Cando estamos próximos de celebrar o aniversario das primeiras manifestacións convocadas polo movemento, procuramos a opinión de media ducia de voces, coñecedoras dos movementos sociais e das dinámicas políticas da esquerda e dos movementos autónomos, para que reflexionen sobre a evolución do 15M nestes últimos meses, as perspectivas perante as manifestacións deste sábado e os retos de futuro da cidadanía crítica.
Falamos con Víctor Sampedro (catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política e activista social na Tabacalera de Lavapiés), Manuel M. Barreiro (analista político, editou o pasado ano o libro A novísima dereita e nós), David Rodríguez (deseñador, poeta, que vén de editar en Estaleiro Editora a compilación de textos políticos Retomando a palabra), Antón Gómez-Reino (activista, membro da Rede de Dereitos Sociais ou da Rede Robin Hood), Raimundo Viejo Viñas (profesor de Ciencias Políticas na UPF) e Antón Fernández de Rota (antropólogo social e membro dos colectivos Universidade Invisíbel e Zoopolitik).
En xeral, todos coinciden en que os motivos para saír á rúa para pedir cambios de fondo na política e na xestión económica son moito maiores que hai un ano: "Debaixo da cinza hai lume: a ofensiva do Partido Popular contra o Estado de benestar ou a crise de lexitimidade das elites políticas seguen a favorecer a combustión social", di Manuel Barreiro, que engade que "a folga xeral abriu un novo ciclo de mobilizacións que favorece a converxencia de esforzos e activismo".
Manuel Barreiro engade que "a folga xeral abriu un novo ciclo de mobilizacións que favorece a converxencia de esforzos e activismo"
Pola súa banda, David Rodríguez cre que se ben as condicións obxectivas están claras, hai que comprobar se se dan as subxectivas para que as mobilizacións sexan masivas: "a mobilización do 12M servirá para saber se o que sucedeu hai un ano foi froito dunha conxuntura na que o efecto novidade xogou un papel moi importante ou se hai unha corrente de fondo na cidadanía capaz de vencer ao medo e á incertidume que toda situación de crise xera na poboación".
Para Antón Gomez-Reino, "é umha auténtica incógnita saber o que pode suceder o sábado", en función do incremento das causas obxectivas e dun certo desgaste do 15M que fai que "a cidadanía em geral seja hoje menos permeável as propostas mobiliçadoras ao movemento indignado". Cre que a nivel estatal é probable que "a resposta seja boa nas grandes cidades, especialmente em Barcelona, onde a vaga mobiliçadora está máis avançada dada a contestaçom as políticas de recurtes do governo CIU". Victor Sampedro e Raimundo Viejo apuntan, pola súa banda, que o Goberno tentará crear situacións de tensión e violencia para deslexitimar as mobilizacións.
Un ano de movemento
Despois de doce meses de mobilizacións, hai unha certa perspectiva para analizar o movementos de indignación e valorar o seu asentamento e evolución. Para Barreiro, "o 15-M manifestouse nos últimos meses como unha corrente subterránea, desapareceu dos focos informativos, pero revalorizouse con un fermento da sociedade civil". De igual xeito, Sampedro salienta que "o 15M é puro movemento e, por tanto, non acepta ningunha forma de estancamento" e afirma que "o peor que podería ocorrer sería que IU ou UPyD (non digamos o PSOE) patrimonializasen este inmenso capital social en forma de votos". Sampedro destaca, ademais, o traballo realizado polo movemento en cooperación con outros colectivos: "dende hai un ano lanzou unha rede de autoaxuda para os desafiuzamentos, cooperativas, medios auto-xestionados... Fixo xurdir e soubo converxer coas mareas verde (educación), azul (auga), branco (sanidade), violeta (feminismo)". En opinión de Antón F. de Rota, o 15M deu "unha verdadeira lección de estratexia sen estratega, ou sen máis estratega que esa multitude en rede"
En opinión de Antón F. de Rota, o 15M deu "unha verdadeira lección de estratexia sen estratega, ou sen máis estratega que esa multitude en rede"
Para Raimundo Viejo, "o 15M nom é um movimento", senón que "é um acontecimento que relança a política de movimento" e afirma que "o 15M nunca se constituirá como fronte de massas de um partido de avangarda; nunca satisfará os ideologemas de modelos organizativos desfasados. O 15M é a expressom política de umha nova composiçom técnica de classe". David Rodríguez é máis cauto e opina que "o 15M segue a ser o que foi: un movemento social que mostraba de xeito inarticulado o fartazgo cun estado de cousas. O que é moi probable é que neste ano se dese un proceso de aprendizaxe en moitos e moitas das participantes no mesmo".
