O presidente da Xunta asegura que non ten "capacidade, nin intención, nin tería sentido facer unha viaxe con intencionalidade política"
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, tentou diferenciar este luns a viaxe que realizará esta semana á China da que vén de facer o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, criticada polo PP estatal e por Alberto Núñez Feijóo. Segundo Rueda, Sánchez foi "facer política" e a súa propia viaxe só ten motivacións económicas.
Segundo Rueda, a súa viaxe á China como presidente da Xunta é "de contido económico", buscando a internacionalización da economía galega e captar turistas, "intención única e exclusiva". "Non teño capacidade, nin intención, nin tería ningún sentido facer unha viaxe con intencionalidade política, que foi o que fixo o presidente do Goberno", di Rueda sobre a viaxe de Sánchez, a quen atribuíu tamén "intencións particulares" nunha visita á China que tamén tivo contido económico. Tamén no próximo mes ten previsto viaxar á China o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.
Preguntado sobre se consultou a súa viaxe á China coa dirección estatal do seu partido, Rueda asegurou que polo seu contido "non necesita ser consultada con ninguén".
No pasado Feijóo como presidente da Xunta fixo viaxes a países que agora o PP estatal presenta como incorrectos aliados internacionais do Goberno de España. Unhas viaxes que non só tiveron contido económico senón nas que tamén mantivo encontros con responsables políticos, como en 2017, cando se reuniu co daquela viceministro chinés de Relacións Internacionais, ou en 2016, cando se reuniu co daquela presidente cubano Raúl Castro.