A ministra de Defensa traslada a Rueda que o seu departamento permitirá a instalación da fábrica en Ferrol
Ante a polémica por supostas reticencias do CNI e Defensa á instalación da fábrica de SAIC en Ferrol, este martes a portavoz da Comisión Europea, Arianna Podestà foi preguntada en Bruxelas sobre a posición da UE. A súa resposta consistiu en deixar en mans dos estados garantir a seguridade de cada proxecto pero dar a "benvida" a investimentos estranxeiros como o agora cuestionado. Ao tempo, a ministra de Defensa, Margarita Robles, comunicou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o seu departamento permitirá a instalación da fábrica en Ferrol
A portavoz da Comisión Europea comezou a súa resposta ante a polémica con SAIC matizando que a UE non se pronuncia sobre proxectos concretos, pero a continuación, e lendo un texto, o que evidencia que o Executivo comunitario prevía ser cuestionado sobre o proxecto en Galicia, rebaixou a polémica. Segundo dixo, é cada estado o responsable de avaliar as implicacións de cada proxecto, incluídas as de seguridade. Pero tamén lembrou que a UE ten desde outubro de 2020 un marco para o control dos investimentos estranxeiros directos e identificar posibles ameazas.
A portavoz da Comisión Europea salienta que os mecanismos da UE permiten "non restrinxir as actividades dos investidores estranxeiros na UE, que son, por suposto, benvidos"
Ese mecanismo, engadiu, funciona "sen reducir a apertura da UE a estes investimentos estranxeiros directos en xeral nin restrinxir as actividades dos investidores estranxeiros na UE, que son, por suposto, benvidos". Isto é, os posibles riscos que poida ter un asentamento industrial estranxeiro deberan poder sen controlados sen que sexa necesario prohibir ese investimento.
Nesa liña, varios medios divulgaron tamén este martes que a ministra de Defensa comunicou a Rueda que o seu departamento non se opón á instalación de SAIC en Ferrol. Os riscos de seguridade que puidera supoñer, sinalan diversas fontes, deben ser identificados e paliados sen que implique un veto ao proxecto.