Para Gómez-Reino, "o 15M tem pervivido, impregnando aos movementos com um recordatorio a necesidade de ser inclussivos, horizontais, amplos e plurais que sigue absolutamente vigente", porén, "no que tem que ver a identidade (elemento central num movemento político para gerar consensos e agregaçom) creio que tem perdido a batalha e a día de hoje, a identidade 15M está parcialmente estigmatizada polas contínuas campanhas de intoxicaçom do poder", polo que "o 15M ja nom é especialmente valioso como elemento invocador".
Fernández de Rota afirma, pola súa banda, que un dos principais acertos dos e das indignadas foi "responder á crise económica formando un movemento pola democracia, puido ir máis aló do problema dos recortes orzamentarios e reformas laborais encorsetadas nos lindes da estado-nación", o que levou a que a democracia "non soamente volva suscitar preguntas, senón que volveu a se converter en perigosa para os gobernantes".
A relación con outros colectivos
En opinión de Manuel M. Barreiro, a relación entre o 15M e outros colectivos transitou entre o receo inicial e a procura de converxencias e salienta que na actualidade hai unha "axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil". Sampedro fai fincapé en que "a militancia insubmisa, ecoloxista, feminista, internacionalista e alterglobalizadora atopou nas prazas unha nova xeración de activistas" e converxeu "con mozos socializados en Internet: o único espazo que lles deixaran".
Na actualidade hai unha "axenda de defensa do común, do público e da da igualdade de oportunidades como capital social a conservar, que é un punto de encontro para amplos sectores e activistas da sociedade civil"
David Rodríguez lembra que estes receos continúan e pon como exemplo a manifestación dos traballadores do naval convocada en Vigo para o mesmo sábado 12; a este respecto cre que se debe aumentar a cooperación e a converxencia: "estes novos movementos deberían, con toda a actitude crítica que queiran pois están totalmente lexitimados para iso, redescubrir a tradición de esquerdas da que, por moito que non sexan conscientes, proveñen". Mentres, para Antón F. de Rota, "os partidos equivócanse ao ver neste movemento una mero colectivo de potencial votantes, ou peor aínda, o inimigo a combater. Eles son, neste momento, a única esperanza democrática".
O futuro
Barreiro salienta que as manifestacións do día 12 serán fundamentais para "recuperar visibilidade" e facer unha demostración de forza
En canto ao futuro, as opinións diverxen un chisco. Barreiro salienta que as manifestacións do día 12 serán fundamentais para "recuperar visibilidade" e facer unha demostración de forza e engade que "non basta con indignarse. O 15-M ten que pensarse como un catalizador de procesos". De igual xeito, David Rodríguez cre que o movemento debe ter clara "a estratexia que se debe seguir para disputar o poder", pois "un movemento cuxo obxectivo sexa unicamente o de erixirse en consciencia crítica, sen vontade de loitar polo poder, acaba por diluírse e ten, a longo prazo, a batalla perdida".
Raimundo Viejo apunta a este respecto que "o reto é nom caer na tentaçom de perfeicionar o mando actual, de saber producir instituiçons que nom rematem sendo integradas aos desenhos institucionais das democracias liberais". E Sampedro cre que o reto debe ser "escapar da cooptación política e empresarial, manter a capacidade de apelación masiva e seguir xerando redes autoxestionadas de resistencia, protesta e propostas" e conclúe "se invertemos a orde anterior, mellor que mellor". Finalmente, en opinión de Fernández de Rota, "non deberiamos contentarnos con só saír da crise. Os indignados impélennos a responder ao medo e á desesperación, xerando unha potencia democratizante".
Para Antón Gómez-Reino, "o desafío presente orbita em dous sentidos que, de partida, podem parecer antagónicos: Por umha parte a necesidade de profundiçar espaços de autonomía e pola outra a necesidade de entrar em litigio polo poder político, convencional e sistémico, desde o que artelhar um muro de contençom ante o tsunami liberalizador".