto baséase "na práctica exclusividade da internacionalización económica e a conseguinte desatención a outras dimensións, amén dunha clara vontade de submisión ás orientacións do goberno central neste eido (co argumento da coordinación) renunciando de facto a calquera intención de influír en positivo e apostando simplemente por destacarse no escrupuloso e absoluto respecto da normativa vixente". Ríos critica que a norma se aprobara por decreto e sen consenso coa oposición, aínda qu tamén afirma que "dunha oposición que acostuma criticar as viaxes exteriores do Presidente como unha maneira de “desatender as obrigas de goberno”, pouco criterio cabe agardar nestes asuntos.
Xa noutras ocasións a entidade subliñara a debilidade da acción exterior levada a cabo pola Xunta, unha inacción exterior que o decreto consuma e refrenda normativamente e que a entidade analizara polo miúdo na edición 2015 do seu informe Nós no Mundo. "Precisamos estar no mundo non só cos nosos produtos senón coas nosas xentes, cos nosos proxectos, coas nosas ideas e forma de ser", sinalaba daquela Ríos, que explicaba que "en todos os países, tanto nos máis coma nos menos avanzados, está presente a necesidade de actuar transcendendo con ambición o marco das fronteiras tradicionais".
"Hai un proceso de demolición da acción exterior, reducida ao ámbito da internacionalización económica e empresarial e ao ámbito dos fondos comunitarios"
Ríos afirma que "nos últimos tempos déronse pasos atrás importantes con respecto á situación que podíamos ter por exemplo nos anos noventa. Hai un proceso de demolición da acción exterior, reducida ao ámbito da internacionalización económica e empresarial e ao ámbito dos fondos comunitarios". "Xa non só é que non se valore o acción exterior como se debería, senón que en ocasións se levan a cabo campañas pensadas para minusvalorar ou converter esta acción exterior en algo insignificante", engade.
En canto ao balance dos 25 anos de actividade do IGADI, Ríos afirma que "como en todos balances, hai cousas positivas e negativas". Na parte positiva sinala "a capacidade da sociedade civil para dinamizar propostas e iniciativas que contribúen a poñer a Galicia no mundo", entre elas o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Observatorio de Política China ou o Libro Branco de Acción Exterior. No negativo destaca "o desamparo, a precariedade coa que se desenvolven estas cousas en Galicia, a diferenza doutros países e noutras comunidades do Estado, nas que dende o ámbito público e dende o ámbito privado existe un compromiso moito maior con aquelas instancias que dende a independencia procuran reflexionar para construír país".
"O máis importante é construír capacidades dende a sociedade civil"
Mirando cara ao futuro da acción exterior e da actividade do IGADI, Xulio Ríos salienta que "o máis importante é construír capacidades dende a sociedade civil" pois aínda que "o apoio institucional e privado son importantes" é máis importante aínda "que na propia sociedade exista conciencia de que entidades coma o IGADI, independentes e multidisciplinares, poden ser útiles para o país". "Se a sociedade non cre nestas cousas, non poden durar", conclúe. "Nestes 25 anos hai un traballo importante desenvolvido e nós seguiremos traballando sabendo que máis alá do apoio que recibamos dos partidos políticos ou dos gobernos, é a sociedade a responsable de que este tipo de proxectos funcionen", di.
25 Tarefas en 25 Anos
Coincidindo co seu 25 aniversario, o IGADI elaborou un documento no que destaca as 25 actividades máis salientables levadas a cabo pola entidade neste tempo. Destacan, por exemplo:
- A creación do CIDIC (Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea)
-
A promoción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a formulación dunha política de cooperación ao
desenvolvemento coordinada cos intereses estratéxicos de Galicia - A reivindicación da figura de Plácido Castro
- A creación do Observatorio da Política China
- A promoción dos Foros Bilaterais coa Diáspora
- A formulación de estratexias para a promoción exterior da cultura galega e os servizos á internacionalización empresarial
- A creación de Tempo exterior, revista galega de estudos internacionais e a elaboración de informes de referencia