A Xunta evita revelar ao Parlamento o custo da viaxe de Feijóo á China

Feijóo e Conde, nunha das xuntanzas mantidas durante a súa viaxe á China do pasado xuño © Xunta

Unha das escenas máis espalladas polo PPdeG durante os seus tres anos e medio na oposición foi a do actual delegado da Xunta en Vigo, o daquela deputado Ignacio López-Chaves, acudindo á sede do Goberno galego á procura de "facturas" e "actas" sobre a participación da Consellería de Cultura na Feira do Libro da Habana, que tivo en 2008 a Galicia como país convidado. A Xunta enviara ao Parlamento as facturas reclamadas polo parlamentario popular e unha delas, duns 1.600 euros nunhas 400 bebidas ofrecidas durante unha presentación, serviu aos conservadores durante anos como látego contra o Goberno de PSdeG e BNG. A súa publicación cumpría, proclamaba naqueles meses Alberto Núñez Feijóo, porque "Galicia enteira ten dereito a saber onde se emprega o diñeiro público de todos os galegos e galegas".

Case unha década despois daquelas controversias o propio Feijóo segue a axitar os "mojitos de La Habana" cando é cuestionado pola oposición a respecto de gastos do seu Executivo. Unha desas preguntas foi formulada hai apenas dous meses por En Marea e refírese a unha viaxe do presidente amplamente difundida dende o Goberno por tratarse do primeiro desprazamento oficial dun titular da Xunta á China. Esa visita desenvolveuse durante case unha semana a principios de xuño e tivo como obxectivos declarados "abrir oportunidades de negocio e captar investimentos". Na comitiva encabezada por Feijóo participaron tamén o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo, Nava Castro, ademais de "preto de trinta empresas galegas" e "diversos representantes diplomáticos", segundo informou a propia Xunta no inicio da viaxe.

A resposta da Xunta á pregunta concreta sobre "o custo da viaxe" limítase a indicar que foi "axustado ao establecido no Código Ético Institucional" do Goberno galego

Tres días despois do remate da visita a deputada de En Marea Magdalena Barahona rexistrou unha pregunta parlamentaria na que pedía á Xunta detalles concretos ao respecto. Nomeadamente, reclamaba coñecer "quen financia a estancia do conxunto da comitiva" e "cales foron os gastos concretos en dietas, aloxamento e viaxes". Ademais, pedia saber se "a estancia dos empresarios que acompañaron osmembros do Goberno" foi "financiada con fondos públicos", cales foron concretamente "as empresas que acompañaron o Goberno" e "cal foi o custo total da viaxe", así como detalles das axendas oficiais e cumprimento dos obxectivos marcados.

A Presidencia da Xunta vén de achegar ao Parlamento a súa resposta e nela, alén de reiterar obxectivos xerais da viaxe xa avanzados en comunicados públicos do Goberno, evita revelar os custos que Barahona solicitaba coñecer, se ben aclara que "a Xunta financiou unicamente a viaxe e a estancia dos membros do Goberno" e non a dos representantes empresariais. "O custo total da viaxe, no referido a dietas, aloxamento e traslado, axustouse ao establecido no Código Ético Institucional aprobado en 2011 e no resto das normas reguladoras", indica como única referencia aos fondos destinados á visita. 

Feijóo, Conde e Castro viaxaron á China cunha axenda "centrada, principalmente, na busca de oportunidades para estreitar relacións con tres empresas" do sector agroalimentario

O código ao que se refire a resposta foi publicado pola Xunta a comezos de 2011 durante unha viaxe privada do presidente ao Brasil que recibira abondosas críticas da oposición e foi incorporado posteriormente ao Código Ético Institucional vixente na actualidade, que incorpora directrices para ámbitos como a recepción de agasallos institucionais e declaracións de bens, moitas delas tamén incluídas na nova lei de transparencia de 2016. Ese texto indica, por exemplo, que "o desprazamento en clase preferente quedará reservado exclusivamente para as viaxes transoceánicas", caso da China, e para "dúas persoas como máximo por departamento do Goberno (...) cando se trate de delegacións presididas polo presidente da Xunta ou calquera dos conselleiros e conselleiras".

Cabe deducir, deste xeito, que Feijóo, Conde e Castro viaxaron á China en clase preferente e que as eventuais dietas que puidesen percibir saíron do diñeiro reservado pola Xunta en 2017 para "indemnizacións por razóns de servizo", orzamento que segundo o publicado no portal de transparencia ascende a 6,9 millóns de euros. En calquera caso, nin os datos publicados neste portal nin a información achegada por Presidencia en resposta a Barahona permite coñecer canto custou a viaxe, na que a "axenda dos membros da Xunta" estivo "centrada, principalmente, na busca de oportunidades para estreitar relacións con tres das empresas máis importantes do país dende o punto de vista agroalimentario", di o documento en referencia a COFCO, JD.com E Shangai Fisheries. 

Deste xeito, alén das declaracións públicas de Feijóo ao respecto e da propia resposta á pregunta de En Marea, o Parlamento non recibirá información adicional ningunha sobre a viaxe do presidente á China ata que o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, compareza en comisión para informar sobre as viaxes dos membros do Goberno no segundo semestre do ano. Estas comparecencias -cuxa transcrición está dispoñible na web da Xunta-, nas que Gamallo non adoita ofrecer datos económicos, substituíron dende o retorno do PP ao poder ás comparecencias que, durante o mandato do Goberno de coalición, Emilio Pérez Touriño realizaba ante o pleno da Cámara despois de cada visita oficial ao estranxeiro.

Feijóo, cun responsable da empresa JD.com durante a súa visita á China © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.